15.10.12

Ribeira: o Concello abre liña de axudas para actividades culturais de entes sen ánimo de lucro

  • Cada asociación poderá percibir entre 300 e 2.000 euros

Media_httpfarm9static_fwgtq

Ribeira, 15 de outubro de 2012.- O Boletín Oficial da Provincia publica no día de hoxe as bases polas que se rexe a convocatoria de subvencións do Concello de Ribeira para a promoción de actividades culturais no exercicio 2012.

Esta convocatoria ten por obxecto establecer os criterios e procedementos para a concesión de subvencións durante o exercicio 2012, destinadas a impulsar a actividade cultural das entidades sen ánimo de lucro existentes no municipio, de acordo cos principios de obxectividade, concorrencia competitiva e publicidade.

Os obxectivos estratéxicos que se pretenden con estas axudas residen en achegar a cultura ao maior número posible de persoas, empregando aos colectivos como instrumento para acadar tal fin, e propiciar unha vida culturalmente activa e estable no municipio fomentando a participación dos veciños e veciñas.

Con tal motivo, reservouse unha partida no orzamento municipal de 29.250 euros e, con carácter xeral, o importe mínimo de achegas a conceder por entidade será de 300 euros e o máximo non poderá superar os 2.000 euros.

Poden optar a estas subvencións as entidades e asociacións sen ánimo de lucro formalmente constituídas que teñan o seu domicilio social no concello, estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións antes do 1 de xaneiro de 2012 e conten cun mínimo de 20 socios; así como os centros educativos existentes no termo municipal.

Ata o 50% do gasto

Poderán ser subvencionada -ata un 50% do gasto acreditado- a organización de actividades culturais, tales como cursos, obradoiros, certames e eventos similares. Non se consideran gastos subvencionables os gastos de manutención, aloxamento e atencións protocolarias; as viaxes de ocio e derivados da organización de xantares, bailes ou eventos gastronómicos; os gastos de funcionamento das entidades; os investimentos reais; as actividades deportivas (dispoñen da súa propia liña de axudas específica) e os festexos patronais.

O prazo de presentación de solicitudes iníciase mañá e rematará o 26 de outubro. Non obstante, ao longo do exercicio orzamentario poderán presentarse solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionais, non puidesen terse achegado no prazo sinalado no apartado anterior. Esta circunstancia deberá motivarse adecuadamente.

As actividades financiadas deberán ser desenvolvidas dende o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2012.

Relacionada:


Polémica: "Flor de Toxo", endebedada por unha subvención reducida pola Xunta

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical