4.1.13

Colaboración: "Non vaias a Malta", por Javier Ferreirós

Fai uns días reencontreime cun vello amigo que volvía á casa polo Nadal. Fomos tomar algo e contoume que estivera o mes pasado en Malta. Malta, dixen nun suspiro, e conteille que unha vez me ofreceran un traballo moi ben pagado aló, que por circunstancias persoais non puiden aceptar, e que dende entón sempre me quedou o aquel de non poder pasar un tempo nese paraíso mediterráneo no que se goza de boa temperatura todo o ano e no que se fala inglés.

Ó meu contertulio, ribeirense residente en Madrid, veulle un sorriso retorto á boca. “Paraíso? Vouche contar eu como as gastan no Paraíso.”

A finais de novembro foi de vacacións a Malta cun par de amigos. Unha noite foron de troula e un deles, antes de cruzar a rúa, apoiouse coa man nun taxi aparcado. Fatal decisión. Ó instante apareceron sete ou oito taxistas dicindo que tiñan que pagarlles por danar o taxi, que se non lles cortaban o pescozo. Detrás deles apareceu a policía, e antes de que se deran conta, co meu amigo tentando poñer paz en inglés, xa estaban camiño do trullo. Detidos eles, non os taxistas. E non camiño da comisaría, non: da Penitenciaría de Malta, onde cumpren condena os criminais condenados do país. Alí mandáronlles entregar as súas pertenzas e espirse, mentres un dos gardas, no medio das risas dos seus compañeiros, poñía unha luva de látex. Non houbo exploración de orificios porque o rapaz de Ribeira, que era o único dos tres arrestados que falaba inglés, pelexou porque non a houbera, despois de que lles quitaran todo e lle romperan o móbil a un deles, perito de coches nunha aseguradora (que cousas ten o destino, ou o que sexa!). Ningún dos gardas se dirixiu a eles en inglés en ningún momento, cando era obvio que só se poderían entender a través desa lingua nunha situación na que era imperativo entenderse; os axentes utilizaron todo o tempo o idioma maltés para desconcerto dos detidos, que aínda non tiñan claro de que se lles acusaba.

Que foi o seguinte? Pasaren a noite no cárcere, o amigo ribeirense só nunha cela, sen saber ata cando. Sen que lle deran un vaso de auga cando o pediu. Por sorte, algúns españois residentes na illa, coñecidos dos detidos, agardaban fóra, protestando por semellante escándalo. Algún deles chamou ó cónsul español, que apareceu feito unha furia, demostrando que non era a primeira vez que isto pasaba ó berrarlle en inglés ós policías: “¿Outra vez? ¿Fixéstelo outra vez?”.( Namentres, na cela do lado, un preso cheo de tatuaxes cantaba, e, agora que todo pasou, a quen me conta isto dálle a risa porque aquilo semellaba unha escena que todos vimos no Príncipe de Bel-Air.)

Unha das traballadoras da embaixada española, procurando facer minimamente aturable a estancia dos detidos naquel burato no que tiñan que defecar nunha xerra, levoulles uns cafés, pero os gardas, pendentes do seu pequeno negocio de extorsión, non lle deixaron levárllelos. Xa se sabe, aquilo de “ó inimigo nin auga!”

Como rematou a cousa? Ó día seguinte os detidos firmaron uns papeis que garantían a súa liberdade a cambio de 1200 euros. Sen volta de folla nin ningún tipo de reclamación posible. Fixeron tal cousa guiados polo cónsul, xa que nin sequera el contaba con outra opción viable. Pagaron e marcharon, para gran festexo dos policías e en beneficio da Sociedade Mafiosa de Polis e Taxistas.  Unha vez fóra, entre os amigos españois que os agardaban había unha rapaza maltesa, da mesma panda, que non puido máis que mostrarse avergoñada polo funcionamento do seu país, propio dunha remota satrapía. Non hai que esquecer que Malta é membro da Unión Europea, esa do Premio Nobel da Paz que tanta ledicia nos trae. Ó parecer hai moito máis que os típicos furtos cos que se recibe ós turistas en moitas partes do mundo, en contra do que din en guías turísticas e outros escritos nos que venden a súa excelencia cuberta de sol. Fálase nesas guías de baixa delincuencia...supoño que porque non contan ós policías entre as filas dos delincuentes.

Por tocar un taxi, naquel paraíso mediterráneo tan preto de nós podes pasar o resto das tardes de sábado da túa vida dando voltas polo patio da Penitenciaría. E visto o visto, coido que non esaxero.

Por certo, xa se me quitaron as ganas de ir a Malta.

Anterior artigo de Javier Ferreirós:



Músico e historiador
Serie exclusiva para Certo coa análise
dos principais discos da música mundial
"Música por dentro"




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical