4.10.12

Ribeira: convocado certame de pintura escolar para alumnado de secundaria

  • A obra gañadora, que responderá ao lema "Que che suxire Ribeira", dará imaxe a algunha acción cultural do verán 2013
  • Todos os premios consistirán en material de debuxo e libros

Ribeira, 4 de outubro de 2012.- O Concello presentou hoxe un novo certame de pintura escolar que se levará a cabo durante o presente curso académico en colaboración cos centros educativos que imparten ensinanza secundaria no municipio.

Organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da área de Educación, a idea de promover esta nova iniciativa, titulada “Que che suxire Ribeira”, procedeu do docente do Colexio Galaxia Fernando Yáñez, quen compareceu no Auditorio para dar conta da novidade, xunto coas edís Elvira Pisos e Mª Carmen Vizcaya, e a directora do museo municipal Pilar Casas.

O motivo principal da realización deste proxecto radica por unha banda, na necesidade de integración dos diferentes centros educativos de Ribeira, co fin de concretar un tipo de actividades en común que dinamicen os valores educativos e culturais de todos os alumnos; e, por outra parte, na colaboración e no enriquecemento da difusión da oferta cultural da cidade, contribuíndo de forma activa ao posicionamento de valores culturais e artísticos dentro da cidadanía.

Temática

Cada participante poderá concursar cunha soa obra, que será única, orixinal e auténtica.  A temática das obras que se presenten xirarán en torno á cidade de Riveira, plasmará a visión que cada alumno teña dela, ou aquel aspecto que lle resulte máis significativo.

O fin último do proxecto é o desenvolvemento dunha actitude artística do alumnado participante. Os premios estarán conformados por:

    Finalistas 1ª Categoría (1º e 2º da E.S.O.): tres obras acadarán o premio de finalistas. Os seus autores recibirán como premio material de debuxo e pintura e un lote de libros xuvenís.

    Finalistas 2ª Categoría (3º e 4º da E.S.O.): tres obras acadarán o premio de finalistas. Os seus autores recibirán como premio material de debuxo e pintura e un lote de libros xuvenís.

    O gañador do concurso –que poderá ser de calquera das dúas categorías- recibirá como premio material de debuxo e pintura e un lote de libros xuvenís. Ademais, a súa obra será escollida como imaxe para algunha actividade ou programación cultural do verán do ano 2013 en Ribeira.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical