13.6.12

Muros: os nacionalistas piden que se reúna xa o Consello Escolar Municipal ante a desinformación sobre os colexios

Muros, 13 de xuño de 2012. Segundo explican os concelleiros nacionalistas de Muros (que saíron do Bng) en nota de prensa, o pasado día 5 de xuño de 2012 nun xornal publicouse un artigo onde se afirmaba que hai importantes danos que afectan ás estructuras dos colexios de Muros e Esteiro e o día 8 de xuño, noutro xornal, o xefe territorial comunica que non hai problemas graves en ningún dos dous colexios. "Estes artículos provocaron alarma e confusión entre as comunidades educativas dos dous colexios. Pola información da que dispoñemos os concelleiros nacionalistas de Muros non hai problemas de importancia na edificación do colexio Ramón de Artaza de Muros pero si no Ricardo Tobío de Esteiro, polo que nin nos dous colexios hai problemas graves nin en ningún", aseguran.

Tamén engaden que o colexio de Louro, as unitarias de Muros e Tal e os dous institutos, tamén teñen necesidades que cubrir, tanto de obras e mantemento como de persoal ou organizativas. Polo que, por parte da alcaldesa e o seu equipo de goberno se debería ter aproveitado a visita do xefe territorial de Educación para trasladarlle a situación concreta de todos e cada un dos nosos centros de ensino e as súas necesidades, e en lugar disto, limitáronse a acompañalo ao patio dun dos dous colexios.

Segundo os nacionalistas non adscritos "é importantísima a unidade de acción de toda a comunidade educativa de todos e cada un dos centros de ensino do noso concello, pero para que esa unidade de acción sexa posible é necesario que haxa unha perfecta información e coordinación entre a citada comunidade educativa, e a mellor ferramenta para  acadar isto é o Consello Escolar Municipal. Para que toda a comunidade educativa estea correctamente informada da situación de cada un dos nosos centros de ensino e para poder trasladarlle á Consellería de Educación e Cultura un informe ou documento con todas as necesidades dos centros de ensino do noso concello solicitamos que a alcaldesa convoque para finais do mes de xuño unha reunión do Consello Escolar Municipal".


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical