- O deputado do BNG Bieito Lobeira critica os “compromisos indefinidos” do presidente de Portos de Galicia e agarda que o cambio de cor política no Estado non estea sendo unha coartada para xustificar a paralización deste proxecto de rexeneración
Noia, peirao do Puxilgo, 1900
Noia, 7 de xuño de 2012.- A vila de Noia protagonizou hoxe no Parlamento de Galicia un anaco do debate entre os deputados, cando o do BNG, Bieito Lobeira, advertiu a Portos de Galicia que ten que abandonar as “ambigüidades” e os “compromisos indefinidos” e presentar o cronograma cos prazos nos que se vai executar o proxecto de recuperación do porto histórico de Noia.
Lobeira, durante o debate na Comisión de Pesca do Parlamento dunha pregunta sobre este asunto, lembrou que "é obriga de Portos de Galicia dar cumprimento a un acordo unánime adoptado na Cámara, en setembro de 2010, co obxecto de devolver a Noia o seu dereito a posuír unhas instalacións portuarias dignas".
Noia, peirao do Marqués, 1900
Para o deputado nacionalista, anunciar un anteproxecto de revitalización que vai ser remitido ao goberno do Estado, como fixo o presidente de Portos na súa intervención, non significa cumprir o acordo parlamentario e non dá resposta á demanda dos veciños e veciñas de Noia, “que saben ben das potencialidades do ponto de vista produtivo e portuario do seu litoral”.
O presidente de Portos de Galicia negouse a dar prazos concretos, ante o que Lobeira afirmou que agarda "que non sexa o cambio de cor política no Estado o que se estea utilizando como coartada para xustificar a paralización das actuacións necesarias en Noia".
Lobeira lembrou que o fondo da ría "padece serios problemas de acumulación de lama, que cómpre posibilitar o atraque das embarcacións utilizando como referencia o dique actual e hai que rexenerar o esteiro, algo que os nacionalistas levamos reclamando, sen mudar a nosa posición, ao longo do tempo e nas distintas cámaras”.
Lobeira preguntou se a postura do PP segue sendo a mesma ou se mudou, pois o pasado mes de decembro votaba en contra dunha emenda do BNG aos orzamentos da Xunta para 2012 que reclamaba unha partida de 2 millóns de euros para recuperar este porto.
Pode que tamén lle interese en Noia:
Venres 8: os campións Gómez Noya, Iván Raña, Castro e Ruanova no Liceo
Sábado 9: andaina pola ruta das Fontes. Sae ás 10 do Concello
Sábado 9: "Retornos", coloquio co director e actores desta longametraxe
Exposición: sobre o balandro Joaquín Vieta, no claustro do Concello
Fusión de Concellos: Noia e Lousame, en proceso de diálogo
Agrup. nacionalista: celebran que se aparcase a retirada da escolleira
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario