Ribeira, 8 de outubro de 2011.- Despois de varios días agardando a que as condicións meteorolóxicas foran propicias, os expedicionarios ribeirenses José Antonio Sobrado Silva e Roi Fontaíña Martínez xa conseguiron voar en avioneta dende Katmandú -capital de Nepal- ata Lukla, localidade situada ao este deste país que alberga o considerado aeroporto máis perigoso do planeta.
Os aventureiros cualificaron a experiencia de “emocionante” e cunha aterraxe “do máis espectacular” pois o pequeno aeroporto, situado a 2.860 metros de altitude, conta cunha pista de tan só 460 metros de lonxitude que está ubicada ao borde dun precipicio en plena montaña.
Agora mesmo están en Namche Bazaar, a capital da rexión de Khumbu, e que está considerada “a porta do Himalaia” polos viaxeiros.
Sobrado Silva e Fontaíña Martínez indican que nos vindeiros días estarán sen posibilidade de conexión a internet nin calquera outro tipo de comunicación con Ribeira, xa que están listos para emprender a ruta planeada.
Impresións de Katmandú
Non obstante, aínda tiveron oportunidade de relatar as súas impresións respecto a súa estancia previa en Katmandú, que se demorou máis do previsto ao ter o Goberno de Nepal pechados todos os voos nacionais polo mal tempo.
A este respecto, cualifican de moi grata a posibilidade de cear e compartir mesa con Toni Aguilar e cos nenos e mulleres da fundación promovida en Nepal por este cooperante catalán que entre outros obxectivos brinda labores de axuda á orfandade de alfabetización das mulleres.
Na súa estancia en Katmandú mesmo puideron coñecer a dous viaxeiros madrileños que coincidiron cos ribeirenses na impresión de que este é un país “ecléctico e colorista”, no que se está a desenvolver unha emerxente industria dedicada ao turismo de aventura.
Ruta
A partir de agora, a ruta ascenderá polo val do “Bothe Koshi” aproveitando as antigas vías que utilizaban as caravanas tibetanas de “Jaks” para atravesar o Himalaia, e que máis recentemente usaron os refuxados tibetanos para escapar da represión china. Ademais, dende a remota rexión fronteiriza co Tibet terán que atravesar dous dos pasos de montaña máis elevados da terra e o glaciar “Drongzba” para chegar ata a base do Everest. Dende alí, descenderán o val do “Dudhi Koshi” para regresar de novo a Lukla. Durante a travesía ascenderán dous picos de máis de 5500 metros. A cota mínima ao principio do percorrido é de 2800 metros, e a máxima altitude será de 5700 metros. Antes, en Certo:
Aventura en Nepal: chegaron os dous expedicionarios á capital
Pode que tamén lle interese:
Curso: o sábado 12 de novembro, de ximnasia hipopresiva
Ponte a Andar 2011: este domingo 13, Porto do Son
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario