22.6.10

Música: se xa non te lembras de cando Juliette estivo en Noia, este xoves volve a Santiago


Cornelius co tema que os mandou á fama:

Morcheeba, co seu tema "Blood like lemonade"

Juliette Lewis coa súa banda The Licks volta a Galicia. O primeiro lugar que visitou nesta terra foi Noia (o vídeo é do 19 de xullo de 2008, cando estivo no festival "Mar de Fondo"). Agora tocará en Santiago, xunto con Morcheeba, e aproveita para presentar novo disco. Ademais, estará Cornelius 1960, o grupo revelación que toca pop en inglés e que proceden da outra banda da ría de Arousa (Vilagarcía).

O concerto, baixo a denominación "Help Concert", está programado polo Xacobeo, e ten como obxectivo concienciar sobre o cambio climático (??) e a recadación irá destinada a Manos Unidas e Juntos Podemos.

Morcheeba presentará en exclusiva e por primeira vez en España o seu novo traballo Blood like lemonade, coa esperada volta da súa mítica vocalista Skye Edwards e a súa reunión cos irmáns Paul e Godfrey Ross. Este novo traballo non só supón o retorno da voz soul da cantante, senón que recolle a esencia de clásicos como Who can you trust? ou Big Calm e transporta ao oínte a novos e exóticos lugares. Trátase igualmente, do seu traballo máis introspectivo, con temas que reflicten a situación persoal da banda, ademais doutros con carácter máis aberto, como as situacións e personaxes descritas por Paul Godfrey nalgunha das cancións. Caracterizada pola súa mestura de trip hop, blues e pop e nada a mediados dos anos 90, Morcheeba converteuse nunha referencia musical que retorna cun novo traballo desde o seu último álbum con Skye Edwards como vocalista en 2003.

No Help Concert tamén estará a actriz e cantante Juliette Lewis, que conta ás súas costas cunha longa carreira cinematográfica, na que atesoura títulos coma O cabo do medo, Kalifornia, Asasinos natos ou Aberto ata o amencer, aínda que tamén desenvolve o seu talento e creatividade no eido musical. Precisamente, este concerto solidario será o primeiro escenario de Europa ao que se suba Juliette Lewis este ano para presentar o seu novo disco Terra Incognita. O título do álbum fai referencia a un territorio descoñecido, lugar a onde leva o seu novo traballo, caracterizado polas guitarras e os contrastes de sons.

Posted via web from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro ten 394 habitantes

A aldea italiana chamada Casaleggio Boiro (imaxe da Fototeca Nazionale de Italia) conta con 394 habitantes, segundo contan na Wikipedia (http://es.wikipedia.org/wiki/Casaleggio_Boiro). Citada xa en 1164 en documentos medievais, esta aldeíña foi feudo en 1435 da familia Sforza, en concreto de Francesco Sforza, o famoso condottiero e duque de Milán.

Posted via web from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: novena da Guadalupe de 1778 que se pode ver na Rede

Impresa en Santiago por Sebastián Montero y Frayz. O anónimo que a mandou imprimir era un cura de Rianjo (patria del religioso artífice). Rianjo segue a ser o nome polo que Rianxo é coñecido, por exemplo, en Google Maps. Tamén moita xente que veranea en "Sangenjo" coñece "Rianjo".
Atopamos este documento vía Europeana (http://europeana.eu), unha iniciativa que aínda está moi faltiña de marabillas literarias e artísticas galegas.

Posted via web from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lingua galega: fallados os premios "Lingua de amor", cun terceiro para Outes

3.º Premio: Querer con pronome, Jessica Amado Dosil (Outes)


“Cheísta de corazón, nunca sei se "che quero" ou "te quero".
Eu, para asegurarme,
quéroche e quérote.
En tódalas variedades dialectais posibles, meu sol.”

O resto dos premiados, cos seus textos, en http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=17135

Posted via web from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cinema: as prazas de Compostela, animadas en 3D

<p>Prazas de Compostela en 3D from Ardentía on Vimeo.</p>
Feito por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

21.6.10

A Pobra do Caramiñal: se alguén esperaba ao Hidria, que se vaia sentando

"A Consellería de Cultura e Portos de Galicia prescindiron da presencia do Hidria no programa de Portos Xacobeos, de forma unilateral, sen explicacións, e unha semana antes de empezar", contan en Culturamaritima.org, xunto coa nota de prensa dos armadores deste vapor, auténtica xoia que aínda suca os nosos mares. Un dos portos onde ía recalar para este programa de Portos Xacobeos, que comezou con moi mal pé ao deixar fóra Noia (menos mal que rectificaron hai uns días), era o de A Pobra do Caramiñal. Semella que non vai poder ser, nun acto de improvisación máis ao que nos ten acostumados a consellería de Roberto Varela.
Toda a nova en http://www.culturamaritima.org/node/16170

Posted via web from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: isto non é África

Pero a canción di que si...
E xusto estes días, cinema africano na Centenaria. Casualidades? Non cremos. O Mundial ten moito que ver! (e máis terá se non volta a selección para a casa xa)

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Política: Xuventudes Socialistas denuncia que a Xunta quere prohibir a entrada de menores nos ciberlocutorios

María Torres denuncia que “Feijóo, no seu afán de prohibir ós menores, tamén inclúe ós ciber entre aqueles establecementos nos que terán prohibida a súa entrada, coa correspondente multa se incumpren a prohibición”.

 

Santiago de Compostela, 20 de Xuño de 2010.- A secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG), María Torres, lamentou hoxe que a Xunta de Galicia non teña reparos no seu afán prohibicionista, e que teña incluído ós ciberlocutorios entre os establecementos nos que os menores terán prohibida a súa entrada se o anteproxecto de lei de prevención de alcohol entre menores sae adiante na súa tramitación parlamentaria.

María Torres denuncia que “Feijóo ten un único fin coa mocidade galega que é eliminala pouco a pouco de determinados espazos públicos, empregando ademais un criterio hipócrita e cínico.” E afondou dicindo: “Parece cando menos insultante que se lles vaia a prohibir a súa entrada nos ciber nos que non se dispensa en moitos casos bebidas alcohólicas, e non se faga o mesmo con cafeterías ou restaurantes nos que se dispensa alcohol dende as 8 da mañá, aplicando a lóxica prohibicionista que parece querer seguir a Xunta de Galicia neste terreo”

María Torres cree que “Non ten sentido eliminar a presenza física dos menores de determinados espazos como medida de protección cando se deixa a porta aberta a que un/ha profesor/a nun centro docente poida estar bebendo alcohol en presenza dos seus alumnos/as”.


Non é o mesmo "alcohólico sospeitoso" que "sospeitoso alcohólico"

Este anteproxecto ten un obxectivo claro, sempre segundo Xuventudes Socialistas, "o cal é establecer medidas de control da Administración en espazos de dominio público”, o cal permitirá entre outras cousas que calquera funcionario en labores de inspección, poida realizar pola rúa controis de alcoholemia a menores, que para a Xunta parece que se convirten por regra xeral en alcohólicos sospeitosos” “Esta actitude dá boa mostra da falla de interese por previr e educar por parte da Xunta de Galicia, que máis ben parece interesada en aplicar en clave “xuvenil” unha nova lei de “vagos e maleantes”, recriminou Torres Pose.

“Estamos ante unha lei que non vai actuar na vía preventiva, unha lei que evita ter en conta a situación mozos e mozas con problemáticas específicas familiares e persoais, unha lei que ante consumos abusivos de alcohol non pon enriba da mesa nin unha soa medida educativa para modificar as circunstancias que levaron a que se produza esa situación”, matizou Torres Pose.

A máxima responsable da organización xuvenil socialista apostou por crear espazos de diálogo e entendemento entre a mocidade e as administracións.”É preciso garantir o acceso a servizos asistenciais eficaces, que conten con persoal axeitadamente formado tanto para a atención dos mozos e mozas que consumen alcohol de xeito abusivo como para as súas familias; é preciso potenciar a educación como ferramenta “imprescindible” para os hábitos de vida saudables; é preciso potenciar a autonomía da nosa mocidade para que poidan tomar decisións responsables e informadas, fomentando a adquisición de habilidades sociais e persoais que poidan influír sobre os factores que determinan a súa saúde”, concluíu María Torres.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: agardan que as obras de reforma dos xardíns Valle-Inclán rematen antes do 20 de agosto



A Pobra, 21 de xuño de 2010. Mañá martes comezarán as obras do proxecto “Acondicionamento dos Xardíns de Valle-Inclán” solicitado polo Concello da Pobra do Caramiñal ao abeiro da convocatoria do Plan de Cooperación cos Concellos (PPC 2008-2011). Ten un orzamento de 129.650 € a financiar con cargo aos orzamentos da Deputación Provincial e do propio concello. A empresa adxudicataria das devanditas obras é OYS Noroeste S.A.
Segundo explica o equipo de goberno de A Pobra, "os xardíns de Valle-Inclán son un dos centros neurálxicos do noso concello, lugar de reunión de persoas de todas as idades". O obxecto do proxecto divídese en tres accións.
     1.- Pavimentación dos eixes centrais con embaldosado de granito de 5 cm que conecta coas zonas pavimentadas xa existentes e que estará flanqueado por dous canais de auga de 40 cm que servirán para canalizar a auga de choiva. Na zona da fonte colocarase un adoquinado de 15 cm de espesor para marcar o seu caracter de centro dentro do conxunto do xardín.
     2.- Adecuación do saneamento de pluviais mediante unha rede de colectores soterrados ata os cales se conducirá a auga de choiva dende os canais citados anteriormente.
     3.- Preinstalación de electricidade para iluminación, deixando preparadas as caixas de rexistro necesarias para os puntos de luz que se coloquen no futuro.
     Con estas obras, ademais de eliminar as pozas e o barro que a choiva produce nos eixes centrais, coas molestias que isto supón para os viandantes, adecúanse todas as instalacións e infraestruturas do xardín e fréase o afundimento do terreo por mor da erosión que produce a auga.
     4.- Reparación e substitución das canalizacións existentes do rego automático para posibilitar o seu correcto funcionamento.

     Desde o concello quérese, por todos os medios, que as obras estean rematadas antes do 20 de agosto, data de comezo das festas do Carme dos Pincheiros, polo que se chegou a un acordo coa empresa adxudicataria para que, no posible, se dobren as quendas de traballo. "Agradecemos polo tanto a OYS Noroeste este esforzo e pregámoslle aos veciños a súa colaboración e a súa paciencia durante o tempo que duren estas obras", conclúen no equipo de goberno do PP pobrense.

Ribeira: entregadas por fin 18 das vivendas de Xarás, en réxime de alugueiro

A meirande parte dos adxudicatarios pagará entre 123 e 141 euros de aluguer mensual por unhas vivendas nas que o IGVS investiu preto de 1,6 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, botoulle a culpa ao anterior Goberno Bipartito da parálise na construción das vivendas e do proceso de adxudicación

Ribeira, 21 de xuño de 2010.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, presidiron esta mañá, no concello de Ribeira, o acto de entrega aos seus adxudicatarios das 18 vivendas de promoción pública construídas por este organismo en Xarás.

Todas as vivendas entregadas son en réxime de alugueiro. Proximamente entregaranse outras tres vivendas en réxime de compravenda, que están pendentes de aprobación do préstamo hipotecario pola entidade financeira. A meirande parte dos adxudicatarios (16) pagarán cantidades mensuais que oscilan entre os 122 e os 140 euros. Nos outros dous casos as rendas a pagar son de 93 e 234 euros mensuais. As diferenzas responden ás distintas superficies das vivendas e á subvención recibida sobre o prezo real do alugueiro, que pode ser do 60 ou do 40 por cento, segundo os ingresos familiares ponderados.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, destacou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu 1.591.189 euros na construción das 21 vivendas, “que xa foran iniciadas polo Goberno anterior ao bipartito, en marzo de 2005 e que, lamentablemente, estiveron paralizadas nos anos de Goberno bipartito na Xunta”, recordou.

Construción das vivendas e elaboración das listas de adxudicatarios

Calvo lembrou que “a antiga Consellería de Vivenda e Solo tardou dous anos en rescindir o contrato coa empresa adxudicataria que estaba a incumprir os prazos previstos no programa de traballo, mantendo un ritmo de execución moi lento”. Finalmente o fixo en maio de 2007, “pero despois diso as obras aínda estiveron paradas case outro ano máis. Non foi ata abril de 2008 cando contrataron unha nova empresa para a execución das obras”, explicou Calvo.

Polo que respecta á elaboración das listas de adxudicatarios tamén houbo retrasos. Foi necesario realizar dúas convocatorias, xa que na primeira quedaron vivendas vacantes. Calvo asegurou que a lista definitiva quedou aprobada en xaneiro de 2010 “seis meses despois da constitución da Comisión Provincial de Vivenda do actual Goberno na Xunta, pola contra, a antiga Consellería de Vivenda necesitou dous anos para aprobar a mesma lista na primeira convocatoria”.

En maio de 2005 iniciouse a primeira das convocatorias. A lista provisional foi aprobada polo Concello en decembro dese mesmo ano. O expediente foi remitido ao IGVS o 20 de febreiro de 2006. Exactamente dous anos máis tarde. Despois dunha “longa revisión” dos expedientes, o anterior departamento autonómico de Vivenda aprobou a primeira lista definitiva en febreiro de 2008.

Dado que na primeira convocatoria só se adxudicaron 15 das 21 vivendas construídas, en febreiro de 2008 iníciase unha nova convocatoria para a adxudicación das seis vivendas vacantes. O Concello aprobou a lista provisional en outubro dese ano, pero os anteriores responsables da Consellería de Vivenda nin sequera realizaron a revisión dos expedientes. Dita revisión realizouse despois do cambio de goberno en 2009. En xullo dese ano constituíuse a Comisión Provincial de Vivenda e, seis meses despois, en xaneiro de 2010, quedou aprobada a lista.

Insólitas subvencións
De maneira insólita, a antiga Consellería de Vivenda e Solo gastou un total de 62.000 euros en subvencións imprevistas aos primeiros integrantes da lista provisional de adxudicatarios das vivendas de Xarás. “É o único caso de que se ten constancia na historia da vivenda de promoción pública no que se outorgaron subvencións polo mero feito de estar a formar parte dunha lista de adxudicatarios de vivendas de promoción pública, que ademais era provisional”, explicou Calvo.

Os adxudicatarios que ocupaban os 16 primeiros postos da lista provisional de adxudicatarios recibiron un pago de 2.000 euros en marzo de 2008. Un ano máis tarde, o 20 de febreiro de 2009, só uns días antes das eleccións autonómicas, recibiron un segundo pago por importe doutros 2.000 euros por familia. Neste caso foron 15 as familias que recibiron a axuda, xa que un dos integrantes da lista provisional xa renunciara á vivenda.

Descrición das vivendas
As 21 vivendas construídas en Ribeira distribúense en sete casas con portais independentes, dispoñendo cada una delas de planta baixa, planta alta e baixo cuberta. Na planta baixa sitúanse unha vivenda e os garaxes, rochos e locais de instalacións. Nas plantas alta e baixo cuberta emprázanse as vivendas de catro dormitorios, tipo dúplex, das que existen dúas en cada edificio.

En total son 14 as vivendas tipo dúplex, dotadas de catro dormitorios cada unha e cunha superficie útil de 90 metros cadrados. Outras seis vivendas dispoñen de tres dormitorios e unha superficie útil de 78,45 metros cadrados. Finalmente, unha vivenda de dous dormitorios está adaptada para o seu uso por persoas con mobilidade reducida e dispón de 78,70 metros cadrados. Todas as vivendas contan con salón, cociña, baños, unha praza de garaxe e rocho.

Os edificios teñen fachada con recebo monocapa sobre cerramento con dobre tabique de ladrillo e cámara illada, e carpintería exterior de aluminio lacado en cor. A carpintería interior é de madeira e os pavimentos son de linoleum monocapa homoxéneo no corredor, salón comedor e dormitorios e baldosa de gres en cociña, rochos e zonas húmidas.

Relacionada:

Xarás, o conto de nunca entregarás

E máis novas sobre o asunto, aquí

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical