30.5.12

Ribeira: Costa da Morte, Portugal e Cambados por terra e Ferrol, Arousa e Sálvora por mar, nas novas saídas culturais para maiores

Media_httpfarm8static_ezaiy

Francisca Vidal e Vicente Mariño presentaron estas viaxes

Ribeira, 30 de maio de 2012.- O Concello presentou un ano máis as quendas das Viaxes Culturais para Maiores que, organizadas pola Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social, teñen como obxectivo procurar a inserción na sociedade das persoas da terceira idade do municipio. Serán seis en total e, ao respecto, a máis grande novidade, segundo salientou o edil Vicente Mariño, é que a metade das mesmas descorrerán por mar.

Esta acción está adscrita ao Programa de Dinamización e Promoción Social dos Nosos Maiores deseñado polos Servizos Sociais Comunitarios, cuxa xefa de servizo, Francisca Vidal, acompañou ao concelleiro na presentación.

O primeiro dos itinerarios previstos terá lugar o vindeiro 15 de xuño e consistirá nun paseo en barco pola ría de Ferrol, con visitas a esta localidade, así como Xanceda, Sada e Mugardos. O seu custo é de 42,4 euros. A continuación terá lugar a Ruta Xacobeo Marítimo Fluvial da Ría de Arousa, con paseo en barco pola nosa ría e visitas a Pontecesures e Padrón. Será o 29 de xuño e o seu importe ascende a 47,2 euros.

O 4 de xullo terá lugar unha terceira ruta ata a illa de Sálvora, nun barco que zarpará do peirao de Aguiño e cuxo custe é de 24,8 euros.

O 20 de xullo haberá unha viaxe a Cambados, con visitas ao Mosteiro de Armenteira e aos Pazos de Bayón e Rubiáns. Terá lugar o 20 de xullo e o seu prezo é de 37,6 euros.

Media_httpfarm8static_iwcpi

Vistas dende o mirador do Ézaro

A penúltima das viaxes culturais deste ano acontecerá o 24 de agosto por un importe de 31,2 euros. Descorrerá pola costa da Morte, con visitas a Muros, Ézaro, Corcubión, Fisterra, Cee, Camariñas e Vimianzo.

Por último, o 21 de setembro terá lugar unha ruta polo norte de Portugal que incluirá visitas a Vila Nova de Cerveira, Caminha, Viana do Castelo, Santa Lucía e Ponte da Lima. O seu custe, 35,3 euros.

Estas saídas culturais van dirixidas a todas as persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Riveira, así como aquelas maiores de 55 que sexan xubiladas. No caso da viaxe a Ferrol, o prazo para anotarse terá lugar entre o 4 e o 8 de xuño.

Inscricións

Todas as inscricións deberán ser entregadas no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios (praza 8 de marzo, edificio Mirador de Padín, s/n). As prazas serán adxudicadas por orde de chegada. A partir das 9 horas darase un número por persoa na orde correspondente e a formalización da inscrición terá lugar entre as 12 e as 13.30 horas.

Os prezos inclúen autobús dende Ribeira, entradas a barcos ou museos, guía durante os percorridos, comida e seguro de viaxe.

Hoxe tamén publicamos:


"Son's de Aguiño": o sabado 2 de xuño, Festival Tradicional

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical