10.7.12

Colaboración: "Presidente por accidente. (Notas entomolóxicas)", por Javier Ferreirós

- Ollos de mentira, dos que veñen pegados nas gafas de entroido e serven, ó estilo de Homer Simpson, para durmir no escano e parecer esperto; durmir como M. A. no helicóptero, quen sabe se ía (Rupert) Murdoch ós mandos. Unha vez, acompañado de Sánchez Camacho e unha bucina, puxo unhas gafas de mentira sobre das gafas de mentira, gafas equivalentes e conmutativas.

- Boca contraída que se quere devorar a si mesma nun universo que se está a contraer, unha boca coma un burato negro que acabará co noso sistema (solar patrio).

- Tronco irisado coma os “hilillos (ssshhh...)” , e que pode adquirir calquera cor; normalmente azul e cóncavo, nestes días vermello variante “la Roja” e convexo, tal como programa o seu instinto para subministrarse de alimentos nas montañas de lixo que quedan ó remate dunha xornada electoral.

- Conciencia feita de ratas anoadas, coma un Drácula fuxidío, pero sen nobreza previa.

As súas cancións favoritas:

-“Every Breath You Take”: “Cada vez que respires estareiche a observar”; “Non ves que me pertences?”

- “La chica de ayer”: “Chica, vete a tu casa, no podemos jugar”: non podo atenderte, fago que leo uns papeis para non mirar o teu casco de mineiro, podería cegarme, aínda que o foco estea apagado e os meus ollos sexan de plástico; “Demasiado tarde para comprender”, así que fuxo polos corredores do Congreso esperando que ó final estean as Illas Salomón, a ínsula que me prometera o meu señor Don Bigote, e onde poderei partir pola metade todo o que queira.

-“With a Little Help From My Friends”: “Conseguireino cunha axudiña dos meus amigos”, sobre todo a partir de que me sinale co seu poderoso furabolos un E. T. vallisoletano. “Cres no amor a primeira vista?” Son máis de á terceira, sen facer nada, vai a vencida. Escrita por Mc Cartney, que agora é Jessica Fletcher, que agora é xefa de estado en Alemania, e que agora é máis de cometer que de escribir, e que espero que me estea a agardar ó final do corredor e me acolla no seu colo teutón. Como Dios (ssshhh...) manda.

Anterior colaboración de Javier Ferreirós:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical