- Impártea o profesor Santiago Losada baixo o título "As mil primaveras de Cunqueiro"
O nicho de Cunqueiro no cemiterio vello de Mondoñedo
Ribeira, 26 de decembro de 2011.- Cadrando co peche do ano 2011 en que se conmemora o centenario de D. Álvaro Cunqueiro, o Concello acolle un relatorio do profesor Santiago Losada Carregal sobre a vida e obra do mindoniense. “As mil primaveras de Cunqueiro” é o título escollido para o relatorio que se impartirá o vindeiro mércores, 28 de decembro, ás 20 horas no Conservatorio Municipal de Riveira (R/ Miguel Rodríguez Bautista, 21). Esta tarde cunqueirá gozará ademais da colaboración do profesorado do Conservatorio que abrirán o acto agasallando ao público cunha breve introdución musical.
A biografía do autor, a narrativa de Cunqueiro, o seu teatro, a súa poesía neotrobadoresca tan coñecida grazas á voz de Amancio Prada, ou a abraiante gastronomía que estudou e describiu serán parte desta disertación sobre o home, o escritor e sobre Galicia: a razón e os soños de Cunqueiro.
Biografía do relator
O profesor Losada Carregal é Licenciado en Filosofía pola Universidade de Salamanca e mais Licenciado en Filoloxía Clásica pola Autónoma de Madrid. Exerceu o seu traballo como profesor de Historia da Filosofía no IES Eduardo Pondal de Cangas; profesor da mesma materia no, daquela, único instituto de ensino secundario de Vilagarcía de Arousa; no Seminario de Santiago de Compostela; e continuou a súa carreira como profesor en Madrid, no IES Pérez Galdós, ata a súa xubilación.
Logo de deixar o ensino regrado seguiu a súa longa carreira impartindo aulas para adultos e contribuíndo á difusión cultural como Coordinador de actividades da Aula Cultural “Puente de Toledo” de Madrid. Así mesmo, colabora cos Centros Galegos do centro da Península impartindo conferencias e propiciando actividades de dinamización que estendan o coñecemento sobre a cultura galega.
A publicación de ensaios como “Hamlet y Don Quijote locura o cordura”; “Pérez Galdós. El Dos de Mayo”; “Goethe. Fausto o la nostalgia de la juventud” ou “Miguel de Unamuno y su novela Abel Sánchez” son outra parte do seu frutífero quefacer.
O Xornal Dixital de Barbanza e Noia
OLLO!! PÁXINA DE SEAREIROS EN FACEBOOK: http://www.facebook.com/xornalcerto
ÚNETE!!
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario