29.12.11

Ribeira: aproban no Parlamento unha moción para evitar verteduras nos polígonos industriais do municipio

  •   Aprobouse tamén por unanimidade instar ao Goberno galego a acometer o saneamento integral do concello 
  • Marisol Soneira denunciou que a máxima de quen contamina paga está  a arruinar importantes proxectos dos sector do mar instalados en Couso e Xarás

Media_httpfarm2static_bsfxq

Ribeira , 29 de decembro de 2011. A comisión 2ª do Parlamento de Galicia vén de aprobar unha Proposición no de Lei dos Socialistas de Galicia, transacionada con nacionalistas e populares, pola que se insta á Xunta a que, con carácter de urxencia, estableza as medidas que fosen necesarias para garantir que as verteduras industriais procedentes das empresas asentadas nos polígonos de Couso e Xarás, no concello de Ribeira, non afecten negativamente ás actividades acuícolas nin aos bancos marisqueiros da zona, nin ao medio ambiente en xeral.  

A iniciativa require tamén do Goberno galego a que, con carácter de urxencia, acometa as accións que fosen necesarias para dotar ao concello de Ribeira dun saneamento integral que solucione, definitivamente, os problemas medio ambientais ocasionados polos vertidos urbanos. 

Marisol Soneira, deputada socialista encargada de defender a iniciativa, amosou a súa satisfacción polo acordo acadado, e puxo de manifesto a importancia do mesmo, por tratarse “dun problema endémico deste municipio, que no é calquera cousa”. Soneira lembrou que Ribeira é dos municipios importantes de Galicia, demográfica e economicamente e pola situación de cabeceira de comarca que detenta, e non parece razoable que a estas alturas este concello estea a verter á ría “a caño libre” todos os residuos urbanos e industriais.  

A parlamentaria socialista confesou que a iniciativa pretendía nun principio poñer solución aos problemas coas verteduras libres das empresas dos polígonos de Ribeira que afectan ás empresas pesqueiras, pero, “non temos ningún inconveniente en estender a petición ao Executivo galego para dotar de saneamento integral a todo o concello coruñés” aproveitando a súa tramitación na comisión de Medio Ambiente, en lugar de na de Pesca.  

Neste sentido, advertiu Marisol Soneira de dúas cuestións. Por unha banda, denunciou os “atrancos que o Concello de Ribeira –en alusión á anterior corporación- puxo sempre para que se puidera levar a cabo un saneamento integral dese concello”. 

Por outra recordou o anuncio do conselleiro Hernández -Medio Ambiente- dun acordo para ubicar o saneamento integral en Couso, pero a confraría de Aguiño non está de acordo nunha macro-depuradora, e prefiren unha solución compartida con outros puntos de Ribeira, “como por outra parte parece lóxico”. Soneira salientou a “enorme desconfianza” que as precedentes actuacións da Xunta suscita entre as confrarías.    

“QUEN CONTAMINA, PAGA” PODE ARRUINAR PROXECTOS MILLONARIOS NOS POLÍGONOS DE COUSO E XARÁS 

Na súa exposición de motivos, Marisol Soneira centrou a preocupación dos socialistas “no razoamento que nos da Xunta”, que asegurou nunha resposta a unha pregunta parlamentaria que a súa función se limita a prestar todo o apoio técnico e xurídico e administrativo que lle sexa requirido a fin de levar a bo termo as peticións de responsabilidade.  

Para a deputada socialista isto significa que a Administración que ten que garantir o cumprimento da lei e ten que defender a aqueles que se teñen instalado alí – nos polígonos de Ribeira citados- con proxectos acuícolas e marisqueiros interesantes e que están condenados ao fracaso ata que se resolva o asunto das verteduras e a contaminación, dilles que “como quen contamina paga, o que paga pode contaminar”. Porque “o que se está obrigando é ao prexudicado a que presente unha demanda nos tribunais, mentres a Xunta, en todo caso vai limitarse a labores de asesoramento”, afirma.  

Conclúe Soneira que dá a sensación de que “non temos unha Administración que protexa os nosos dereitos obxectivos, como é neste caso”.  Hai moitas empresas nestes polígonos que dependen da calidade das augas para a súa subsistencia e desenvolvemento, proxectos como os dos parquistas de Carril, de cultivo de rodaballo en terra, ou os bancos marisqueiros da confraría de Aguiño, “unha das entidades que teñen denunciado vertidos incontrolados”, apunta a deputada socialista. Entre as empresas denunciadas, destaca Marisol Soneira a “curiosidade de que unha é da que foi xerente un director xeral da Consellería do Mar, que, por certo, non tiña nin licencia de verteduras, sen embargo funciona e segue a verter”. 

O proxecto dos parquistas de Carril, para cría de ameixa, está parado desde fai un ano. Este proxecto, cun forte investimento europeo e da Xunta tivo que mandar ao paro aos seus investigadores e persoal porque “ao lado ten empresas que verten a caño libre”, recriminou Soneira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical