4.10.12

Lingua galega: só A Pobra, Boiro e Ribeira terán Os Axóuxeres nestas bisbarras

  • O secretario xeral de Política Lingüística deu a coñecer hoxe os detalles desta iniciativa de dinamización lingüística dirixida a nenos e nenas de 0 a 6 anos e ás súas familias
  • En A Pobra, Boiro e Ribeira hai gobernos do Partido Popular
  • O novo programa transmedia achegaralle a lingua galega ás familias a través do teatro, do cine, da televisión, de internet e dos dispositivos móbiles
  • Os Axóuxeres chegarán á TVG2 o 22 de outubro e, a partir do 28 dese mes, a preto de 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Media_httpwwwxuntaesl_jntjx

Un dos encontros dos Axóuxeres no que estivo Uxía Senlle

Barbanza, 4 de outubro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer esta tarde a nova edición dos Axóuxeres, un programa multiplataforma destinado a dinamizar a lingua galega e a súa transmisión interxeracional nas familias con bebés de 0 a 6 anos de idade.

Os Axóuxeres actualízanse e transfórmanse neste ano 2012, segundo explicou o secretario xeral, “para adaptárense aos retos dunha sociedade que utiliza cada vez máis medios para relacionarse e educar. Os Axóuxeres mudan cos tempos, sempre co empeño de ofreceren ferramentas para cantar, para xogar, para medrar en galego co apoio dos pais e nais que, en definitiva, son os encargados de transmitirlles aos seus fillos e fillas a lingua galega”.

Axouxeres2012

Encontros teatrais e dixitais na Rede de Dinamización Lingüística
Os Encontros dos Axóuxeres son pezas teatrais dunha hora de duración pensadas para cativos de 0 a 3 anos, participativas e con moita presenza da música e do xogo. Pola súa banda, os Encontros dixitais son sesións de cine dixital pensadas para nenos e nenas de 3 a 6 anos acompañados dos seus pais e nais. Nestas actividades fomentarase a participación do público con xogos e cancións para desenvolver durante a celebración.

Este ano haberá 20 Encontros teatrais e outros 20 Encontros dixitais que acollerán entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) nas catro provincias galegas. Os Encontros teatrais visitarán a cidade da Coruña mercé á participación da Deputación coruñesa na RDL; a Pobra do Caramiñal, grazas á pertenza á Rede da Mancomunidade de Arousa Norte; a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso e os concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Ames, Arteixo, Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Ribeira, Ponteareas, Cangas, Marín, A Estrada, Teo, Tui, Boiro, Baiona, O Barco de Valdeorras e Cee.

A entrada aos encontros dos Axóuxeres será gratuíta, pero cumprirá reservar praza no teléfono 637 179 304. Este número estará aberto ás reservas de cada localidade unha semana antes da celebración de cada encontro. Nos encontros dixitais a entrada será de balde ata completar o aforo.

Toda a información sobre este programa estará dispoñible no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2012.>

Os Axóuxeres, tamén na TVG2
Nesta nova etapa, ademais dos Encontros teatrais e dos dixitais, Os Axóuxeres adquiren unha nova dimensión televisiva para chegar a todos os fogares de Galicia, grazas ao novo espazo televisivo do mesmo nome, que se emitirá a partir do día 22 de outubro na segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2). O horario será de luns a venres, ás 7.30, ás 13.00 e ás 17.00 h, no marco da súa programación infantil e do coñecido Xabarín Club.

Este espazo de televisión, baseado no xogo e no fomento da creatividade, está pensado para ver en familia e, sobre todo, para que a xente adulta poida extraer ideas para xogar despois coas crianzas e estimular a súa creatividade en galego. Cada programa está dividido en dúas partes, unha primeira pensada para nenos e nenas de 0 a 3 anos, e unha segunda parte está pensada para cativos de 0 a 6.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística dálle así continuidade á aposta pola TVG como espazo de promoción da lingua galega, aposta da que tamén forman parte os microespazos sobre o noso idioma Ben falado!, o programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! (que permitu emitir curtas de animación en galego elaboradas por nenos) ou a serie Os Bolechas que se empezou a emitir hai unhas semanas. Deste xeito, poténciase a existencia dunha oferta ampla e variada de programas infantís en galego que contribuirá á aprendizaxe e á valoración da lingua propia de Galicia polos máis pequenos.

Outras plataformas
Os Axóuxeres tamén terán presenza en internet a través da sección infantil da web da CRTVG e mais da web da Secretaría Xeral de Política Lingüística
www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2012, onde –a medida que avance o programa- se poderá ir consultando o calendario dos Encontros, compartindo a experiencia de participación neles ou descargando cancións e actividades.

Tamén estarán a disposición dos nenos e dos pais dúas aplicacións con sinxelos xogos de balde para o móbil.

Obxectivos do programa
O programa de dinamización lingüística Os Axóuxeres responde aos obxectivos marcados no Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) para os sectores de Lecer e Tempo Libre e mais Educación, Familia e Mocidade, en concreto, os referidos á transmisión familiar, como “fomentar a transmisión e mais a aprendizaxe da lingua galega dentro das familias” ou “aumentar a presenza da lingua galega nas actividades de lecer e incrementar a oferta de recursos informáticos e audiovisuais en galego destinados á infancia”, actividades e recursos que permitan asociar o galego cunha estética dinámica e actual, tal e como sinala o devandito PXNLG.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical