- Cada función será o venres, ás 21:30 no auditorio
- En total, serán seis actuacións, co humor e a retranca como eixos condutores
Ribeira, 21 de outubro de 2011.- Unha nova edición da Mostra de Teatro de Ribeira terá lugar no concello entre o 29 de outubro e o 2 de decembro. En total, serán seis as actuacións que terán lugar no auditorio e todas elas terán o denominador común de que nas distintas representacións dramáticas abundará o humor e a ironía.
A concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e o responsable municipal da área de teatro do Concello, Segundo Chiki Durán foron os encargados de desvelar o programa desta edición. A edil riveirense destacou que esta acción é unha das que máis expectación levanta a cidadanía e lembrou que as funcións están dirixidas a un público adulto maior de 13 anos, xa que a Área de Cultura xa reserva un bo número de programacións para os máis cativos, como o Nadal, o Mes dos Títeres, o Mes das Letras ou a propia Mostra de Teatro Infantil.
Todas as funcións levaranse a cabo no salón de actos do auditorio, ás 21.30 horas, e para acceder a elas poderanse retirar as entradas media hora antes das actuacións, que como sempre son gratuítas.
Elvira Pisos agradeceu a colaboración da Deputación e convidou a toda a cidadanía ribeirense e das localidades limítrofes a que se animen a presenciar as magníficas representacións que van ter lugar durante dous meses.
Pola súa parte, Chiki Durán foi o encargado de explicar o contido do programa:
VENRES 28 DE OUTUBRO
TEATRO CANDELEXAS (Noia)
“EN BUSCA DA CHACHA PERDIDA”
Escrita e dirixida por Victor Vez. Divertidísima comedia na que un matrimonio de xubilados “relatan” as penurias que pasaron perante corenta anos para encontrar a empregada do fogar ideal. Polo domicilio conxugal van pasando diferentes personaxes o que da lugar as mais variadas e divertidas escenas. Situacións cargadas de ironía que, ao mesmo tempo que provocan verdadeiras gargalladas, dan lugar a unha aceda critica social de tipos e personaxes moi frecuentes na nosa sociedade. En definitiva unha comedia da que pódese dicir aquilo de que “fai escachar coa risa” levada adiante grazas ao traballo e ao empeño que toda a compañía fai en cada un dos seus espectáculos.
VENRES 4 DE NOVEMBRO
CARRACHANACACHA
“GHEIDI (só para adultos)
Escrita e dirixida por Leandro Lamas, a compañía Carrachanacacha, presenta esta nova comedia despois do éxito conseguido coa súa anterior montaxe “Comendo pimentos de Padrón con Tarantino” que tan boa acollida tivo na anterior Mostra de Teatro de Riveira na que viña avalada xa pola cantidade de premios acadados nos distintos certames de teatro nos que se presentaron. “Gheidi (só para adultos)” e unha comedia de humor na que conta a historia dunha nena abandoada que ten un avó narcotraficante que teñen un can infiel, e contan entre os seus amigos con Pedriño, un neno escravizado que quere ser funcionario. Sen esquecernos da amiga da nena, Claretes e unha vella, a señora Rotanmerdas, que conspira na penumbra. O elenco está formado do seguinte xeito: Gheidi (Lorena Montero), Avó (Suso Barro), Trosqui (María Veiga), Pedriño (Felipe Carballido), Claretes (Celia González) e Rotanmerdas (Celia Hernández).
VENRES 11 DE NOVEMBRO
A CONTRABUTACA PRODUCCIÓNS
“FRANTASMAS”
Baixo a dirección do propio autor do texto, Xosé Lueiro, e despois de levar con grande éxito e aceptación por parte do público das súas últimas montaxes, o musical “Robin Hood” e a comedia “Un morto moi vivo”, ambas representadas no seu día neste Auditorio de Riveira, afronta o seu proxecto máis arriscado e persoal, “Frantasmas”, que ven sendo outra comedia pero co gag como elemento estructural. Unha obra na que prima o humor do absurdo e na que contaron, para a súa posta en marcha, coa colaboración do director artístico de Yllana, que como todos vostedes saberán, é unha das compañías maestras internacionais no teatro máis hilarante e irreverente. O punto de partida é a chegada dun matrimonio – un antropólogo inglés chamado Otis e unha soprano estadounidense chamada Margarett- ao caserón que herdaron en Inglaterra, onde son recibidos por un mayordomo e unha ama de chaves á cada cal máis sinistro. Unha maldición familiar, e un morto, completan esta aventura chea do mellor humor do absurdo. Destacar a interpretación dos tres actores que levan adiante a función, Fran Campos, Fran Rei, e Fran Ameixas, que aproveitando que os tres levan o mesmo nome adaptouse o título de FRANtasmas xustamente por esta coincidencia.
VENRES 18 DE NOVEMBRO
MALASOMBRA PRODUCCIÓNS S.L.
“GO ON!” (Galician History)
Esta función preséntase como unha auténtica odisea cómica no espacio galego. Interpretada por Xoque Carvajal e Jouse García, escrita por José Luis Prieto, e baixo a dirección de Marcos Orsi, a compañía Malasombra presenta a súa última montaxe que ben se podería resumir dicindo que logo da chegada do home á lúa, á humanidade só lle faltaba un reto, a chegada do home a Galicia. Como dí a propia compañía na súa presentación oficial, no ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso) dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea. Sen dúbida unha montaxe para ter en conta se o que se pretende e pasar unha noite entretida e chea de humor.
VENRES 25 DE NOVEMBRO
TEATRO GALILEO
“SEMPRE QUIXEN BAILAR UN TANGO”
Baixo a dirección de Pedro Rubín, e cun elenco formado por Fernando Morán, Isabel Blanco, Ana Santos e Tanas, todos eles grandes coñecidos polo público grazas á súa participación en distintas series de televisión, tanto na galega como a nivel estatal, a función “Sempre quixen bailar un tango”, escrita por Teresa González, preséntase como unha traxicomedia que non deixa indiferente a ninguén e que reflexiona sobra as cousas que deixamos sen facer e sen aprender ao longo da nosa existencia. Trátase dunha viaxe emocional, por medio do humor, sobre as cousas valiosas da vida e o transcurso do tempo. Un texto intelixente cunha magnífica posta en escea e un traballo excepcional que conseguirá facernos rir, chorar, e en definitiva, emocionarnos.
VENRES 2 DE DECEMBRO
TALÍA TEATRO
“PELOS NA LINGUA”
Cun texto de varios autores, baixo a dirección de Avelino González, e coa participación actoral de María Ordóñez, Toño Casáis e Artur Trillo, a compañía Talía Teatro afronta esta nova montaxe chea de humor e ironía, cun ritmo áxil, dinámico e fresco. Na mesma liña do seu anterior espectáculo “Bicos con lingua”, aseguran a continuidade da temática que tan bó resultado lles dou daquela, poñendo en valor a importancia da nosa lingua.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario