Ribeira, 9 de decembro de 2013.- A oitava edición da Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño xirará en torno ao añorado José Manuel Pérez Sampedro, “Mariscal”, quen será nomeado socio de honra a título póstumo como recoñecemento á súa estreita colaboración con cantas actividades emprendeu a asociación que leva o nome do que fora párroco de Aguiño. Así o deu a coñecer Unai González, presidente da entidade, durante a presentación dun evento que conta coa colaboración do Concello de Riveira, representado hoxe pola súa concelleira delegada de Cultura, Elvira Pisos (tamén estivo a secretaria da Asociación Francisco Lorenzo, Pilar Millet).
Unai González informou que a xunta directiva, reunida en sesión extraordinaria o pasado decembro, decidiu por unanimidade nomear a “Mariscal” socio de honra a título póstumo en base a uns méritos dos que se darán conta nas propias xornadas, pero que son sobradamente coñecidos: entre os mesmos, o de crear a páxina web de Aguiño (www.aguiño.com) e o documental sobre os 50 anos da parroquia.
Os actos celebraranse durante os días venres 18 e sábado 19 de xaneiro. No primeiro día e tras a inauguración do alcalde Manuel Ruiz (ademais do himno galego con música de gaitas de A Gandaina), desenvolverase unha xornada titulada “José Manuel Pérez Sampedro, “Mariscal”, In Memoriam”, que contará coa participación de Jorge Pérez Sampedro en representación da familia, Luis Aparicio Ramírez en representación dos amigos, Segundo Durán Guillán, polos compañeiros do Concello; Alberte Villaverde Fernández, polo Atlético Riveira; e Silverio Sobrido Álvarez, da Peña Madridista Amancio.
Acto seguido entregarase un diploma conmemorativo e un agasallo institucional de socio de honra aos pais do homenaxeado, para proxectar a continuación un documental no que se recollerán algúns dos momentos máis significativos da vida de Pérez Sampedro.
Todos estes actos terán lugar a partir das 20.30 horas na Casa do Mar de Aguiño.
Ofrenda floral
En canto á programación do sábado, comezará ás 17.30 horas cunha ofrenda floral e lectura de manifesto no Cemiterio de Porto do Son, lugar onde está enterrado Francisco Lorenzo. Acompañará o Grupo de Gaitas A Gandaina de Palmeira.
Ás 20 horas terá lugar na Igrexa de Aguiño a misa do noveno aniversario do deceso de “Don Paco” que será oficiada polo actual párroco David Mohedano.
E ás 20.45 horas, a Casa do Mar de Aguiño será escenario da actuación e monólogo cómico de Isabel Risco (coñecida pola súa participación en programas como Tourilandia ou Luar, ademais de infinidade de series de TVG) que porá en escena o seu espectáculo “Nabiza Girl”. Todas estas actividades son gratuítas e de entrada libre.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario