- A Deputación da Coruña, que busca como tola a fusión de concellos, apoia esta iniciativa e fará "acompañamento institucional para facilitar a posta en marcha"
- Diego Calvo cualificou o día de hoxe como "histórico" e buliu para afirmar que o consorcio non custará nada aos concellos implicados
Segundo explicou Calvo, esta iniciativa “que non suporá ningún custo para os concellos implicados” é o pistoletazo de saída a un proceso de cooperación intensa entre os municipios que a Deputación da Coruña pediu nos últimos meses. O principal obxectivo deste tipo de accións é o de compartir servizos sempre baixo os criterios de eficiencia, calidade e sustentabilidade.
Nesta ocasión, ademais, a Deputación da Coruña formará parte do proceso de constitución deste novo organismo desde os seus inicios para axudar e apoiar o seu despegamento e posta en marcha. A institución provincial continuará vinculada a este CSL ata que esté desenrolado e poida funcionar cos seus propios medios. “Non só colaboramos coa nova entidade, senón que participamos directamente nela para apoiar a súa posta en marcha”, apuntou o presidente provincial.
O principal papel do organismo provincial será o de impulsar a boa marcha deste novo CSL, "o que supón unha garantía para o bo funcionamento e o desenvolvemento do futuro Consorcio. O novo ente poderá estar rexistrado como tal, unha vez solucionados os trámites burocráticos, nun prazo aproximado de seis meses", asegura en nota de prensa a Deputación.
Primeiros en recoller a luva, disque
Os concellos de Dodro, Padrón e Rois foron os primeiros en recoller a luva lanzada polo presidente da Deputación Provincial que, desde a súa chegada ao goberno da institución, insistiu en que para garantir a estabilidade dos seus municipios é necesario que os concellos compartan servizos para xestionar de forma máis eficaz os seus recursos.
A colaboración entre o tres irase estendendo, de forma gradual, a todos os servizos municipais cos que contan os concellos. “Quero deixar moi claro que os alcaldes destes tres concellos son os protagonistas deste proxecto que busca a sostenibilidade, eficiencia e calidade da xestión dos servizos. Quero tamén agradecer a valentía de estos alcaldes por asumir o reto”, dixo Diego Calvo.
“Trátase de pensar noutra escala, nunha nova xeración de cooperación e nunha maneira nova de compartir os servizos, con maior calidade e eficiencia. E todo iso, baixo a premisa dunha nova cultura de cooperación intensa e fundamental e co obxectivo último de dar un mellor servizo aos cidadáns, que son os primeiros e últimos beneficiarios desta iniciativa”, insistiu o presidente provincial.
Terras de Iria
O proceso de constitución do novo CSL Terras de Iria seguirá uns pasos, como son a aprobación do novo CSL polos plenos dos concellos e da Deputación ou o nomeamento por parte de cada un dos seus membros dunha persoa que entrará a formará parte da comisión xestora. Esta comisión será a encargada de establecer os estatutos do novo consorcio.
A maior singularidade desta asociación é a do número de concellos que a integran, “un número suficiente pero non excesivo para empezar”, matizou Diego Calvo, que tamén adiantou que xa se está traballando con outros concellos da provincia para presentar iniciativas similares que suporían a colaboración de entre tres e cinco concellos como máximo que poderían ir vendo a luz nos próximos meses.
Explosión demográfica grazas ao consorcio?
O futuro CSL Terras de Iria sumará un total de 16.814 habitantes, con esperanza de chegar pronto aos 20.000, e abarcará un territorio de máis de 177 quilómetros cadrados, magnitudes que, segundo indicou Diego Calvo, “demostrarán o importante que é que os concellos poidan traballar xuntos nunha nova cultura municipal de cooperación intensa e cunha clara vocación de continuidade por parte da Deputación Provincial”. “Trátase de alcanzar masas de entre 15.000 e 20.000 habitantes que poidan xestionarse por si soas”, puntualizou Diego Calvo. O que non explicou é de onde van saír eses máis de 3.000 habitantes que faltan para os 20.000, cando en Galicia, sobre todo no interior, a recesión demográfica é evidente e moi difícil de solucionar, xa que o rural está case esquecido polos políticos.
Os rexidores de Dodro, Padrón e Rois agradeceron en todo o momento o apoio institucional que prestará a Deputación na posta en marcha de este CSL. Destacaron os beneficios dos que, en breve, favoreceranse os seus veciños.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario