Cando me dá por pisar eses máxicos e solitarios paraxes en busca de algún indicio ou vestixio que relacione o entorno con unha era ou civilización. Sinto como se, ao meu carón, voaran xentes invisibles, gnomos ou calquera espírito dos antepasados que noutros tempos deambularon polo lugar. Figuras que un, ao través dos anos, foi creando no seu imaxinario influído por lecturas, esculturas e debuxos que todos levamos observado. Estas reflexións lévanme a reescribir a miña visión da antigüidade ou a crear unha nova hipótese; pois baseándonos na recomendación de que os individuos deberiamos evolucionar, por que de non facelo, corremos o risco de que os novos financeiros de “carreira”, nos pillen durmindo e con arte trileiro se nos fagan cos aforros de toda unha vida. A min nesta inxenua teima —miren por onde— dáme por remexer nestes asuntos que, para moitos, son andrómenas do ano catapún que a ninguén lle interesan.A Arqueoloxía científica está constantemente corrixindo moitos dos traballos que permanecen estacionados nas vitrinas de museos e almacéns de escavacións ataporquinas, naufraxios ou do mesmo Exipto. E xa que nós tecnoloxicamente non temos onde ir, seguiremos remexendo no pouco legado que por desgraza nos queda, aínda que sexa legado dos invasores, violadores e demais golfos que empuxados polo afán de enriquecerse coma os novos banqueiros, ocuparon estas terras aterrorizando aos lóxicos, naturais, indíxenas, rústicos, nativos asilvestrados e paranoicos veciños da touta de Postmarcos. Tiña que haber de todo! Os lugares onde máis abondan estas enerxías son aqueles menos transitados polos bípedes. Cando son moi frecuentados, estes entes voadores, poltergeist ou como se lles queira chamar, escapan. Abandonan a paisaxe e ésta vóltase erma, decrépita, sen grilos, sen flores nin paxaros cantores. Non poden tolerar a chirriante modernidade da linguaxe, os modernos botellóns, músicas trangalleiras con volumes patolóxicos nin a porquería de latas, cartóns e botellas que deixan na zona. Daí que estes lugares, unha vez profanados, perdan o seu candor. Á paisaxe pásalle o mesmo. Unha vez que os actuais enxeñeiros urbanistas e paisaxistas lle poñen a vista encima: Adeus! Chuchados quedan.Pásalle ás pedras: Unha vez quebrada polos picos, barrenos ou “grillos”, estas morren deixando a sinal perpetua de quen a profanou, agredindo coas súas cortantes feridas a maxistral obra escultórica do demiúrgo, deixando estéril, insulso, anodino, vulgar; un ben da humanidade. A lenda di que no Pico Sacro, cargado de ouro, non se podía extraelo metal con ferro. Só se podía recoller cando este se desprendía del. Fai moitos anos ó cruzar por diante dun chamuscado santo, pasoume pola cabeza unha herética sensación que me fixo cavilar sobre aquel afumado relieve, que como unha alma en pena, pedía que de un raio dunha vez, alguén recoñecera a súa propia identidade. Digo chamuscado porque nalgunha ocasión ten sufrido o esquecemento dos seus devotos e coller o negro do piche polo fume das velas. Dende tempos inmemoriais aquel mouro santo non é outro que o “San Antoniño do Maño” aínda que para calquera profano —cando está sen lavar— pasaría por un mouro dos que fican baixo as patas do cabalo santiagués. Pero algunhas mentes retorcidas, como pode ser a miña, intúen que aquela basta figura disfrazada de frade cristián ben podía ser a dun lar protector fenicio ou romano, venerado polos mariñeiros da antigüidade. En Málaga, Mercurio era venerado por pescadores e peixeiros como divindade protectora e cando o cristianizaron pasou a ser San Cristovo. Os romanos encargáronse de mudar cantas relixións indíxenas eran practicadas nos territorios que eles ían sometendo. Así que lugares, lápidas ou deuses venerados na cultura ibérica pasaron a usar o seu idioma e a súa doutrina. Logo veu o cristianismo que desautorizou o culto nos santuarios pagáns. Pero pensárono mellor e cunha man de policromía e cambio das lápidas rótulos fóronse aproveitando. Por moito que quero abreviar este relato, fáiseme imposible. Talvez sexa polo meu pobre léxico ou paupérrima narrativa. Sigo:Volvendo ao progreso: O endovélico celtibérico de orixe celta, deus da saúde, protector da terra e da natureza. Deus bondadoso e especialmente protector dos bosques foi aceptado polos romanos. Cambiáronlle o nome e pasou a chamarse Esculapio. Hoxe estes deuses foron substituídos polas brigadas de contraincendios, incluídos Helicópteros e avións. Seguimos:Calquera pode pensar —alá el— que o San Antoniño antes de ser adoptado, fora unha deidade fenicia, ibérica, romana ou sueva.Vexamos:Fai pouco os da Pobra descubriron un cartel nas proximidades do Santo que chaman ara, que máis que ara, ben podía ser unha estela (lápida) que fixera referencia a este lar fenicio, grego ou ibérico que viría a ser, o D.N.I. da divindade venerada, estimada á que pregan, rogan e suplican para que lle dea un home ás mulleres que lle fai falta. Aínda que a principal protagonista ou promotora do santo foi unha tal Francisca do Son, que viña sempre cunha escaleira ó lombo atravesando montes, veigas, prados e gándaras para alumear ó santiño a cambio que lle devolvera o seu home amancebado cunha morena en Cuba. Polo de pronto a estela foi depositada no Museo Valle-Inclán: esta muda foi condenada o silencio (damnatio memoriae) picando a súa inscrición que probablemente indicase o nome deste lar vial, nume, deidade ou deus pagán. Dende tempos precastrexos o vecindario do Punta Ostreira probablemente veña ofrendando os mesmos exvotos que aínda agora vemos pegados na porta da fornela: Fachos de cera, flores e aceite de oliva ou xirasol. Tamén podían poñer pombiñas de papel con restos do aceite de peixe gastado que tamén serven para alumear ó santo, e ademais, sería un xesto ecolóxico e austero que nestes tempos falta fai. Xa non digo figuriñas de bronce porque aínda non apareceu ningunha. Para o que se leva buscado…! Coma sempre, para xustificar a miña irreverente —se alguén así a considera— desconfianza, acompaño estas imaxes que, sen intención de molestar a ninguén, sirvan para argumentar estas febles pescudas recoñecendo pola miña parte que non son suficientes como para afirmar que os primeiros protagonistas desta imaxe foran ningún dos mencionados pobos invasores, visitantes ou exploradores. En ambos casos, o fin e a intención veñen ser a mesma. O que importa é a pregaria. Inocente o que chegou ata aquí.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario