- A Xunta informa que prevé rematar as obras da reparación da capa de rodadura na estrada Cee- Ribeira (AC-550), para as que se achegaron 1,3 millóns de euros, a finais deste verán
- Estas rehabilitacións de firme incrementarán a seguridade nestes viais para máis de 62.000 habitantes dos concellos de Noia, Porto do Son, Ribeira e A Pobra do Caramiñal
Rotonda de Orro, en Noia, un dos nexos da variante
Barbanza-Noia, 3 de agosto de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou hoxe que o viaduto de Ceilán construirase a dous niveis, polo que a VAC Brión- Noia terá enlace directo coa variante de Noia. Hernández realizou este avance na súa visita, en plena precampaña electoral, aos concellos coruñeses de Ribeira e Porto do Son, ámbolos dous gobernados polo PP.
A variante de Noia, no que respecta á conexión do corredor Brión- Noia coa estrada AC-550 en Taramancos, consta dun orzamento que ascende a máis de 38 millóns de euros. Xa se remataron practicamente todos os movementos de terras e está a avanzarse na construción dos viadutos necesarios (un na conexión da estrada autonómica coa variante, o viaduto do Eroski e o da ría). Como é habitual dende que se iniciaron estas obras, Hernández non dixo nada sobre o castro destruído en Taramancos nin sobre os seus achádegos.
O titular de Medio Ambiente adiantou estes datos nunha supervisión ás obras de mellora de seguridade viaria de varios treitos de dúas estradas fundamentais para a comarca do Barbanza: Oleiros- Corrubedo (AC-303) e Cee- Ribeira (AC-550), proxectos nos que a Xunta de Galicia está a investir preto de 4,6 millóns de euros.
Oleiros- Corrubedo (AC-303)
Por unha parte, o titular de Medio Ambiente visitou as obras de mellora da estrada Oleiros- Corrubedo (AC-303), un tramo cuxa lonxitude é de máis de 8 km. Prevese que estes traballos de optimización rematen no vindeiro ano 2013.
Este proxecto, que se iniciou recentemente (19% de execución), inclúe dous tipos de actuacións: a mellora nas zonas rurais e a urbanización das travesías de Bretal e Olveira. Hernández explicou que o orzamento que se contempla para estas obras é de máis de 3,3 millóns de euros.
As unidades de obra centraranse na demolición do firme en mal estado, execución de fresado e estendido de mestura bituminosa en quente. Tamén se colocarán as correspondentes sinais verticais e horizontais.
A poboación que se beneficiará destas obras de reforzo do firme ascende a un total de 27.700 habitantes do Concello de Ribeira.
Por outra parte, a Xunta prevé rematar as obras da reparación da capa de rodadura na estrada Cee- Ribeira (AC-550) a finais deste verán. O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, inviste preto de 1,3 millóns de euros na mellora destes viais.
Trátase dun tramo de 30 quilómetros (dende o punto quilométrico 73+250 e 103+500) cuxa execución se divide en dous treitos, co fin de esta sexa máis áxil e eficiente. Así, estanse a realizar obras entre os puntos quilométricos 73+250 (Noia) ao 84+000 (intersección coa CP-7101 a Nebra), que foi adxudicada á empresa Arias y Hermanos, cun orzamento de 573.146 euros; mentres que desde o PK 84+000 ao 103+500 (Ribeira), a empresa Ponciano Nieto será a encargada de executar esta obra por un investimento de 606.551 euros.
A reposición da capa de rodadura permitirá mellorar as condicións de conservación do vial. A actuación complementarase coa reposición das marcas viarias horizontais e de sinais verticais. Estes traballos, unha vez rematados, beneficiarán a máis de 62.000 habitantes dos concellos de Ribeira, Noia, Porto do Son e Pobra do Caramiñal.
Obras hidráulicas
Hernández lembrou que na zona de Porto do Son, Augas de Galicia puxo en servizo unha rede de colectores xerais e unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) e mellorou o sistema de abastecemento en Portosín e Xuño. Ademais, estanse a redactar os proxectos de colectores xerais e EDAR de Tarrío, a mellora da EDAR de Siera e a 2ª fase do saneamento de Porto do Son.
Na zona de Ribeira, están en curso as obras de construción dos colectores xerais e EDAR de Corrubedo, proxecto cun orzamento de 5,3 millóns de euros. Tamén se iniciarán brevemente os traballos de reparación do emisario submarino de Touro. Cómpre sinalar que no que vai de lexislatura Augas de Galicia finalizou as obras de saneamento dende Padín ata Pedra Pateira e presentou o plan de saneamento local da marxe dereita da ría de Arousa, nos concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal.
Antes, en Certo:
Outes: escaralla viva a paisaxe a variante? fan falta as inaguracións?
Parlamento: o Bng pregunta pola desfeita de Taramancos
Pleno: moción de urxencia polo arraso do castro de Taramancos
Arqueoloxía: o Psoe leva ao Parlamento o arraso do castro de Taramancos
Arqueoloxía: o alcalde critica á Xunta por eliminar o castro de Taramancos
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario