13.6.12

Colaboración: "Apocalipse outra vez", por Javier Ferreirós

A verdade é que me soaba vagamente: fai uns anos alguén reproducira os instrumentos que portan os vintecatro Anciáns do Apocalipse do Pórtico da Gloria e se gravara un disco e se deran concertos con eles. Maxia e alquimia, a pedra volvía á vida.

O pasado sábado día 2 de xuño tiven oportunidade de comprobalo.  No marco do Euro- Vía Festival o grupo Martín Códax deu un concerto con eses instrumentos e co repertorio adecuado a eles: cantigas de amigo do propio Códax, tres das Cantigas de Santa María e dúas pezas do Códice Calixtino. O lugar, o Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia.

Media_httpfarm6static_uzjde

Codex Calixtinus

Previamente Carlos Villanueva, catedrático de música, deu unha breve charla introdutoria sobre o chamado Proxecto de Construción dos Instrumentos do Pórtico da Gloria (1990-1994), que culminou coa  presentación en concerto das 19 pezas reconstruídas por artesáns de toda Europa e a gravación do disco Os Sons do Pórtico da Gloria. Ó propio Villanueva codirixiu naqueles anos o proxecto e participou nel como músico. Tal como contou, fai vinte anos, con eses instrumentos só entón devoltos ó mundo dos vivos, o manexo dos mesmos non podía ser aínda moi hábil por parte dos músicos, músicos que aprenderan unha arte que xa perdera a memoria do organistrum e do laúde medieval, daqueles pandeiros, frautas e fídulas, semellantes ós seus descendentes pero con sons pequenos, estraños e primitivos.

Este festival, tal como figura no panfleto que nos entregaron, “é posible grazas ao patrocinio de Dr. h. c. Hans Urrigshardt” . Antes da charla de Villanueva, un alemán presentou o festival no marco deste primeiro evento nun castelán aceptable. Cando xa comezara a conferencia, esta viuse brevemente interrompida por un grupo de alemáns de mediana idade que chegaban tarde. Nos asentos de autoridades predispostos para eles xa se sentaba o representante vaticano, o cardeal Ravasi.

Os estudantes da Facultade organizaran ese fin de semana un peche en protesta polos recortes en educación por parte do goberno.

Media_httpligaestudan_vfdjk

Peche en Historia. Imaxe da Liga Estudantil Galega

Eu estudei Historia nesa mesma Facultade; pero, se mal non lembro, nunca entrara ata este sábado no Paraninfo. Pois ben, alí estaba eu, por vez primeira baixo aquel teito decorado con anxos, a presenciar unha Imaxe do Mundo de hoxe: os alemáns, semellantes en número e aparencia ós Anciáns do Apocalipse, poñen os cartos e chegan tarde, os instrumentos da fin do mundo (xeográfica e cronolóxica) tocan pezas dun valioso códice roubado perante un cardeal romano, e os mozos resisten pasivamente alí fóra da sala. Salvo tres deses mozos, que asistiron ó concerto, e que estiveron falando polo baixo do principio á fin do mesmo. Tal vez falaban de como salvar a cultura das gadoupas da cobiza materialista sen facer moito caso daquela música que volvera dende unha idade moi afastada na que, como en todas as épocas, crían que a fin dos tempos estaba próxima. Ó rematar a carreira, cando sintan o peso da Historia nos seus ombros, algúns dos rapaces que protestaron  quedándose na Facultade serán banqueiros. Pero sempre ha de quedar polo menos un xusto cando veñan os vintecatro Anciáns, e o xusto tal vez baile ó fermoso son das súas fídulas, pandeiros e laúdes, sen saber que música é esa, e sen que lle importe.

Javier Ferreirós é músico e historiador

Media_httpfarm5static_srjfi

Toda a serie "Música por dentro" en Certo, aquí

Ligazóns relacionadas con este festival e grupo:
http://www.martincodax.org/
http://www.euro-via-festival.org/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical