O Secretario xeral de Política Lingüística deu a coñecer en Boiro o programa de actividades da Consellería de Cultura e Educación, acompañado polos alcaldes dos catro concellos que conforman a mancomunidade barbancesa
A Mancomunidade Ría de Arousa-Zona Norte é unha das entidades supramunicipais que integran a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia
Boiro, 28 de xuño de 2012.- A consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad presentou hoxe en Boiro o programa de actividades “FalaRedes”, destinado aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta (RDL) de Galicia. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compareceu en rolda de prensa acompañado polo alcalde de Ribeira e presidente da Mancomunidade Ría de Arousa-Zona Norte, Manuel Ruíz Rivas; de Juan José Dieste, alcalde de Boiro; de Isaac V. Maceiras, alcalde da Pobra do Caramiñal e de Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo.
Ao acto, que tivo lugar na Sala de Xuntas da Casa do Concello, tamén asistiron Montserrat Iglesias, xerenta da Mancomunidade e representante técnica desta entidade na RDL, e Xoán Mariño, responsable da empresa xestora da actividade “Galego de cine”, Mr Misto Filmes, que levará a Rianxo e a Ribeira a “caravana da lingua” esta fin de semana.
Durante a presentación, o secretario xeral salientou que “a RDL ve cumprido na aposta desta mancomunidade por sumarse ao proxecto posto en marcha polo Goberno galego un dos obxectivos principais polos que foi creada: o de transpasar os límites fronteirizos e políticos de diferentes administracións para levar a cabo accións de promoción social do idioma de maneira conxunta, coordinada, colaborativa e cooperativa”. “A RDL conta xa con máis de 120 entidades adheridas, entre concellos, deputacións, mancomunidades, consorcios, fundacións, escolas profesionais e outras. Desde ela encetamos unha nova etapa centrada nun proxecto global e planificado dirixido a estender a dinamización do galego por todo o territorio”.
Na reunión previa á comparecencia, o secretario xeral tivo ocasión de compartir cos catro alcaldes as diferentes accións dinamizadoras que se están a desenvolver en cadanseu concello, así como as iniciativas impulsadas conxuntamente desde a mancomunidade para fomentar o uso da lingua desde o ámbito turístico.
‘FalaRedes’ chega á Barbanza esta fin de semana
García Gómez tamén anunciou que o programa de actividades da Consellería de Cultura e Educación para a RDL, coordinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegará a Rianxo este sábado, no marco da participación da mancomunidade barbancesa na Rede, e tamén a Ribeira, que pertence dobremente a ela, tanto a través da súa participación na Mancomunidade como de maneira independente. Tal é o caso de Boiro, que é, canda Ribeira, membro fundador do proxecto.
En palabras do secretario xeral “a cativada rianxeira e ribeirense será estes días a anfitrioa e poderá gozar dunha sesión de cinema na sala itinerante de “FalaRedes” e ata coñecer as técnicas cinematográficas para crear unha historia conxunta que despois estará accesible na rede”.
A lingua galega viaxa en caravana
“Galego de Cine” é a actividade que “FalaRedes” destina ao público infantil, e coa que o departamento dirixido por Vázquez Abad pretende achegarlle o cinema en galego aos máis novos. A novidade: a sala de proxeccións, que non é outra que unha pequena caravana remodelada para acoller a unha vintena de cativos.
Dende o comezo, os participantes poderán escoller a orde de visionado dos filmes nunha carteleira con máis dunha ducia de películas. Despois de ver boa parte delas, os pequenos farán unha serie de dinámicas de comprensión da linguaxe audiovisual co “revisor das palabras”, e rematarán dando o salto á grande pantalla participando nun videomatón. Cada un dos cativos deberá ir pasando por diante dunha cámara de vídeo improvisando unha frase, da que finalmente sairá un conto. Para fomentar o uso das novas tecnoloxías en galego, as curtas creadas polos rapaces colgaranse na web www.galegodecine.org . En decembro, ao remate do programa, farase reconto dos votos de cada un deles e os compoñentes do grupo gañador recibirán como agasallo o libro e DVD do Soldadiño de Chumbo.
Así, a “caravana da lingua” aparcará o sábado pola mañá na avenida do malecón, en Ribeira, a partir das 11:00 horas, e en Rianxo, na Praza de Castelao, en horario de 17:00 a 20:00 horas.
Dende que botou a andar o programa ‘FalaRedes’ no mes de marzo, outra das actividades de “FalaRedes” –“Titerehop””- xa fixo parada en Boiro e en Ribeira. Os adolescentes barbanzáns terán de novo ocasión de compoñer as súas propias cancións de hip hop e de confeccionar monicreques instruídos polo rapeiro de Dios ke te Crew García MC e os titiriteiros lalinenses de Viravolta ao remate do verán. “ O Señor das dunas” chegará tamén a estes concellos na segunda etapa de desenvolvemento do programa.
Rede de Dinamización Lingüística
‘FalaRedes’ constitúe a primeira programación anual de actividades de promoción do idioma para as entidades locais adheridas RDL, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca a asociación voluntaria de entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega no ámbito local para efectivizar as iniciativas de difusión do galego. Os seus principais obxectivos son os de promover a coordinación, a colaboración e a cooperación das actuacións en materia de dinamización lingüística e optimizar os recursos dispoñibles.
Ademais da Mancomunidade Arousa-Zona Norte e a Xunta de Galicia, na actualidade forman parte da RDL máis dun terzo dos concellos de Galicia. Canda eles, e participan o Consello da Cultura Galega; as deputacións de Ourense, Pontevedra e A Coruña; as mancomunidades de Terras de Celanova, Fisterra e a Mariña Lucense; o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela; o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a fundación pontecesá Eduardo Pondal.
Ata decembro desenvolveranse un total de 250 accións dinamizadoras. Toda a información sobre “FalaRedes” e o seu calendario de actividades por concellos están dispoñibles no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario