- Foi esta mañá no Rexistro Xeral do Concello de Ribeira
Comunicado da Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza:
Esta Asemblea, aberta e participada por toda a comunidade educativa, leva mobilizándose dende o pasado curso con actividades de información e coordinación en todos os centros de ensino da bisbarra para poñer en evidencia o que é un sistemático recorte do dereito ao ensino público nos últimos anos, da súa calidade e da súa gratuidade. Tralo éxito da xornada de folga do pasado mes de Outubro a Asemblea desenvolveu unha campaña de recollida de sinaturas como canle da expresión de apoio das familias no rexeitamento do modelo educativo que se pretende coa nova lei de educación (LOMCE), así como da súa determinación de evitar a destrución do Ensino Público.
Esta iniciativa estendeuse aos centros da bisbarra e permitiu a activación e coordinación dos sectores que integran a comunidade educativa, alumnos/as, pais/nais e profesorado en torno a ese obxectivo común de non querer retroceder na conquista que supón a educación de todos e para todos; a Educación Pública. Nun primeiro momento a campaña de recollida de sinaturas desenvolveuse parella coa que a nivel do estado promoveu a CEAPA, remitindo centros as súas sinaturas a esta Confederación; para, a partir de xaneiro, intensificar esta recollida, cuxo froito é o motivo deste acto da Asemblea en defensa do ensino da Barbanza.
O resultado manifesto deste empeño é a entrega que no día de hoxe faise de máis de 6.000 sinaturas por parte de representantes de ANPAS dos centros de Boiro, Pobra, Rianxo e Ribeira, acompañados pola Presidenta da CEAPA de Galicia.
Esta Asemblea continuará a desenvolver iniciativas en favor da defensa e dereito ao Ensino Público, denunciando a diminución de recursos educativos e as súas consecuencias na formación real e integral dos nosos mozos e mozas, así como promovendo unha retirada do proxecto de reforma da LOE denominado LOMCE que pretende impoñerse ás costas da comunidade educativa.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario