22.3.12

Ribeira: o pavillón de Coroso conta cunha sala de musculación e fitness para deportistas de clubs e usuarios da UAD

 

Ribeira, 22 de marzo de 2012.- O alcalde Manuel Ruiz Rivas e o concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez Queiruga, visitaron hoxe o novo ximnasio de musculación e fitness que, situado no pavillón de Santa Uxía (Coroso), o Concello proporciona de balde pero, ollo, só a disposición dos deportistas membros dos clubs do municipio e de usuarios da Unidade de Atención de Drogodependencias.

 

“Esta é outra forma de dar servizo e prestacións aos clubs dende o Concello, pois a nosa axuda non ten por que pasar unicamente pola vía das subvencións”, explicou o rexedor aos representantes das entidades do municipio que quixeron acudir a este acto de apertura (tamén estivo presente o xefe de servizo da UAD, Jesús Cartelle).

 

Novos investimentos

Ruiz Rivas tamén avanzou que é intención do Concello, a través dos seus orzamentos, seguir incrementando o gasto en inversión deportiva a través dunha nova pista multideporte semellante á que xa hai en Abesadas e tamén da compra de terreos na parroquia de Oleiros para a súa dedicación á práctica deportiva.

 

Pola súa parte, Juan Luis Martínez -que procede do mundo dos ximnasios e o taekwondo- explicou que esta sala ximnasio conta con máquinas de fitness de circuíto pechado (o que as fai máis idóneas en canto á prevención de lesións), unha zona de traballo de tonificación abdominal, bicicletas de spinning para traballo aeróbico e outra maquinaria que cubre todos os grupos musculares dos trens superior e inferior.

 

Os usuarios dos clubs que queiran facer uso das instalacións (recomendadas para maiores de 16 anos) poden solicitar cita previa na oficina de Deportes situada no complexo da Fieiteira (deportes@riveira.com).




 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical