25.1.12

Ribeira: xa se pode ollar "Paraísos non tan lonxanos" no auditorio, ata o 25 de febreiro

  • É unha escolla de 22 imaxes subacuáticas sobre especies que habitan na Ría de Arousa


Ribeira, 25 de xaneiro de 2012- O auditorio acolleu na noite de onte o acto de apertura da exposición “Paraísos non tan lonxanos”: unha colección composta por 22 fotografías de vivas cores nas que se amosan asombrosas imaxes dalgunhas das especies que esconde a ría de Arousa. 

A concelleira de Cultura, Elvira Pisos, foi a encargada de inaugurar oficialmente a exposición en compañía de Jacinto Pérez, presidente do Grupo de Estudos do Medio Mariño (GEMM), a entidade organizadora da mostra. 

Jacinto Pérez explicou que as imaxes foron tomadas en diferentes puntos do medio mariño do municipio, como a illa de Rúa, a praia de Coroso, a praia da Catía ou a illa de Sálvora. Nas abraiantes instantáneas, impresas sobre lenzo, que se poden admirar, aparecen especies como medusas, cabaliños de mar, babosas, polbos, escachos, sanmartiños,  esponxas ou anémonas xoias. “E isto só é unha pequenísima parte do que temos na ría”, afirmou o presidente do GEMM. 

Elvira Pisos agradeceu a colaboración desinteresada do CEMM e convidou á veciñanza a que non deixe de visitar no Auditorio esta mostra, coa que se pretende difundir a beleza das nosas costas e sensibilizar acerca da preservación da súa flora e fauna. A exposición estará aberta ata o próximo 25 de febreiro, de luns a venres entre as 10 e as 14 horas. 

Antes da conclusión do acto, Jacinto Pérez explicou aos asistentes as características de cada unha das 22 fotografías.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical