8.2.13

Arte: Manuel Moreno (Sevilla), Hugo Besard (Bélxica) e Tomasz Winiarski (Polonia) gañan o IV premio "Atlante" de gravado

  •  Premio "Ramiro Carregal" para Deborah Chapman (Canadá)
  • Mellor artista do Barbanza, a noiesa Ana Cambeiro
  • A entrega de premios será a mediados de xullo, cadrando cun curso de verán da USC e a mostra de 70 dos máis de 200 gravados participantes

Artes, Ribeira, 8 de febreiro de 2013.- Os Premios Atlante que cada ano outoga a Fundación rexedora do Museo do Gravado de Artes foron fallados esta mañá. Nesta cuarta edición, resultaron distinguidos Manuel Moreno Morales (de Sevilla), Hugo Besard (de Bélxica) e Tomasz Winiarski (de Polonia). Manuel Moreno Morales xa ganara o II premio Atlante, como poden comprobar na súa biografía.

Cada un dos tres gravados galardoados (titulados Chevaux Volans IX no caso do sevillano e Sagrado buitre ibérico no do belga, mentras que o polaco non presentou nome ningún) está recompensado con 2.500 euros: mesma dotación económica que se concede ao Premio Ramiro Carregal Rey, que nesta ocasión recaeu en Deborah Chapman, de Canadá. O título da súa obra, El alma renovada.

En canto ao Premio Barbanza/Ría de Arousa co que se pretende poñer en valor aos artistas locais, a vencedora foi a noiesa Ana Cambeiro Cambeiro con Modelo y patrón.

Finalistas

Ademais, de entre as 219 obras presentadas de 23 países, resultaron finalistas en virtude da súa gran calidade os gravados elaborados pola lucense Isabel Somoza (sen título), o madriñelo Juan Lara Hierro  (C_M – Serie Miradas) e o leonés Germán Aparicio (sen título). Ademais, foi finalista do Premio Premio Barbanza/Ría de Arousa a noiesa Rosana Calvo Agraso (El barco).

Nesta cuarta edición, o xurado estivo formado por José Manuel López Vázquez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Juan Monterroso Montero, decano da Facultade de Historia e profesor da USC; Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia; Carmen Hermo, profesora e pintora; Isabel Pintado, gravadora e pintora; e Alfonso Costa, pintor e gravador.

Tamén compareceron na presentación do fallo a directora do museo, Rocío Hermo; e o presidente da Fundación, o alcalde de Ribeira Manuel Ruiz Rivas. quen manifestou que esta cuarta edición, con 23 países representados, entre os cales hai algún novo con respecto a convocatorias anteriores (Canadá e Israel), significa a consolidación dos premios e contribuén a seguir dando a coñecer o museo e o arte do gravado.

Curso de verán

Ademais, Manuel Ruiz informou de que a entrega de premios está prevista para mediados de xullo, coincidindo coa celebración dun curso de verán da USC sobre a pegada do gravado. Simultáneamente exhibirase unha exposición cunha selección dunhas setenta obras de entre as 219 presentadas.

No nome do xurado falou Alfonso Costa, quen fixo fincapé na variedade e calidade técnica das obras distinguidas (collage, polímero, auga tinta, auga forte, da maneira negra...).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical