20.6.12

Cultura: o ribeirense Quico Cadaval, director escénico do musical "Galicia Caníbal"

  • A xira iníciase o 12 de xullo en Vigo

  • Filmanova Invest e Estrella Galicia presentan este espectáculo, que traslada ao xénero musical a movida galega dos anos oitenta cos éxitos de Siniestro Total, Os Resentidos, Golpes Bajos e Aerolíneas Federales, entre outros

  • Trala estrea en Vigo, poderá verse en Santiago, Vilagarcía e na Coruña antes de viaxar a Madrid, onde permanecerá dous meses en carteleira


Ribeira, 20 de xuño de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con Filmanova Invest e Estrella Galicia na produción do espectáculo Galicia Caníbal. O musical, que traslada a este xénero escénico a movida galega dos anos oitenta a través dos éxitos de grupos como Siniestro Total, Os Resentidos, Golpes Bajos ou Aerolíneas Federales, entre outros, é idea orixinal de Antón Reixa, plasmada nun texto escrito por Fran Peleteiro e Antela Cid e dirixida polo ribeirense Quico Cadaval na escea e Pablo Novoa no eido musical.

A montaxe está a desenvolver os seus últimos ensaios cara a estrea o vindeiro 12 de xullo no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, onde permanecerá ata o día 15. Será o inicio dunha xira galega de verán que se desenvolverá por Santiago de Compostela (do 18 ao 21 de xullo), Vilagarcía de Arousa (do 2 ao 5 de agosto) e A Coruña (do 9 ao 12 de agosto) antes de poñer rumbo cara a Madrid para unha estadía de dous meses. A venda anticipada de entradas para as funcións neste catro primeiros destinos galegos está dispoñible a través do teléfono 902 504 500 ou das páxinas webs www.servinova.es e www.obrasocialncg.com.

A contribución da Consellería de Cultura e Educación a este proxecto materializase a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que, como explicou hoxe o seu director, Juan Carlos F. Fasero, presta un “importante apoio” á produción articulado mediante un novo xeito de colaboración coas empresas privadas. Na presentación do musical, Fasero subliñou que se trata dun procedemento testado xa con outras compañías e outros proxectos escénicos, aberto a todas as empresas galegas, e que consiste en involucrar directamente os medios técnicos e humanos da institución como complemento en calquera plano de produción e mesmo de financiamento.

Recursos públicos
Para o director da Agadic, que se referiu ao proxecto como unha “homenaxe merecida á música galega dos 80”, esta é unha fórmula con moitas posibilidades de futuro, a través da que se alcanza ademais o dobre obxectivo de optimización de medios da administración e a súa posta a disposición para unha significativa minoración de custos en calquera proposta externa. Neste sentido, destacou que a Axencia conta cun “importante conxunto de recursos, tanto en infraestruturas como en capital humano, destinado á actividade das súas unidades de produción (Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego), pero susceptible, precisamente pola súa calidade, profesionalidade e especificidade, de ser posto ao servizo das propostas de iniciativa privada, na medida en que as necesarias compatibilidades o permitan”. No caso de Galicia Caníbal. O musical, a Agadic colaborou directamente con Filmanova na cesión de distintos espazos para a celebración de ensaios e audicións, así como na prestación de sistemas de iluminación e son, materiais escenográficos e atrezzo, entre outros.

Juan Carlos F. Fasero fixo estas declaracións no transcurso da presentación deste espectáculo aos medios de comunicación na que participaron, así mesmo, o produtor Antón Reixa, de Filmanova; Pepe Cabanas, de Estrella Galicia; o director Quico Cadaval e os integrantes do elenco.

Comedia interxeracional
Galicia Caníbal. O musical é unha produción de gran formato, na que os 10 integrantes do elenco (Ana San Martín, Sergio Zearreta, Víctor Mosqueira, María Costas, Teté Delgado, Juanillo Esteban, Rosalía Castro, Iolanda Muíños, José Carlos Illanes e Iván Marcos) actúan, cantan e bailan en oito decorados diferentes durante as máis de dúas horas que dura o espectáculo.

En ton de comedia de enredo, o musical preséntanos 10 personaxes pertencentes a tres xeracións diferentes a través dos que se conta a historia de Ana, unha adolescente que –cos seus país e o seu irmán– vive un momento de crise persoal. A partir dun acontecemento extraordinario, a rapaza descubre a música dos oitenta e, con ela, a súa salvación e a da súa familia.

Xunto con eles, o público percorrerá unha época mítica que catapultou a toda unha xeración de músicos galegos a través de hits como Bailaré sobre tu tumba de Siniestro Total; Sitio distinto, Sector naval e Galicia Caníbal dos Resentidos, Malos tiempos para la lírica e Fiesta de los maniquíes de Golpes Bajos, ou No me beses en los labios e Soy una punk de Aerolíneas Federales, entre moitos outros.

De volta a Galicia a partir de novembro, Galicia Caníbal. O musical ten previsto visitar tamén Monforte, Pontevedra e Ourense, para viaxar despois a outras cidades como Barcelona, Zaragoza, Bilbao e Santander.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical