18.7.10

Boiro: o Bng local organiza un roteiro o 23 de xullo co gallo do Día da Patria na Barbanza

Boiro, 18 de xullo de 2010. O Bng de Boiro é o anfitrión este ano do Día da Patria na Barbanza. Como acto principal organiza un roteiro por diversos lugares da localidade nos que viviron persoeiros da cultura galega ou aos que lles están adicados rúas.

O programa é o seguinte:


Busto de María Mariño en Noia

19.30 Saída dende o Pazo de Goiáns, onde viviu María Mariño
20.00 Volta polo casco urbano
20.30 Intervención de Manuel López Foxo na rúa do poeta da Terra Chá Manuel María


Imaxe da exposición "A nosa Historia" na casa da cultura de Boiro

21.00 Paseo pola rúa Ramón Fernández Mato
21.15 Chegada à Casa da Cultura "Ramón Martínez López", onde haberá foliada e mexilloada

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

17.7.10

Sanidade: denuncian que o Hospital da Barbanza ten o cuarto posto no ránking de peores indicadores de toda Galicia

o Hospital do Barbanza está 11 puntos por riba da media galega: os pacientes teñen que esperar 72 días fronte aos 61 da media nesta comunidade. Cardioloxía aumentou un 135% a espera.


A Pobra do Caramiñal, 17 de xullo de 2010. A secretaria de Sanidade da agrupación provincial do PSdeG-PSOE, Natividad González Laso, á vista dos datos do segundo trimestre do ano 2010, denunciou hoxe que o hospital do Barbanza “ocupa o cuarto posto no inaceptable ránking de peores indicadores dos hospitais galegos”. 

González Laso afirmou que, co goberno do Partido Popular, a espera media de Galicia,  para unha intervención cirúrxica, empeorou en 4 puntos pasando de 67 a 71 días. Tamén medrou, en 2.000, o número de pacientes en espera cirúrxica, incrementándose  en 8 dos 14 hospitais públicos, e dicir en máis da metade, e xa chegan a 36.180 persoas pendentes dunha intervención. 

Respecto das consultas, empeoraron 27 dos 34 servizos, é dicir o 80% e incrementouse en 10.183 o número de pacientes que agardan unha consulta, respecto a xuño de 2009, e  chegan xa a 203.753 pacientes.  

Por outra parte, un terzo dos hospitais públicos empeoraron os seus resultados (4 dos 14 hospitais) e nesta lista, é o Hospital da Barbanza o que ocupa o 4º posto "no triste ránking de indicadores", di a responsable de Sanidade da executiva provincial dos socialistas, que aclara que o número de pacientes que esperan por unha intervención cirúrxica no Hospital do Barbanza, "incrementouse un 6% respecto a xuño do ano 2009".


Destacan tamén os datos do servizo de Oftalmoloxía, que incrementou a espera nun 56% respecto do ano 2009, ou a cirurxía dixestiva, cun incremento da espera do 16%. 

Os socialistas criticaron a inequidade no acceso aos servizos para as persoas que teñan este Hospital de referencia, xa que a espera con respecto a 2009 medrou en 5 dos 7 servizos ofertados, e mesmo se ten duplicado o tramo de agarda entre 3 e 6 meses. Respecto das consultas: máis xente espera máis tempo. Así, o Hospital do Barbanza está 11 puntos por riba da media galega: os pacientes teñen que esperar 72 días fronte aos 61 da media galega.

"Empeoraron sete servizos: nomeadamente nefroloxía que incrementou a espera nun 170%, cardioloxía, 135%,  traumatoloxía nun 120%, otorrinolaringoloxía nun 92% cirurxía dixestiva nun 80% e sorprende a maquillaxe de xinecoloxía respecto ao de fai 3 meses", aclara Natividad González.

Todos estes datos apuntan, segundo os socialistas coruñeses, “a un vertixinoso deterioro da calidade asistencial na sanidade pública galega, nun só ano, debido ao abandono e incapacidade do goberno da Xunta”, que está a propiciar “un panorama desalentador e inaceptable” 

“Hoxe en Galicia hai máis xente (2.000 pacientes máis) esperando durante máis tempo para ser intervida cirúrxicamente, ou para dispor de diagnóstico e tratamento para a súa enfermidade (20.000 pacientes máis)”, afirmou González Laso, quen considera que, en materia sanitaria, o balance do primeiro ano de goberno de Núñez Feijoo “é nefasto, pois está a producir  un profundo deterioro do sistema público de saúde”.

Moción local

Pola súa banda, o grupo municipal socialista de A Pobra do Caramiñal presentou unha moción para ser debatida no vindeiro pleno. Esta moción refírese ao servizo de Xinecoloxía, que na súa opinión está a proporcionarse sen os medios necesarios, xa que só hai unha matrona que non pode cumprir as funcións dun médico xinecólogo ou dun obstetra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Faranji: no capítulo XXI, a evolución relixiosa e cultural en Etiopía, por Xurxo Ayán

(...) "Seca as mans cheas de suor contra a camiseta, adornada cunha efixie do Che Guevara. Miles de cubanos morreron pola Revolución en terra africana. Só a partir de 1989 comezou a poboación da illa a coñecer os listados dunha sangría nefasta. Os camposantos están cheos de heroes".
"Dende que cheguei a Etiopía, un se vai acostumando á vida da rúa, ao colorido da xente, á presenza da muller en tódolos eidos da vida cotiá, á variedade de estilos e maneiras de vestir, á fermosura das rapazas, independentemente da raza, da cor da pel ou da cultura á que pertenzan. A ocultación da muller foi algo novedoso para min. O profesor, Cerdedo e Laclau xa estiveran por terras de Exipto e de Sudán e non lles collía de novas"
O capítulo completo en http://certo.es/index.php?page=sheikh_khoyele_al-hassan

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: Ramiro Villoch presenta "Tempos de vela" o luns 19 de xullo


Ramiro Villoch, á dereita, é médico xubilado e forma parte de O Faiado 2

A Pobra do Caramiñal, 17 de xullo de 2010. O socio de O Faiado 2 José Ramiro Villoch vai presentar o seu libro "Tempos de vela" o vindeiro luns 19 de xullo na casa de cultura "Raquel Soler" de A Pobra. O libro foi editado pola Deputación de A Coruña.


O autor é descendente de industriais cataláns que se asentaron na bisbarra de Barbanza dende mediados do século XVIII para explotar os produtos das nosas costas (fábricas de salgadura que logo derivarían en conserveiras a comezos do século XX). No libro "Tempos de vela" José Ramiro Villoch escribe sobre a vida mariñeira nas vilas nas que se asentaron os empresarios cataláns, antes e despois de que eles chegaran.

Un traballo do historiador ribeirense Daniel Bravo Cores accesible en Internet resume un pouco esa parte da historia industrial da nosa bisbarra, e nomea aos antepasados de Ramiro Villoch:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

16.7.10

A Pobra do Caramiñal: este domingo 18 de xullo, xornada lúdica en Cabío para promocionar a reciclaxe nas praias


A praia de Cabío é das máis concorridas deste concello

A Pobra do Caramiñal, 16 de xullo de 2010.- O próximo domingo, 18 de xullo, celebrarase na praia de Cabío unha xornada lúdica organizada pola Xunta de Galicia este verán, para fomentar a reciclaxe nos areais e praias fluviais da Comunidade galega. Estas xornadas lúdico-informativas teñen por obxectivo sensibilizar aos usuarios acerca da importancia de separar ben os residuos urbanos para a súa reciclaxe, promovendo o seu compromiso a través de actividades deportivas, lúdicas e informativas orientadas en funcións das idades dos visitantes.

Esta acción divulgativa forma parte das actividades enmarcadas dentro do Plan de Recollida Selectiva de residuos nas praias galegas, promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, coa colaboración de Sogama e Ecoembe. O principal obxectivo deste proxecto é concienciar á cidadanía e promover a súa colaboración na separación de residuos, xa non só nos seus fogares, tamén nas praias que frecuentan durante os meses estivais. Cómpre estender este hábito a novos escenarios como as praias fluviais, onde tamén se xeran cantidades importantes de residuos urbanos. Trátase de que os residuos xerados nas praias e constituídos maioritariamente por envases se recollan selectivamente para que teñan a xestión final máis axeitada.


Os que participen recibirán gorras, frisbies e outros materiais promocionais

Estas actividades nas praias desenvolveranse en horario de mañá (12 a 14 horas) e de tarde (16:30 a 18:30 horas) e contará cun equipo de tres monitores que se encargarán de informar do proxecto e dinamizar os xogos e actividades que se desenvolvan no areal, así como a entrega de material promocional (xogos de bolos, petanca, frisbies o gorras).

Neste senso, as campañas informativas que se desenvolverán nas praias ao longo de todo o día: pola mañá faranse xogos deportivos e entregarase material promocional, e pola tarde faranse xogos infantís relacionados co reciclaxe.

Novidades no 2010

Unha das novidades introducidas nas actividades deste ano é que estas campañas de concienciación tamén chegarán a diferentes campamentos xuvenís de verán. Trátase de actividades de carácter educativo, guiadas por monitores, que consistirán en xogos que motiven a participación dos mozos e faciliten a comprensión sobre a importancia do reciclaxe.

Por último, realizaranse flash-mob, que consisten en actuacións sorpresa que terán lugar na praia e serán executadas por actores que realizarán un baile coordinado. Un dos retos deste proxecto é concienciar á cidadanía e promover a súa colaboración na separación de residuos, máis aló dos seus fogares. Esta campaña de concienciación medio ambiental comeza mañá en Cabanas e estenderase a un total de 39 praias da provincia da Coruña ao longo deste verán. Na provincia da Coruña, participan un total de 21 concellos, que se detallan no mapa.

Plan de Recollida Selectiva
O departamento que dirixe Agustín Hernández sinala que mediante as medidas plantexadas no proxecto mellórase o servizo de recollida e dótase aos areais dos medios precisos para facilitar aos usuarios a súa implicación activa. O plan de recollida permite evitar que unha porción importante de envases lixeiros se desvíe a un destino non desexable para estes, impulsando a reciclaxe e incrementando os ratios de recollida selectiva.

O proxecto conta coa implantación dunha novidade para este verán: a recollida selectiva de papel-cartón e vidro nalgunhas praias seleccionadas, a modo de experiencia piloto. En canto ao papel- cartón, 20 praias seleccionadas coa instalación dun contedor específico serigrafiado acorde á imaxe da campaña para a recollida destes materiais nos accesos aos areais. No que se refire a vidro, instalaranse contedores nos chiringuitos dunha serie de praias seleccionadas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentadas xa as Festas do Verán. Ofrecémoslles todo o programa

Porto do Son: o Psoe pide no Parlamento o expediente de adxudicación da obra da fachada marítima

Lage Tuñas pide explicacións ao presidente de Portos, Álvarez-Campana, para que unha obra adxudicada hai un ano (a remodelación do borde interior na fachada marítima) non comezara aínda a executarse.

Porto do Son, 16 de xullo de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE, José Manuel Lage Tuñas vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha solicitude de copia do expediente da obra de remodelación do borde interior da fachada marítima de Porto do Son, adxudicada por Portos de Galicia fai agora un ano.

Lage Tuñas considera “necesario e imprescindible” unha explicación por parte do goberno galego, “porque están ríndose dos veciños de Porto do Son, cunha actitude prepotente e con nula transparencia”. “Álvarez Campana ten que explicar cal é o motivo polo que non comezan as obras cando están adxudicadas dende fai máis dun ano”, incide o deputado noiés do PSdeG.

O parlamentario socialista vén de solicitar no día de hoxe no Parlamento unha copia íntegra do expediente da adxudicación por parte de Portos de Galicia “porque aquí hai gato encerrado, ou senón o que hai é moi mala fe por parte do Presidente de Portos”.


”No comezo do período de sesións levaremos ao Parlamento ao Presidente de Portos de Galicia para que explique que é o que pasa cunha obra que está adxudicada dende fai un ano e aínda non deu comezo; creo que o goberno ten que dar unha explicación e tomar medidas urxentes para dar comezo inmediato ás obras de remodelación do borde interior de Porto do Son, senón o fai así terá que explicar que pasa coa adxudicación da obra”, finaliza Lage Tuñas.

Relacionada:

O PP e os favores urbanísticos a Quintáns no POL

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o Carme do Castelo, este sábado 17 e domingo 18 de xullo

A Pobra, 16 de xullo de 2010. As festas do Carme do Castelo comezan este sábado 17 con música a cargo da banda de música de Meaño dende as dez e media da mañá, á que acompañarán unha banda de gaitas de Poio e A Gandaina, de Barbanza. Ás doce do mediodía estará aberto Castelolandia, na praza Maior, para os máis pequenos.


Orquestra Acirema

En diferentes prazas da vila haberá concertos das bandas sobre a unha da tarde. Ás cinco volta abrir Castelolandia, para os nenos, que tamén poderán participar na Festa da Espuma dúas horas máis tarde, ás sete. Xa pola noitiña, ás dez, amenizará as rúas a charanga Tíralle do Aire. A típica verbena conta coas actuacións das orquestras Ciudad de Vigo e Acirema.


Orquestra MarAzul

O domingo haberá pasarrúas de novo dende as dez e media, desta volta coa banda de gaitas Buxaina, repiten os de A Gandaina e tamén estará a banda de música de Vilatuxe poñendo a nota musical de animación. Castelolandia abre para os nenos ás doce do mediodía. Á unha da tarde, novas pezas en diferentes zonas da vila interpretadas por bandas de música. A misa festiva será ás sete da tarde, coa tradicional procesión de seguido. Pola noite, a verbena terá outras dúas orquestras: Atracción e Mar Azul.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o caderno de bitácora dorneiro, ao completo

Se ves que che tarda moito en cargar, o máis sensato é que o descargues directamente desta ligazón

Está en pdf e son case 6 mejas, amijach@s!

Ah, ollo, se non tedes sentido do humor nin se vos ocorra poñervos a ler esta amaljama de dialecto barbansón crusado con parranda chiquitistaní!


Download now or preview on posterous
pojrama2010.pdf (5774 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

15.7.10

Boiro: 840.000 euros máis para completar o saneamento do río Coroño, co que Mieites, Comoxo e A Cuncheira terán alcantarillado


Lugares como Comoxo terán por fin saneamento, a comezos do século XXI

Boiro, 15 de xullo de 2010. O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración técnico- financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Boiro para a execución da segunda fase dos colectores de saneamento no río Coroño. Augas de Galicia achega un importe económico de máis de 840.000 euros distribuídos nas anualidades que se corresponden co presente ano 2010 e o vindeiro 2011.

O proxecto hidráulico ten como finalidade primordial dotar de saneamento os núcleos de Boiro que na actualidade carecen deste sistema. É o caso de localidades como Mieites, Comoxo ou A Cuncheira. As obras consisten en recoller as augas residuais dos núcleos anteriormente mencionados e transportalas mediante colectores por gravidade e impulsións ao depósito de Coroño, situado no lugar de Pazos. As citadas actuacións hidráulicas, cuxo prazo de execución é de seis meses, beneficia
máis de 500 habitantes deste municipio coruñés.


O Coroño ao seu paso por Loxo de Arriba

Neste sentido, o departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante a colaboración técnica e financeira neste tipo de obras, pretende resolver carencias en infraestruturas, neste caso hidráulicas, dos concellos galegos. Deste xeito, mellóranse as condicións de vida dos cidadáns e poténciase o desenvolvemento económico e social dos municipios da Comunidade galega.

Primeira fase

Augas de Galicia executou a primeira fase da obra de instalación do colector de saneamento do río Coroño, no treito Brazos-Coroño. As actuacións, xa rematadas, contaron cunha achega económica de preto de 500.000 euros por parte do Goberno
galego. Os traballos consistiron na construción dunha nova rede de saneamento, paralela ao río Coroño, que recolle as augas residuais xeradas en varios núcleos de poboación. A rede de saneamento conta con interceptor xeral e ramais secundarios, e ten unha lonxitude total de conducións de 3.400 metros. As augas residuais son conducidas polo interceptor xeral ata unha nova estación de bombeo ubicada na zona de Runes. Estas novas infraestruturas hidráulicas benefician un total de 415 habitantes da citada localidade de Boiro.

Barraña

Interceptor na praia de Barraña

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tamén financia as obras de construción dun novo colector interceptor na praia de Barraña, no concello de Boiro, por un importe próximo aos 3 millóns de euros. Esta obra está incluída no plan de choque para a eliminación de verteduras nas rías galegas e quedou comprometida a través do asinamento dun convenio entre a consellería, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o concello boirense, asinado en xullo de 2009. Na actualidade, o colector interceptor está executado ao 100% e, con respecto ao tanque de tormentas, está realizado todo o perímetro apantallado. A previsión é que en breve se inicien as operacións de baleirado do tanque de tormentas. Nese sentido, a porcentaxe de execución desta obra é do 70%. A Consellería de Medio Ambiente espera que as obras rematen este mesmo ano. As accións deste proxecto céntranse nun punto ao sur do núcleo urbano, onde se sitúa a praia de Barraña, na cal un colector interceptor recolle todos os secundarios que baixan a través de varias avenidas.

A rede do núcleo de Boiro é unitaria polo que, en canto chove, o interceptor reborda directamente á area da praia. Ademais, a rede non conta con ningún elemento de laminación e, de forma sistemática, cando chove forte os seus bombeos alivian e algúns pozos mesmo se ven desbordados. Con estas obras lograrase o control das augas pluviais e eliminaranse a verteduras á praia de Barraña e, como consecuencia, á ría de Arousa.
O proxecto inclúe a continuación da renovación do interceptor, instalando un colector de poliéster reforzado con fibra de vidro en lugar do actual de fibrocemento, desde o pozo número 9 ata o novo tanque de Chouza. Tamén se construirá un tanque de
tormentas para a retención dos importantes caudais xerados na rede en tempo de choivas na zona do peirao. O investimento previsto ascende a 3 millóns de euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical