- Conclúe o III Seminario sobre a Memoria celebrado entre Melide e Rianxo do 1 ao 3 de xuño
- A represión franquista foi tan desapiadada nalgúns momentos, que incluso unha das asistentes ao Seminario, nena da posguerra, confesou ter xogado ás torturas en moitas ocasións
Parte dos asistentes no cemiterio de Iria, onde foron enterrados algúns presos republicanos do campo de concentración de Padrón- O Seminario estivo organizado polos DEPARTAMENTOS DE CIENCIAS SOCIAIS DO IES “FÉLIX MURIEL”, de Rianxo, e do IES MELIDE, e polo Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA.- A actividade central do Seminario consistiu no percorrido por algúns dos espazos ocupados polos campos de concentración franquistas, que foron numerosos nas Terras do Sar, de Muros-Noia e na Península do Barbanza.- Francisco Martínez, Quico, guerrilleiro que formou parte da partida do mítico Girón, acompañou outros coñecidos especialistas na Memoria nun percorrido que durou dous días e medio.
Detalle da estadía dos integrantes do Seminario nas minas de San Finx, en Lousame. Melide-Rianxo, 7 de xuño de 2012. O máis de medio cento de persoas asistentes ao Seminario, despois de realizado o traballo de campo programado, de visionar dous documentais sobre o tema e de participar en dúas conferencias cos campos de concentración como motivo central, elaboraron o documento de conclusións que se reflicte a continuación. Máis información na páxina oficial de Nova Escola Galega (http://www.nova-escola-galega.org).1. Valórase a actividade como un interesante exercicio de análise e comprensión dun feito histórico moitas veces descoñecido e, outras, declaradamente ignorado. Non se trata xa só de que fose analizado o fenómeno dos campos de concentración, senón que foi realizado un interesante exercicio humano de comprensión dunha realidade na que, en efecto, o verdadeiro protagonismo recae nas persoas.2. Constátase a necesidade de que as institucións públicas recoñezan plenamente os feitos relacionados coa represión franquista, pois só desde o recoñecemento oficial é posible lograr a plena igualdade de todos os cidadáns. É evidente que, na actualidade tal recoñecemento non está, nin moito menos, conseguido.
Os participantes en Muros, onde visitaron os lugares onde estiveron instalados dous campos de concentración3. A pesar de estar o Seminario principalmente centrado na guerrilla e nos campos de concentración na área xeográfica visitada, enténdese que o fenómeno da resistencia antifranquista debería contemplar tamén a resistencia pasiva ao réxime, que foi enormemente vigorosa e demorada no tempo. Particularmente, améntase o caso da loita contra os encoros (o de Castrelo de Miño, especialmente) ou contra a política forestal franquista.4. Constátase que a memoria escondida só sae á luz a base de estímulos que a desaletarguen. Estes estímulos só poden chegar, especialmente, a través da creación de espazos de reflexión e análise desa realidade que está agachada. No transcurso do Seminario, por exemplo, unha persoa cuxa familia ten sufrido unha inhumana represión durante anos, confesou que un dos seus xogos de nena consistía en xogar ás torturas, nin máis nin menos. Como se sabe, o xogo adoita reflectir en cada época a realidade do momento.5. Unha vez contrastadas as virtualidades didácticas que o fenómeno da resistencia ao franquismo e, particularmente, os campos de concentración ofrecen para o traballo de aula, constátase o escaso protagonismo que os deseños curriculares actuais lle reservan a esta cuestión. Enténdese que os programas deberían ser revisados neste sentido.6. Semella evidente que o franquismo acabou con 150 anos de formación de cadros dirixentes (políticos, sindicais, económicos, educativos…). Este feito resulta aínda na actualidade unha eiva para o desenvolvemento da nosa sociedade e cómpre telo en conta de cara á toma de decisións especialmente no ámbito educativo.7. Singularmente, constátase que a política franquista, especialmente a educativa, fixo desaparecer a riqueza da linguaxe necesaria para desenvolver o espírito crítico, e esta realidade faise evidente se se observa a escasa consciencia amosada polas novas xeracións sobre o momento económico e social que se vive na actualidade. Durante a transición, e ata os nosos días, deuse tamén un certo proceso de autocensura que levou a agochar contidos desta complexidade, que esixen tamén un coñecemento do que o profesorado en moitas ocasións non dispón. Este coñecemento só nos últimos tempos, e derivado dos resultados de certas investigacións e publicacións, empeza a saír á luz. Intentar superar esta situación é, sen dúbida, un dos retos máis importantes que debe considerar o sistema educativo.
En Rianxo, parte dos asistentes a carón do monumento que recorda os presos do campo de concentración da vila.8. Desde a óptica estritamente educativa, igualmente, debúxase como unha liña de traballo interesante aquela que tratase de analizar a represión no ámbito educativo. Igualmente, semella atinado afondar na posibilidade de dar a coñecer experiencias didácticas levadas a cabo nas aulas para a recuperación da memoria histórica local. Desde esta perspectiva, incorporar a información directa recollida das familias do propio alumnado (testemuñas directas, fotografías, textos…) antóllase como unha estratexia didáctica con moitas posibilidades.9. As asociacións e colectivos que se interesan pola recuperación da memoria histórica teñen centrada a súa atención especialmente en retos de ámbito xurídico (recoñecemento das vítimas, levantamentos de fosas comúns…). Derivar as súas liñas de acción tamén cara ao ámbito educativo sería fundamental, precisamente porque acabaría creándose un fío para que as novas xeracións tivesen acceso ao coñecemento duns feitos moitas veces agachados pola historiografía oficial.10. Ponse en evidencia tamén, o interese que a recuperación da memoria histórica esperta fóra do Estado. No Seminario estiveron presentes, por exemplo, unha investigadora francesa e outra californiana.11. O deseño do Seminario, combinando o traballo de campo coa análise de documentos audiovisuais e, finalmente, co saber teórico de especialistas nesta época histórica, valórase como moi intelixente, porque xustamente pretendeu integrar diferentes fontes de información e investigación sobre o tema.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario