7.5.12

A Pobra: o equipo de goberno promete unha gardería logo de 8 anos sen facer a prometida

  • Segundo denuncia o Psoe, o equipo do popular Isaac Maceiras adícase a facer estes anuncios en comidas-mitin no canto de facelo no pleno, diante dos representantes lexítimos dos veciños
  • Sospeitan que, de facerse no lugar que indica o goberno popular, unha asociación veciñal veríase desaloxada do local concedido

A gardería que leva Maceiras prometendo dende 2004 podería ubicarse no Camiño Ancho

A Pobra, 7 de maio de 2012. O Psoe da Pobra denuncia hoxe en nota de prensa "as promesas incumpridas de Isaac Maceiras, que emprega un acto pagado cos cartos de todos os pobrenses para facer propaganda unha vez máis", en referencia á comida da terceira idade do pasado venres 4 de maio.

"Logo de 8 anos sen facer a gardería, e de prometela no Nadal de 2004 "como se fora un agasallo de Papá Noel, volve agora á carga, cando non dá xestionado un Concello que ten na creba e que ten que ir a plan de axuste e pasa o tempo e gasta os cartos en actos, como a comida do venres, totalmente superflua e só para saír na foto", explican os socialistas pobrenses.


"O concello da Pobra tivo necesariamente que acudir ao Plan da axuste, (endebedamento para pagar ós provedores) por un importe de 1.554.091,49 euros. Entre estes figuran as empresas de catering e demais establecementos de hostalería onde o equipo de goberno acude para organizar os convites, tales como celebracións da bandeira azul, ágapes desta mesma bandeira, inauguracións varias ou o mesmo xantar da terceira idade", proseguen dende o Psoe da Pobra.


Onde está a gardería prometida en 2004?


"O señor Maceiras debíase adicar a buscar os cartos para pagar as débedas destas cuchipandas e dos seus fastuosos actos de inauguración e deixar de prometer o que non vai facer... Pode que pense o señor alcalde que os pobrenses temos pouca memoria, pero a hemeroteca é terca e o día 25 de Nadal de 2004 saíu con que ía facer unha gardería para cen nenos: onde está, oito anos despois? É este o gran xestor da Pobra? Ben se ve: estamos afogados pola súa mala xestión", critican os socialistas.


"Ademais, segundo conta a prensa, o mandatario xa mostrou os planos de situación desa hipotética gardería ao invitado que trouxo á festa  dos vellos do pasado venres. Por qué non llos ensina aos lexítimos representantes dos veciños na Corporación? Será porque unha vez máis ten pensado desaloxar a unha asociación de veciños do local que ten concedido. Isto é: un colectivo máis silenciado", rematan dende o Psoe da Pobra do Caramiñal.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical