- Será o Grumir de Brión e non o de Muros o que se faga cargo de Noia
- A Xunta segue a soster que a nova distribución é "máis racional" cando en Muros non hai nada feito e en Noia levan as instalacións e persoal do Grumir varios anos funcionando a bo nivel
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, ofreceu unha rolda de prensa acompañado pola delegada territorial na provincia, Belén do Campo, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey, e o deputado provincial de Promoción Económica
Noia, 8 de febreiro de 2013.- A Xunta, en colaboración coa Deputación Provincial e os concellos, poñerá en marcha sete grupos de emerxencias supramunicipais (GES) na provincia da Coruña, co fin de completar a redefinición do mapa de emerxencias de Galicia. Así o explicou hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, na Coruña, quen indicou que estes grupos sumaranse aos 10 parques comarcais de bombeiros e aos tres municipais da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela para crear "unha auténtica malla que cubrirá a totalidade do territorio da provincia nunha distribución máis racional dos recursos", segundo a nota da Xunta, que non está a ter en conta as protestas dos veciños de Noia e as queixas dos alcaldes de toda a comarca de Barbanza, a maioría do PP, que non entenden que se queira abandonar un grumir xa asentado como o de Noia e comezar dende cero outro en Muros.
Acompañado pola delegada territorial na provincia, Belén do Campo, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey, e o deputado provincial de Promoción Económica, Antonio Cañás, Villanueva sinalou que os novos grupos de emerxencias estarán compostos por 12 efectivos. Superarán así o modelo anterior de Grumires, ao contar cunha estrutura supramunicipal que lles permitirá dar servizo a varios concellos e cubrir partes máis amplas do noso territorio. Ademais, disporán dunha estrutura profesionalizada e permanente.
O novo mapa de emerxencias, por tanto, disporá de sete sedes dos grupos: Ortigueira, Mugardos, Curtis, Ponteceso, Muros, Padrón e Brión. O grupo con sede en Ortigueira dará cobertura á área de Ortegal; o de Mugardos cubrirá o Eume e Ferrol; o de Ponteceso cubrirá Bergantiños; desde a sede de Muros darase servizo á zona de Muros-Xallas; desde a base de Curtis atenderase a área de Betanzos, Terra de Melide e Ordes; desde a de Padrón cubrirase o ámbito do Sar-Caldas e, por último, a sede de Brión actuará sobre Santiago, Noia e A Barcala.
Segundo apuntou o director xeral de Emerxencias, xa se está traballando coa Fegamp para a implantación destas actuacións, de xeito que o servizo comece a funcionar no mes de abril. O custe anual dos grupos para toda Galicia rondará os 7,5 millóns de euros. A Xunta farase cargo do 60% deste importe, mentes que as deputacións provinciais e os concellos asumirán o 20%, respectivamente.
En relación ás queixas dalgúns concellos por non contar cunha sede propia de Grumir, o responsable de Emerxencias recordou que “esta distribución está baseada nun acordo entre Xunta e Fegamp, baseánse en criterios obxectivos e coa colaboración das Deputacións”.
“Tivéronse en conta condicións específicas para dar a mellor resposta ante as emerxencias, como a poboación atendida, a localización en zonas con riscos potenciais ou a existencia de medios e recursos municipais na actualidade que se poidan a aproveitar”, apuntou Santiago Villanueva. “Ademais –engadiu- evitáronse duplicidades, de xeito que ningún grupo de emerxencias se instalará alí onde haxa un parque de bombeiros, tal e como se establece no Pacto Local”.
O cumprimento do obxectivo de crear unha auténtica malla que cubra todo o territorio e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns galegos ante calquera incidencia, destacou o director xeral, “non sería posible sen a colaboración entre as distintas administracións, non só entre a autonómica, as Deputacións e os concellos, senón tamén entre os propios concellos, que, na liña impulsada pola Xunta, cooperarán entre si para ofrecer un servizo de resposta ante as emerxencias áxil, eficaz e profesional”.
Villanueva rematou a súa intervención destacando o salto cualitativo e cuantitativo que experimentou a nosa comunidade na atención das emerxencias en pouco máis dunha década, cando se pasou de contar no ano 2000 con sete servizos profesionais permanentes de atención ás emerxencias (nas sete cidades) a contar a partir deste 2013 con 60 servizos permanentes espallados por toda Galicia, grazas ao esforzo e coordinación das tres administracións implicadas.
Relacionadas:
- Noia: o Bng tamén irá á concentración a prol do Grumir
- Noia: o goberno local ve "unha aberración calamitosa" que se queira desmontar o Grumir e facelo algo novo en Muros
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario