- Os socialistas desta bisbarra valoran como "moi grave" a situación de desemprego nesta zona ao superarse os dez mil desempregados
- Piden dinamizar os polígonos industriais da comarca (Rianxo, Pobra, Ribeira, Noia e Muros) con naves modulares en aluguer para emprendedores e bonificacións e estímulos económicos aos pequenos e medianos empresarios
- Denuncian que o macropolígono comarcal do Barbanza está paralizado dende a chegada de Feijóo
Boiro, 9 de xaneiro de 2012.-O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage, reuniuse o pasado sábado cos portavoces municipais e secretarios locais do PSdeG-PSOE da comarca barbanzana para abordar a “grave situación de desemprego que están sufrindo os concellos do Barbanza, ao superar a cifra de 10.000 desempregados”.
Os socialistas do Barbanza ven a cifra de 10.000 desempregados no conxunto do Barbanza "como unha proba da magnitude da crise económica”.
Lage Tuñas apunta “son datos moi negativos. Precísanse respostas e o goberno galego terá tamén que explicar que fixo nestos tres anos de lexislatura, dado que teñen competencias en materia de emprego, con dúas consellerías,na que unha ten fondos para adicar ás políticas activas de emprego e outra, a de industria, conta con instrumentos poderosos como o IGAPE que é preciso saber que fixeron neste tempo”.
”Os socialistas do Barbanza propoñemos que a Xunta de Galicia aprobe un plan de emprego para a reactivación económica da comarca do Barbanza para os anos 2012 e 2013”, explicou Lage Tuñas.
Os dirixentes socialistas advirten que “ata o de agora Feijóo fuxía das súas responsabilidades pero debe respostar das súas competencias para dinamizar a economía”. Os socialistas do Barbanza ven que ”o IGAPE está paralizado e non atende as demandas dos emprendedores da comarca do Barbanza. Imos pedirlle contas ao goberno galego, teñen competencias en materia de emprego e non sabemos que fixeron nestos tres anos que levan gobernando”.
Lage Tuñas entende que “a Xunta debe explicar a política de incentivos e estímulos económicos” dirixida a fomentar o dinamismo económico e interesarase novamente “polas axudas concedidas a emprendedores e pequenas e medianas empresas do Barbanza para a xeración de riqueza e emprego na bisbarra”.
”Non podemos quedar de brazos cruzados, nin resignarnos a ver como a actividade económica se sigue ralentizando e cada vez hai máis desempregados. A Xunta ten competencias en materia de emprego e cabe pedir un esforzo, máis imaxinación e menos resignación”, argumentou.
Macropolígono paralizado
O deputado socialista destacou que “os socialistas barbanzanos estamos fondamente preocupados porque o Macropolígono Empresarial do Barbanza está paralizado, dende o ano 2009 a Xunta non fixo ningunha xestión, na práctica o proxecto está conxelado”.
“O Partido Popular ten que explicar a razón pola cal o goberno galego non fixo nada nestes 3 anos. Existe demanda de solo industrial en Ribeira e Pobra e a Xunta non dá respostas, non acelera a tramitación e execución do macropolígono empresarial do Barbanza”.
Naves modulares en aluguer nos polígonos
Os socialistas do Barbanza “piden dinamizar os polígonos industriais de Rianxo, Pobra, Ribeira, Noia e Muros, con naves modulares en aluguer para emprendedores e bonificacións e estímulos económicos aos pequenos e medianos empresarios”.
“Non só se trata de ter solo industrial senón tamén que precisamos unha liña clara de axudas aos emprendedores para que poidan instalarse nos polígonos e iso é o que propoñemos e esperamos que se acolla ben a nosa proposta”, explicou Lage Tuñas.
Posición constructiva no Parlamento
"Non é unha crítica demagóxica, é un exercicio de responsabilidade dende a oposición parlamentaria, de querer saber, de preguntarlle a quen ten competencias que foi o que fixo ata o de agora, e de saber como se gastaron os recursos públicos en materia de industria, emprego, incentivos económicos, etc. A situación do desemprego do Barbanza é grave e precisamos respostas”, sinala Lage, quen vai interesarse novamente no Parlamento polas políticas que leva aplicado o goberno Feijóo para dinamizar a economía na comarca do Barbanza.
Os socialistas barbanzanos demandan do goberno galego “unha clara politica de incentivos e estímulos económicos” dirixida a fomentar o dinamismo económico e emprego na bisbarra”.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario