4.2.13

A Pobra do Caramiñal: Economía e Industria achega oficios artesanais aos cativos do colexio Salustiano Rey

A_pobra_enredando

  • O programa ten por obxectivo concienciar á sociedade, comezando polos máis novos, do valor do produto feito á man
  • Como novidade nesta edición os estudantes elaboran papel e aprenden técnicas de encadernación
  • O programa, que iniciou a súa andaina no 2011, chegou xa a case 4.000 alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e secundaria

A Pobra do Caramiñal, 4 de febreiro de 2013.- A Consellería de Economía e Industria presentou hoxe no CEIP Salustiano Rey Eiras da Pobra do Caramiñal o módulo O gremio da seda do programa didáctico “Enredando, artesanía na escola”, unha iniciativa organizada pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño que ten por obxectivo achegar os oficios artesanais aos rapaces para que poidan coñecelos e valoralos en maior medida.

“Enredando, artesanía na escola”, que se iniciou en 2011, chegou xa a case 4.000 alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e secundaria de toda Galicia. Durante este curso estase a celebrar en 22 localidades galegas, ofrecendo aos alumnos a oportunidade de coñecer de preto o sector da artesanía. Ademais de achegarlles aos estudantes o procedemento da obtención da seda desde o coidado dos vermes ata a extracción e enfiado da seda dos casulos, como novidade preséntase o módulo Do papel ao libro.

A finalidade é que cada un dos participantes elaboren artesanalmente 25 follas empregando os materiais e a mestura de fibras de bambú e de eucalipto seguindo as indicacións que, con anterioridade, un artesán explica aos alumnos e os docentes nun exercicio práctico en cada un dos centros educativos. Con posterioridade os alumnos e docentes realizarán unha práctica de encadernación dun libro coas follas elaboradas na primeira fase seguindo a técnica de catro buratos, supervisada polo artesán.

Con esta iniciativa, a Consellería de Economía e Industria persegue concienciar á sociedade do valor do produto feito á man, comezando polos máis novos, así como presentarlle aos rapaces a artesanía como unha alternativa para o seu futuro laboral. Deste xeito, contribúese a favorecer o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais e promóvese o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores, trasladando aos cativos o valor engadido da artesanía no que se refire á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

Antes, en Certo:


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical