13.6.12

Ribeira: medio cento de veciños foron comprobar o funcionamento de Sogama a Cerceda

  • Liderados polo Tenente Alcalde do concello, Vicente Mariño, desprazáronse na tarde de onte a Cerceda para visitar as instalacións que conforman o complexo medioambiental de Sogama e comprobar o tratamento que reciben os desperdicios que xeran día a día.
  • Esta visita enmárcase na Semana do Medio Ambiente, que este ano a empresa pública dedica aos nove concellos incorporados recentemente ao seu programa de compostaxe doméstico, entre os que se atopa Ribeira.
  • Tralo percorrido guiado realizado polo complexo industrial, o grupo de visitantes puido tomar conciencia da importancia que ten a aplicación do principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) de cara a alcanzar importantes beneficios ambientais, pero tamén económicos para as arcas locais, tendo en conta que a axeitada xestión do lixo ten un custo que debe ser sufragado coas achegas de todos os cidadáns.
  • Namentres, o Concello foi denunciado por delito ecolóxico e nin alcalde nin concelleiro responsable de Saneamento dan explicacións

Cerceda, a 13 de xuño de 2012.- Un grupo de 50 veciños procedentes da localidade coruñesa de Ribeira e liderados polo Tenente Alcalde do concello, Vicente Mariño, trasladáronse na tarde de onte a Cerceda para coñecer o funcionamento do complexo medioambiental e comprobar de primeira man a actividade industrial desenvolvida no mesmo.

Esta visita enmárcase na Semana do Medio Ambiente, que Sogama vén promovendo anualmente e que este ano quixo dedicar de forma especial aos nove concellos que recentemente se incorporaron ao seu programa de compostaxe doméstica, como é o caso de Ribeira, que participa nesta iniciativa con medio centenar de vivendas. Todas elas contan xa co correspondente composteiro, así como co material didáctico de apoio que lles servirá de guía no proceso de elaboración do compost, que en todo caso será supervisado polo persoal ao servizo do concello, entre eles os membros de Protección Civil, os cales visitarán casa por casa para chequear o correcto desenvolvemento da técnica, corrixindo posibles erros e prestando o asesoramento necesario para que o programa poida fluír con totais garantías.

Nuns meses, as familias adscritas a esta iniciativa poderán utilizar o abono resultante nos seus xardíns e hortas como fertilizante de alta calidade. Con isto, non só se propiciará a reciclaxe da materia orgánica en orixe, senón que se evitará o seu depósito nos contedores convencionais, diminuíndo as cantidades de residuos a entregar a Sogama e polas que o concello debe pagar.

MÁIS ALÓ DO CONTEDOR

A pretensión da viaxe a Sogama era precisamente que os veciños de Ribeira puidesen tomar nota do itinerario que emprenden os seus desperdicios tras ser recollidos polos servizos municipais e transportados ao complexo medioambiental de Cerceda, previo paso pola correspondente planta de transparencia. E para facilitar a comprensión do modelo utilizado, realizaron unha visita guiada ás distintas plantas que conforman a infraestrutura central da Sociedade Galega do Medio Ambiente.

Así, os riveirenses adentráronse na planta de clasificación de envases lixeiros, a donde chegan os residuos depositados nos contedores amarelos para ser sometidos a un proceso de separación por tipoloxía (plástico duro, fino, pet, aceiro, aluminio, brick), remitíndose posteriormente á industria transformadora para ser convertidos en novas materias primas.

O traxecto proseguiu a través das naves que integran o tratamento da denominada bolsa negra, ou o que é o mesmo, os refugallos non reciclables depositados pola cidadanía nos contedores verdes convencionais e a partir dos cales Sogama prepara un combustible que alimenta unha planta termoeléctrica para producir electricidade. Deste xeito, a empresa consegue poñer en valor aquela parte do lixo que xa non ten utilidade e que, de non seguir este camiño, estaría condenada a acabar irremediablemente nun vertedoiro, co risco engadido do seu máis que previsible impacto medioambiental.

A AXEITADA RECOLLIDA SELECTIVA PREOCUPA Á CIDADANÍA

O complexo impresionou a moitos dos integrantes do colectivo visitante, conscientes das grandes cantidades de lixo que no mesmo se reciben a diario e que deben ser tratadas cumprindo rigurosamente coa legalidade vixente; un tratamento cuxo custo debe ser sufragado pola poboación a través das correspondentes taxas municipais. Diminuílo implícanos a todos. A fórmula reside na práctica da coñecida estratexia dos tres erres, e que non é máis que reducir a produción, apostando decididamente por un consumo responsable, reutilizar os produtos o maior número de veces posible e colaborar, desde o interese e o convencemento, na separación de refugallos e posterior depósito dos mesmos nos correspondentes contedores de recollida selectiva como única vía para posibilitar o seu posterior reciclado.

Ademais dos beneficios ambientais que traerían consigo estas prácticas cidadás, contribuíndo a aforrar enerxía e materias primas, resulta evidente que as arcas locais sairían beneficiadas. E é que cantos máis materiais remita o concello aos centros recicladores e maior sexa a calidade destes, máis ingresos recibirá por parte dos Sistemas Integrados de Xestión, podendo reducir o importe da factura que mensualmente debe abonar a Sogama. Agora ben, se esta segregación de residuos non se leva a cabo e se deposita todo xunto e de forma indiscriminada no contedor convencional, os custos para as arcas locais dispáranse de forma alarmante. Elixir un camiño e outro depende de todos e cada un de nós.

Namentres, a dura realidade:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical