8.2.13

Ribeira: a pista "Irmáns González Pérez" de Carreira lembrará a estes futbolistas como modelos para a mocidade

  • Centos de nenos e veciños estiveron apoiando aos dous irmáns de Carreira homenaxeados de novo con esta pista, moi preto do lugar onde comezaron a darlle os primeiros toques ao balón
  • A nova pista multideporte está no recinto do colexio de Frións

Ribeira, 8 de febreiro de 2013. Neste luminoso venres de Entroido tivo lugar no recinto escolar do CEIP de Frións o acto inaugural da nova Pista Multideportiva ‘Irmáns González Pérez. Fran e José Ramón’, co que se quixo render homenaxe dende o Concello a unha das parellas de irmáns con máis sona na historia do deporte de Ribeira.

Presidido polo alcalde de Riveira, Manuel Ruiz, o acto contou por suposto coa presenza dos dous futbolistas de Carreira que marcaron época no Superdepor. Ademais, participaron no evento o que fora adestrador daquel equipo mítico, Arsenio Iglesias; Andrés Pardo, dos veteráns do Deportivo; o ex rexedor municipal José Antonio Ventoso; e o director do centro escolar, Luís Teira. Fronte a eles, centos de persoas, entre alumnos, veciños, familiares e achegados, e tamén membros da Corporación.

Medalla de ouro

O primeiro dos irmáns en tomar a palabra foi Fran González, quen agradeceu ao Concello esta distinción, que se suma á Medalla de Ouro de Ribeira que se lles outorgara hai uns anos.

Tanto Fran como José Ramón quixeron lembrar igualmente que, no mesmo lugar onde agora se ubica o recinto educativo, na súa infancia se estendía un campo de fútbol no que eles solian xogar ao estar situado ao lado da súa casa.

Fran expresou a súa ledicia de poder seguindo disfrutando do deporte coa nova pista, en tanto que José Ramón salientou que aínda que foi unha mágoa perder aquel campo foi unha sorte que o substitúa un centro educativo. O maior dos irmáns González Pérez quixo recordar tamén aos amigos da infancia cos que xogaba ali ao fútbol, como José, Pirri ou Julio.

Previamente, o alcalde Manuel Ruiz (quen falou despois de que Luís Teira dese a benvida como anfitrión) destacou os éxitos deportivos de dous irmáns que, convertidos nos buques insignia do Deportivo de A Coruña, levaron con orgullo os nomes de Ribeira, de Carreira e de Frións por todo o mundo. “Agora o que queremos e que o seu nome quede aquí estampado por moitos anos –engadiu- para que todos teñamos o recordo dos que foron os nosos máximos deportistas de élite”.

Ruiz Rivas tamén lembrou que o ano pasado o Concello tivo ocasión de inaugurar outra pista multideporte en Abesadas, á que se lle dou o nome da primeira parella de irmáns que de xeito profesional chegou a competir na élite do fútbol: os irmáns Parada Alvite, Suco I e Suco II.

Panel e mural

Despois da rolda de intervencións, os irmáns González descubriron o panel conmemorativo no que se resume a traxectoria profesional de cada un deles e, acto seguido, tiveron ocasión de contemplar un mural que sobre as súas figuras estiveron a elaborar alumnos da escola ao longo desta semana para festexar a ocasión.

Para finalizar, alumnos do CEIP de Frións farían uso das novas instalacións deportivas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical