- Son de Corrubedo, Olveira, Artes e Ribeira e asistiron a obradoiros de alfabetización dixital
- Cos cursos de introdución á informática xa hai máis de medio milleiro de ribeirenses que colleron habilidades neste eido no último ano
Ribeira, 10 de xullo de 2012.- O Auditorio Municipal deu cabida na noite de onte ao acto de entrega de diplomas dos obradoiros de Alfabetización Dixital que, organizados polo Concello, tiveron lugar este trimestre nas parroquias de Artes, Corrubedo, Olveira e Santa Uxía.
En total, participaron nestas accións formaccións noventa veciños das parroquias citadas, que se achegaron na súa meirande parte á instalación cultural para recoller os seus diplomas acreditativos, de mans do alcalde Manuel Ruiz; do concelleiro de Enerxía e Novas Tecnoloxías, Emilio Pérez; e dos edís de Corrubedo e Olveira Jesús Freire e Elvira Pereira, a que tampouco se quixeron perder o acontecemento.
Ruiz Rivas animou aos presentes a seguir volcándose na aprendizaxe da informática e expresou o compromiso do Concello de poñer a disposición da veciñanza novos cursos e a posibilidade de acceder ás novas tecnoloxías tanto na cidade como nas parroquias.
Doutra parte, o concelleiro de Enerxía e Novas Tecnoloxías, Emilio Pérez Outeiral informou de que xa son máis de 500 o número de veciños do municipio que participaron nesta iniciativa nos últimos doce meses, o que dá idea do dinamismo do departamento encargado da difusión das novas tecnoloxías da información e as comunicacións.
Fotografías antigas
Un dos momentos máis destacados do evento tivo lugar coa proxección dun vídeo de 20 minutos de duración no que se exhibiron fotos antigas aportadas polos alumnos e alumnas dos cursos e que foron manipuladas e retocadas dixitalmente por eles mesmos.
O axente TIC Abel Alonso foi o encargado de presentar un evento que se prolongou durante unha hora.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario