19.7.12

Ribeira: ata este domingo 22, "Mergúllate no Océano", divulgación marina na praza do Concello

  •  Na inauguración estiveron o reitor da Universidade de Vigo xunto co alcalde ribeirense
  • A acción de divulgación científica do medio mariño componse de oito obradoiros
Ribeira.- 19 de xullo de 2012.- O alcalde, Manuel Ruíz, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia, inauguraron hoxe, na praza do concello, o recinto divulgativo “Mergúllate no Océano”.

 

A exposición estará en Santa Uxía ata o día 22. Durante estes tres días os participantes poderán realizar coas súas propias mans sinxelos experimentos e descubrir cómo funcionan os océanos. O alcalde do Concello salientou a idoneidade da iniciativa para que pequenos e maiores poidan achegarse a moitas das cuestións que ocorren no océano, como comprender as correntes ou saber a ónde se derivan as olas dun tsunami”.

 

Esta proposta divulgativa, dirixida a todas as idades, trata, segundo Salustiano Mato, de destacar a importancia que para o progreso da humanidade ten o feito de coñecer e conservar os océanos. A iniciativa está promovida polo Campus de Excelencia Internacional - Campus do Mar unha institución que “xunta a case 4.000 científicos e que se está convertendo na maior agrupación europea en torno á ciencia e tecnoloxía mariña”.

 

Mergúllate no Océano concíbese como un recinto expositivo duns douscentos metros cadrados de extensión no que, a través de oito obradoiros,  descubriremos por exemplo de onde procede o peixe que comemos habitualmente, cómo funcionan as correntes mariñas ou a importancia que teñen as dunas. Os monitores, expertos en divulgación, buscan en cada unha das actividades, implicar ao público asistente e espertar a súa curiosidade plantexándolles pequenos retos para que, como fan día a día os investigadores, podan chegar a descubrir o funcionamento do mar e dos seres que o habitan.

 

Aqueles que queiran participar nesta experiencia recibirán á entrada un pasaporte que deberán ir selando en cada un dos obradoiros a medida que van completando as diferentes actividades propostas, que abranguen ámbitos tan variados como a Ecoloxía, a Bioloxía, a Oceanografía ou as tecnoloxías aplicadas ao medio mariño. Unha vez acaden todos os selos serán xa uns auténticos científicos mariños e poderán cambiar o seu pasaporte por un pequeno agasallo á saída.

 

Documentais

Un dos momentos estelares de “Mergúllate no Océano” terá lugar o día 20 de xullo ás 22.30 horas, tamén diante do Concello, coa proxección ao aire libre das películas documentais  “Islas Atlánticas de Galicia” de RTVE e “O Mar das Cíes”, de José Irisarri, que nos permitirá mergullarnos a través dunha pantalla de cinema na costa de Galicia, e coñecer unha das máis ricas biodiversidades de todas as augas do planeta dun xeito nunca visto para nós.

 

Ribeira confórmase como a terceira parada desta acción que está a percorrer diferentes vilas galegas e portuguesas durante todo o verán e que forma parte do programa de divulgación científica do Campus do Mar, un proxecto promovido polas tres universidades de Galicia, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas e o Instituto Español de Oceanografía e no que participan 23 universidades, centros e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal con intereses na docencia e investigación mariña.






 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical