23.11.11

Sanidade: a Xunta asegura que garante a cobertura sanitaria a toda a poboación, incluídos os desempregados de longa duración

  • O Sergas alerta dun falso documento nas redes sociais "que está a ser utilizado para confundir á poboación"
  • Asegura tamén o goberno de Feijóo que o Bng minte
Media_httpfarm6static_apgqk

Barbanza-Noia, 23 de novembro de 2011.- Ante a alarma suscitada estes días e que comprobamos persoalmente en Certo ante numerosos comentarios e noticias sobre o mesmo asunto -antes pero sobre todo despois das eleccións do 20N-, a Xunta informou esta mesma tarde que "Galicia é a única Comunidade Autónoma que garante de oficio a asistencia sanitaria a desempregados de longa duración e persoas sen recursos. Coa publicación en setembro da Orde da Consellería de Sanidade, Galicia anticípase 4 meses a unha medida do Goberno de España para garantir a asistencia sanitaria a estes dous colectivos. A Orde publicada polo Goberno galego beneficia aos parados que teñan esgotada a súa prestación de desemprego, así como aos que a Seguridade Social lles retirara a prestación sanitaria".

Din que o Bng minte

"O BNG continúa mentindo sobre a sanidade pública en Galicia, cortando frases e sesgando textos oficiais, algo que o seu portavoz parlamentario debería evitar, na defensa do rigor. Só teñen que presentar documentación para acceder a unha tarxeta do Servizo Galego de Saúde as persoas procedentes de fóra de España que se declaren sen recursos e que non tiveran tarxeta sanitaria con anterioridade, por exemplo, os estranxeiros que non acrediten residencia oficial aquí", replica a Xunta.

Alerta dunha falsa circular nas redes sociais

Continúa a nota oficial da Xunta co seguinte: "Ademais, coa fin de tranquilizar á poboación, o Servizo Galego de Saúde manifesta que non emitiu ningunha “Circular informativa sobre a cobertura sanitaria”, na que se virten unha serie de aseveracións completamente falsas, sobre a medida posta en marcha pola Consellería de Sanidade, mediante a que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego. Dito suposto documento está repleto de informacións malintencionadas que o único que pretenden é confundir á opinión pública.

Polo tanto, o Sergas quere alertar da existencia deste falso documento nas redes sociais, que ten o único fin de crear alarma, e co que a Administración Sanitaria Galega non ten vinculación algunha; e desminte rotundamente calquera vinculación das unidades de xestión de tarxeta sanitaria co mesmo".

Os galegos non teñen que asinar ningún compromiso de pago

Como xa se reiterou en múltiples ocasións, ningún galego terá obriga de firmar ningún compromiso de pago para acceder á asistencia sanitaria. Deste xeito, ao igual que no resto dos servizos sanitarios de España, as únicas persoas que teñen a obriga de acreditar un compromiso de pago serán exclusivamente as persoas que queiran ser atendidas no Sergas cando teñan a cobertura realizada por mutuas particulares ou os estranxeiros que non acrediten dereito á súa atención sanitaria coa Tarxeta Europea ou documento acreditativo preceptivo.

Mensaxe de tranquilidade

O Servizo Galego de Saúde reitera a súa garantía de que ningunha persoa sen recursos quedará sen asistencia sanitaria en Galicia, e que todas as persoas sen recursos terán dereito a asistencia sanitaria.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical