21.6.10

Política: Xuventudes Socialistas denuncia que a Xunta quere prohibir a entrada de menores nos ciberlocutorios

María Torres denuncia que “Feijóo, no seu afán de prohibir ós menores, tamén inclúe ós ciber entre aqueles establecementos nos que terán prohibida a súa entrada, coa correspondente multa se incumpren a prohibición”.

 

Santiago de Compostela, 20 de Xuño de 2010.- A secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG), María Torres, lamentou hoxe que a Xunta de Galicia non teña reparos no seu afán prohibicionista, e que teña incluído ós ciberlocutorios entre os establecementos nos que os menores terán prohibida a súa entrada se o anteproxecto de lei de prevención de alcohol entre menores sae adiante na súa tramitación parlamentaria.

María Torres denuncia que “Feijóo ten un único fin coa mocidade galega que é eliminala pouco a pouco de determinados espazos públicos, empregando ademais un criterio hipócrita e cínico.” E afondou dicindo: “Parece cando menos insultante que se lles vaia a prohibir a súa entrada nos ciber nos que non se dispensa en moitos casos bebidas alcohólicas, e non se faga o mesmo con cafeterías ou restaurantes nos que se dispensa alcohol dende as 8 da mañá, aplicando a lóxica prohibicionista que parece querer seguir a Xunta de Galicia neste terreo”

María Torres cree que “Non ten sentido eliminar a presenza física dos menores de determinados espazos como medida de protección cando se deixa a porta aberta a que un/ha profesor/a nun centro docente poida estar bebendo alcohol en presenza dos seus alumnos/as”.


Non é o mesmo "alcohólico sospeitoso" que "sospeitoso alcohólico"

Este anteproxecto ten un obxectivo claro, sempre segundo Xuventudes Socialistas, "o cal é establecer medidas de control da Administración en espazos de dominio público”, o cal permitirá entre outras cousas que calquera funcionario en labores de inspección, poida realizar pola rúa controis de alcoholemia a menores, que para a Xunta parece que se convirten por regra xeral en alcohólicos sospeitosos” “Esta actitude dá boa mostra da falla de interese por previr e educar por parte da Xunta de Galicia, que máis ben parece interesada en aplicar en clave “xuvenil” unha nova lei de “vagos e maleantes”, recriminou Torres Pose.

“Estamos ante unha lei que non vai actuar na vía preventiva, unha lei que evita ter en conta a situación mozos e mozas con problemáticas específicas familiares e persoais, unha lei que ante consumos abusivos de alcohol non pon enriba da mesa nin unha soa medida educativa para modificar as circunstancias que levaron a que se produza esa situación”, matizou Torres Pose.

A máxima responsable da organización xuvenil socialista apostou por crear espazos de diálogo e entendemento entre a mocidade e as administracións.”É preciso garantir o acceso a servizos asistenciais eficaces, que conten con persoal axeitadamente formado tanto para a atención dos mozos e mozas que consumen alcohol de xeito abusivo como para as súas familias; é preciso potenciar a educación como ferramenta “imprescindible” para os hábitos de vida saudables; é preciso potenciar a autonomía da nosa mocidade para que poidan tomar decisións responsables e informadas, fomentando a adquisición de habilidades sociais e persoais que poidan influír sobre os factores que determinan a súa saúde”, concluíu María Torres.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical