31.7.12

Boiro: presentado o libro "Luces sobre a casa de Goiáns no Antigo Réxime", sobre a historia do Pazo Goiáns

  • A obra, promovida pola consellería de Cultura, afonda na traxectoria histórica do pazo máis influinte da comarca do Barbanza durante o Antigo Réxime
  • Asistiu o conselleiro, Vázquez Abad, quen reivindicou a herdanza histórica do Pazo de Goiáns na construción dunha identidade artística galega
  • Ao rematar a presentación, os asistentes percorreron o pazo acompañados polo autor do libro, Xosé Manuel Vázquez Lijó
Media_httpfarm4static_boxjj

O pazo, que xa é de todos os boirenses, segue no desleixo

Boiro, 31 de xullo de 2012.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou onte o libro "Luces sobre a casa de Goiáns no Antigo Réxime", unha obra na que o historiador Xosé Manuel Vázquez Lijó, ‘Queté’, afonda na traxectoria histórica dun pazo de gran poder e influencia na comarca do Barbanza durante esta época, da que proceden relevantes persoeiros da historia de Galicia.

Durante a súa intervención, Vázquez Abad reivindicou a herdanza histórica do Pazo de Goiáns na construción dunha identidade artística galega, en especial de “aquela que reflicte o ánimo construtivo e renovador que puxo os alicerces para que Galicia, con personalidade de seu, collese o ritmo da historia e tomase protagonismo na mesma con nome propio”.

Na presentación, que tivo lugar no salón de actos do centro social de Boiro, tamén estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura, Patrimonio e Comercio, Elena Teixeira; e o propio autor da monografía. Ao remate desta presentación, os asistentes tiveron a oportunidade de facer un percorrido polo Pazo de Goiáns, guiados polo escritor Vázquez Lijó.

Media_httpfarm6static_fdfag

A herdanza histórica do Pazo de Goiáns
Ademais do relativo ao patrimonio histórico-artístico, o conselleiro destacou a influencia desta institución na aparición de “grandes figuras das artes que levan a súa obra por todo o mundo e de profesionais dedicados a multitude de actividades cunha forte base creativa”, que se viron animadas por toda unha serie de “materializacións concretas, como as do Pazo de Goiáns, para asentarse definitivamente como parte de nós”.

Para rematar, fixo referencia ás palabras que Vázquez Lijó recolle na introdución desta monografía, nas que o autor afirma que “se en brillo arquitectónico Goiáns non pode rivalizar con outros pazos, non é menos certo que os edificios, espazos e paisaxes que contén nun marco físico privilexiado, a carón da ría de Arousa, é moi elevado e xustifica sobradamente a súa consideración de Ben de Interese Cultural”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical