12.4.13

Cultura: Fran Godón falou da actual situación do teatro nos Xoves Literarios de Ribeira

A Biblioteca Municipal de Riveira deu cabida na noite de onte á segunda das conferencias organizadas dentro do programa dos Xoves Literarios: unha iniciativa promovida polo Concello a través do seu Departamento de Educación que na xornada de onte xirou en torno á historia e situación actual da arte dramática en Galicia. Así, o xoven pobrense Fran Godón Davila impartiu unha ponencia titulada “O teatro galego: circunstancias e antecedentes”.

 

Foi esta unha charla enormemente participativa, na que o relator animou en todo o momento aos asistentes a que lle interrompesen coas súas opinións e réplicas a canto estaba dicindo. Foi tal a resposta do público que a actividade prolongouse máis aló da hora inicialmente programada ata cerca dos noventa minutos

 

Durante a súa intervención, Godón remontouse á lírica trobadoresca como un dos influxos máis importantes no nacemento do teatro galego e manifestou que hai que esperar ata 1978 para que xurdise un teatro de carácter profesional, da man de autores como Manuel Lourenzo, Francisco Pillado o Roberto Vidal Bolaño, o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.

Sobre o situación actual, Godón expresou as dificultades que ao seu parecer existen hoxe en día á hora de que haxa unha distribución efectiva de obras dramáticas nas salas de Galicia.

O autor fora presentado ao inicio da charla pola concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya; e o arquiveiro e bibliotecario municipal, José Antonio Otero.

O vindeiro xoves, 18 de abril, ás 20 horas, será Xoán Pastor Rodríguez o que fale de Cervantes e o Quixote en Galicia. 

 

Datos biográficos de Fran Godón Davila. Naceu en A Pobra do Caramiñal. É o director de UT·Tópico Teatro, compañía teatral propia da Asociación Cultural Turbina, da Pobra do Caramiñal. Licenciado en Filoloxía na Universidade de Santiago e posgraduado Especialista en Arte Dramática  na mesma universidade. Traballou teatro universitario en varias compañías, e na propia Aula de Teatro da USC, desenvolvendo a súa maior labor no grupo Teatro no Aramio de Santiago, do que é responsable máximo dende hai catro anos. No 2011 crea a súa propia compañía e a súa primeira montaxe: Baile de sombras; a obra estreouse en novembro do 2011 en Berlín, ao ser seleccionada a obra para participar no certame 3 Noches Españolas, unha iniciativa da compañía madrileña Theatreuropa que conta co apoio do Ministerio de Cultura, e galardoada co premio Xuventude Crea 2012, organizado pola Xunta de Galicia e que procura a mellor obra, feita por xente nova, do ano. Neste ano 2013 estrea Faust-Box coa súa compañía, obra da súa autoría na que ademais é intérprete. Mentres traballa na creación de novos produtos desenvolve na Pobra o obradoiro P-12, lugar de formación teatral para adolescentes e en Riveira colabora tamén con persoas afeccionadas ao teatro no seu interese de convertérense en actores e actrices.

 


Xoves literarios: catro literatos da bisbarra dan conferencias en abril

Intervención de Riveiro Coello, o primeiro Xoves Literario

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical