13.7.12

Ribeira: doan unha medalla da prata das Heroínas de Sálvora ao museo municipal

  •  A medalla foille concedida a Josefa Parada Crujeiras e a doazón fíxoa seu neto, José Parada, que emigrou a Estados Unidos
  • Anunciouse hoxe que en 2013 a sala museo acubillará unha mostra adicada ao naufraxio do vapor Santa Isabel e que se fará un monumento conmemorativo ás catro heroínas de Aguiño

 

Ribeira, 13 de xullo de 2012.- Os fondos da Sala Museo Municipal contan dende hoxe cunha peza de valor extraordinario que fai referencia unha das maiores traxedias marítimas producidas na historia de Galicia: nin máis nin menos que a medalla de prata concedida por parte da Cámara de Comercio de Pontevedra a unha das catro heroínas de Sálvora, Josefa Parada Crujeiras, quen, encarando as condicións terribles da noite do 1 ao 2 de xaneiro de 1921, tivo o arroxo de saír coa súa dorna para rescatar ás vítimas que puideron salvar a vida no naufraxio do vapor Santa Isabel.

 

Foi un neto da citada heroína, José Parada Sieira, o que tivo a deferencia de doar de forma altruísta esta medalla á instalación municipal. A condecoración foi recibida polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, na sección do museo municipal onde se exhibe outra peza alusiva á traxedia do Santa Isabel: a dunha campá pertencente á embarcación.

 

Conversacións de sobremesa

José Parada, veciño afincado en EEUU, relatou os detalles do naufraxio tal e como lle foron contados nas moitas conversacións de sobremesa que escoitou no seu fogar. Así, explicou que o buque embarrancou na peor zona da illa, onde as ondas rompían con moita intensidade, e se referiu ao descoñecemento do terreo pola maior parte da tripulación como outra das causas de que morresen máis de duascentas persoas.

 

Non obstante, durante a súa intervención aludiu á actuación de persoas como Salvador Santos, natural de Palmeira e contramestre do barco, quen foi quen de evitar que o bote no que ía xunto con outros náufragos se estrelase nas pedras, o que posibilitou a chegada da dorna coas heroínas.

 

Ruiz Rivas agradeceu esta doazón e amosou a satisfacción do Concello de poder exhibir unha das medallas coas que se distinguiron ás catro heroínas, que marcou un fito na historia do municipio e que fai que este pobo se sinta orgulloso do seu pasado. Así mesmo, o alcalde anunciou que no que queda de lexislatura vaise instalar un monumento dedicado ás heroínas de Sálvora, probablemente na parroquia de Aguiño

 

Por outra banda, a directora do museo, Pilar Casas, adiantou que se está a preparar unha exposición para o ano 2013 que abordará a historia do barco vapor Santa Isabel, desde a súa construción nos asteleiros de Matagorda, Puerto Real (Cádiz) ata o seu afundimento en Sálvora, mostrando imaxes e pezas que non se viron ata o momento, como é o caso dos planos que recollen as sucesivas etapas de construción do buque ás que Pilar casas puido acceder na localidade gaditana. A concepción da mostra conta co asesoramento do historiador José María Fernández Pazos, autor dun libro sobre a traxedia.

 

Mostra permanente

Sobre este tenor, o alcalde expresou o seu desexo de que esta exposición temporal que vai ter lugar en 2013 na sala museo se poda mudar posteriormente en permanente, de tal xeito que teña a súa sede precisamente na illa de Sálvora.

 

O alcalde manifestou a este respecto que está a efectuar xestións con outras Administracións para ver a posibilidade de que no pazo ou na fábrica de salazón poida ter cabida dita mostra permanente e que Sálvora sexa “un lugar visitable e visitado”.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical