8.1.13

Política: Caamaño denuncia que a Xunta somete a "severa marxinación orzamentaria" á comarca do Barbanza

Media_httpfarm5static_saxii
 


  • Os socialistas afirman que os Orzamentos de 2013 “non favorecen o desenvolvemento económico”, son “incompatibles coa xeración de emprego na comarca”, e esquecen importantes infraestruturas pendentes na zona
  • Caamaño considera que, con estes orzamentos, “semella que os cidadáns do Barbanza non existen para a Xunta de Galicia”
 
 
Barbanza, 8 de xaneiro de 2013. O secretario provincial do PSdeG-PSOE e deputado no Parlamento de Galicia, Francisco Caamaño, denunciou hoxe a “severa marxinación orzamentaria” á que a Xunta somete á comarca do Barbanza.
 
Segundo explicou o deputado socialista, o goberno de Feijóo destinará este ano só uns 14 millóns de euros para investimentos na totalidade dos concellos que conforman as comarcas de Barbanza e Muros-Noia, dos que a metade se destinarán a financiar as obras da estrada AC-550 (conexión Taramancos-Noia) que, segundo as previsións da propia Xunta debería ascender a 13 millóns de euros neste exercicio, “polo que previsiblemente se incumprirán os prazos de execución establecidos”, afirmou Caamaño, que considerou que “fóra desta estrada e das EDAR de Corrubedo (Ribeira) e Porto do Son, semella que os cidadáns do Barbanza non existen para a Xunta de Galicia”.
 
Francisco Caamaño afirmou que nos Presupostos de 2013 “non hai unha soa achega de recursos públicos para favorecer o desenvolvemento económico  ou financiar programas como os das Áreas de Rehabilitación Integral de vivendas que axudarían a manter o emprego e a fixar a poboación” nin se contemplan partidas destinadas á mellora de servizos públicos esenciais.
 
Neste sentido, lembrou que “compromisos expresamente asumidos polo goberno de Núñez Feijóo con esta comarca como a escola infantil de Esteiro (Muros) ou a de Ribeira non figuran nas contas do 2013”, nas que tampouco aparecen partidas para a necesaria mellora de diversos centros de saúde da zona.
 
Os socialistas denunciaron tamén outras “notorias ausencias” nos orzamentos da Xunta para a comarca como a ampliación da EDAR e o centro de día de Rianxo, ou as obras da lonxa e o emisario de Ribeira,  que quedan tamén sen consignación presupostaria en 2013.
  
Incompatibles coa xeración de emprego
 
Así, segundo Francisco Caamaño, os orzamentos para o ano 2013 son, baixo o pretexto da austeridade, “radicalmente incompatibles coa xeneración de emprego e o crecemento, e non só resultan discriminatorios para provincia da Coruña, cun un 43% menos en relación cos do pasado ano, senón que ademais marxinan especialmente aos concellos desta ampla área xeográfica”.
 
“Cando máis falla fai unha rede pública de apoio aos cidadáns e de estímulos ao crecemento e ao emprego, a Xunta presenta uns presupostos de mínimos que marxinan a unha parte fundamental da provincia da Coruña e que descoñecen que a defensa do medio ambiente, a cultura, os servizos de atención aos maiores e as persoas con discapacidade, a educación ou a sanidade, ademáis de axudar a todos, contribúen á creación de riqueza e emprego”, afirmou Caamaño, que considerou que son uns orzamentos “socialmente insolventes” e “profundamente insolidarios cos veciños do Barbanza”.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical