22.3.12

Ribeira: un experto aposta por concellos a dous niveis administrativos, onde unha parte teña servizos supralocais

  •  O catedrático Luís Caramés impartiu unha conferencia en castelán na aula multimedia
  • Considera que a administración municipal actual está obsoleta e cheira a alcanfor
  • Non se opón ás fusións pero prevén contra delas: hai que incentivalas pero non coaccionar, pois moitos concellos obrigados no pasado a fusionarse separáronse logo

 

Ribeira, 22 de marzo de 2012.- O catedrático de Facenda Pública e Sistemas Fiscais da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Caramés Viéitez, impartiu onte unha clase maxistral na Aula Multimedia baixo o título de “A Facenda Municipal: entre a fragmentación territorial e a insuficiencia financeira”.

 

No transcurso da súa intervención, dunha hora e media de duración, Luis Caramés manifestou que ao seu xuízo estamos convivindo cunha organización municipal obsoleta, sobrepasada pola realidade contemporánea (“la realidad económica, social, cultural, etc. ha variado, pero la armazón de la administración pasada por el tamiz municipal sigue siendo alcanforado”, explicou).

 

Luis Caramés entende que Galicia padece problemas de fragmentación e despoboamento, e tamén de eficacia e equidade. Non se proclama contrario as fusións (sempre que se vaia pola vía de incentivar, e non de coaccionar: “buena parte de los municipios que fueron obligados a fusionarse, se desfusionaron después”), pero avoga por fórmulas intermedias de cooperación representadas por un dobre nivel de Administración, no que aos servizos e competencias puramente locais se sumen outras supramunicipais en ámbitos que poderían ser, a título de exemplo, o saneamento, a recollida de lixo ou a loita contraincendios.

 

Non obstante, advirte do perigo de que este segundo nivel perda contacto cos cidadáns e se volva tecnocrático.


Entre as persoas que se deron cita no local situado na avenida do Malecón estiveron os alcaldes de Ribeira e Boiro, Manuel Ruiz e Juan José Dieste; o senador José Luis Torres, distintos edís e persoal ligado á acción municipal, alumnos da Universidade e público en xeral.

 

Currículum

Luis Caramés é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela. Ampliou estudos na Universidade de Burdeos, cunha bolsa de estudos do Ministerio de Facenda. É catedrático de Facenda Pública e Sistemas Fiscais na USC desde 1987. Foi Decano da Facultade de Económicas da USC e director do seu Departamento de Economía Aplicada. Foi Profesor visitante nas Universidades de Burdeos e Pau en Francia; da Business School de Curitiba, en Brasil. Tamén foi director da Cátedra Bolívar (USC) para as relacións con América Latina.

 

Co-Editor da “Urban Public Economics Review” e director executivo do Plan Estratéxico de Santiago de Compostela, primeiro Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais e avaliador da Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (Ministerio de Ciencia e Innovación) e presidente da Organización de Economistas de la Educación (OEE) son outros dos cargos que figuran no seu amplo currículo profesional.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical