2.2.13

Medio Ambiente: as lagoas de San Pedro de Muro (Porto do Son) e Corrubedo e Vixán (Ribeira), zonas sensibles no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa

  • En base a esta distinción multiplícanse por 10 as zonas sensibles, entre as que se encontran rías, humidais e encoros
  • Ademais das citadas, as lagoas que reciben este recoñecemento son: Frouxeira, Baldaio, Carnota- Caldebarcos, Bodeiro, Doniños e Sobrado dos Monxes
  • Na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa localízanse varios espazos naturais de interese protexidos baixo as distintas categorías como: catro humidais de importancia internacional (RAMSAR); dúas reservas da bioesfera (Programa MAB da UNESCO); e unha reserva mariña internacional (OSPAR)


Barbanza, 2 de febreiro de 2013.- O Plan Hidrolóxico Galicia- Costa, que aprobou a Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia, recoñece como zonas sensibles nove lagoas. Os humidais representan un gran valor socioeconómico, cultural e científico, e a súa perda sería irreparable. Os humidais proporcionan servizos ecosistémicos esenciais, mesmo mediante a súa función de regulación e abastecemento de auga.

Augas de Galicia fixo unha revisión das zonas declaradas como sensibles, de xeito que das actuais dúas zonas sensibles declaradas ata o momento se sumarán unhas 20 máis, das cales nove son humidais. Así, multiplícase por 10 as zonas declaradas como sensibles. Estas distincións xorden do estudo minucioso das masas de auga que se fixo coa redacción do Plan Hidrolóxico, que puxo de relevo a importancia e o estado ecolóxico destas zonas.


Os nove humidais que son novas zonas sensibles:
- Lagoa da Frouxeira (metida nunha enorme polémica denunciada por Adega)
- Lagoa de Baldaio
- Lagoa de Carnota- Caldebarcos
- Lagoa de Corrubedo (Artes- Carregal) RIBEIRA
- Lagoa de Bodeiro
- Lagoa de Vixán RIBEIRA
- Lagoa de San Pedro de Muro PORTO DO SON
- Lagoa de Doniños
- Lagoa de Sobrado dos Monxes

Compre destacar que, na actualidade, atópanse entre os ambientes máis ameazados por causa da drenaxe, a contaminación e a sobreexplotación dos seus recursos.

Esta figura de protección, regulada na Directiva 91/271/CEE, implica unha maior restrición de vertidos de augas residuais, tanto a estas zonas como aos cursos de auga que desemboquen nas mesmas. Con esta designación avógase pola redución, ou incluso a prohibición cando así sexa necesario, do aporte externo de nutrientes que podería incidir de xeito negativo no funcionamento destes espazos naturais.

Bacía Galicia-Costa
Por outro lado, en base a diferentes convenios e acordos internacionais subscritos polo Goberno de España, no dominio territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa localízanse varios espazos naturais de interese protexidos baixo as seguintes categorías:

- 4 humidais de importancia internacional (RAMSAR).
- 2 reservas da bioesfera (Programa MAB da UNESCO).
- 1 reserva mariña internacional (OSPAR).

No ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa localízanse 4 humidais declarados de importancia internacional en base ao Convenio RAMSAR de 2 de febreiro de 1971. No seu conxunto, estas zonas húmidas ocupan unha superficie total duns 70,93 km e atópanse reguladas dentro da Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 127/2008, de 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e créase o Inventario de humidais de Galicia:

- Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo, 9.83 km2
- Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Laguna Bodeiro, 26.00 km2
- Lagoa e areal de Valdoviño, 4.85 km2
- Rías de Ortigueira e Ladrido, 30.25 km2

Día Mundial dos Humidais
Hoxe, 2 de febreiro, celébrase o Día Mundial dos Humidais para conmemorar a data na que se adoptou a Convención sobre os Humidais, o 2 de febreiro de 1971. Desde 1997, veñen celebrándose actos e actividades encamiñados a aumentar a sensibilización do público en xeral acerca dos valores dos humidais e os beneficios que reportan en xeral e a Convención de Ramsar en concreto.

Galicia conta con cinco humidais declarados como Sitio Ramsar que suman un total de 7.698 ha.: Ría de Ribadeo, Ría de Ortigueira e Ladrido, Lagoa e areal de Valdoviño, Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo e Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical