21.5.12

Memoria histórica: Rianxo e Melide acollen o III Seminario sobre a Memoria, con visitas aos campos de concentración de Barbanza

  • Terá lugar entre Melide e Rianxo o 1, 2 e 3 de xuño
  • Visitaranse os lugares nos que estiveron os campos de concentración franquistas de Padrón, Muros, Lousame e Rianxo
  • Francisco Martínez, Quico, un dos últimos guerrilleiros, dos da partida do mítico Girón, será invitado de excepción neste seminario
  • O Seminario está organizado polos DEPARTAMENTOS DE CIENCIAS SOCIAIS DO IES “FÉLIX MURIEL”, de Rianxo, e do IES MELIDE, e polo Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA, que recén acadou o premio "Pedrón de Ouro" polo seu labor a prol deste país


Media_httpfarm3static_cgeim

Imaxe que ilustra a colaboración de Xurxo Ayán titulada "El novio de la muerte" (sobre Millán Astray, fundador da Lexión). Nela óllase a garda do campo de concentración de Rianxo, na torre de Tanxil (Arquivo familiar de M. Lustres). Alí estivo Millán Astray tamén. Pódese ler a colaboración aquí


Rianxo, 21 de maio de 2012. Francisco Martínez, Quico, un dos últimos guerrilleiros vivos, estará presente activamente no III SEMINARIO SOBRE A MEMORIA: A GUERRILLA E OS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN, que se celebrará entre Melide e Rianxo os próximos 1, 2 e 3 de xuño de 2012.

Quico participou activamente nas actividades guerrilleiras, dacabalo entre Galicia e León, desde os 17 anos, e conserva na actualidade unha lucidez e axilidade física extraordinarias que lle permiten seguir sendo unha testemuña de primeira man, absolutamente fundamental para o coñecemento e a análise do papel da guerrilla na loita contra a ditadura.

Quico, que actualmente reside en Alacant e acaba de publicar a obra "Guerrillero contra Franco, guerrillero contra el olvido", aceptou a invitación formulada pola organización para participar activamente no desenvolvemento do Seminario, tanto na súa parte teórica como –o cal non é menos significativo– no percorrido polos espazos ocupados polos campos de concentración en Padrón, Lousame, Muros e o Barbanza.

Ii_seminario_memoria_melide
Imaxe do seminario de 2011, en Melide

No desenvolvemento desta actividade de formación, con certificación oficial e organizada polos Departamentos de Ciencias Sociais do IES “Félix Muriel” de Rianxo e do IES Melide, e polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, visitaranse diferentes lugares nos que foron internados prisioneiros antifranquistas na zona, así como as minas de San Finx, en Lousame, significativas pola súa resistencia fronte ao golpe de estado de 1936.

Ademais de Francisco Martínez, intervirán no Seminario o especialista na resistencia antifranquista Xaquín Yebra, e os estudosos dos períodos da II Republica e o franquismo –con varias obras publicadas sobre o tema e unha máis no prelo– no Barbanza, Xesús Costa e Xesús Santos.

Na páxina oficial de Nova Escola Galega pode consultarse o programa en detalle da actividade, e tamén pode localizarse a ficha de inscrición.

As prazas son limitadas e asignadas por estrita orde de inscrición.

Toda a información en http://www.nova-escola-galega.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical