15.7.10

Boiro: 840.000 euros máis para completar o saneamento do río Coroño, co que Mieites, Comoxo e A Cuncheira terán alcantarillado


Lugares como Comoxo terán por fin saneamento, a comezos do século XXI

Boiro, 15 de xullo de 2010. O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración técnico- financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Boiro para a execución da segunda fase dos colectores de saneamento no río Coroño. Augas de Galicia achega un importe económico de máis de 840.000 euros distribuídos nas anualidades que se corresponden co presente ano 2010 e o vindeiro 2011.

O proxecto hidráulico ten como finalidade primordial dotar de saneamento os núcleos de Boiro que na actualidade carecen deste sistema. É o caso de localidades como Mieites, Comoxo ou A Cuncheira. As obras consisten en recoller as augas residuais dos núcleos anteriormente mencionados e transportalas mediante colectores por gravidade e impulsións ao depósito de Coroño, situado no lugar de Pazos. As citadas actuacións hidráulicas, cuxo prazo de execución é de seis meses, beneficia
máis de 500 habitantes deste municipio coruñés.


O Coroño ao seu paso por Loxo de Arriba

Neste sentido, o departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante a colaboración técnica e financeira neste tipo de obras, pretende resolver carencias en infraestruturas, neste caso hidráulicas, dos concellos galegos. Deste xeito, mellóranse as condicións de vida dos cidadáns e poténciase o desenvolvemento económico e social dos municipios da Comunidade galega.

Primeira fase

Augas de Galicia executou a primeira fase da obra de instalación do colector de saneamento do río Coroño, no treito Brazos-Coroño. As actuacións, xa rematadas, contaron cunha achega económica de preto de 500.000 euros por parte do Goberno
galego. Os traballos consistiron na construción dunha nova rede de saneamento, paralela ao río Coroño, que recolle as augas residuais xeradas en varios núcleos de poboación. A rede de saneamento conta con interceptor xeral e ramais secundarios, e ten unha lonxitude total de conducións de 3.400 metros. As augas residuais son conducidas polo interceptor xeral ata unha nova estación de bombeo ubicada na zona de Runes. Estas novas infraestruturas hidráulicas benefician un total de 415 habitantes da citada localidade de Boiro.

Barraña

Interceptor na praia de Barraña

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tamén financia as obras de construción dun novo colector interceptor na praia de Barraña, no concello de Boiro, por un importe próximo aos 3 millóns de euros. Esta obra está incluída no plan de choque para a eliminación de verteduras nas rías galegas e quedou comprometida a través do asinamento dun convenio entre a consellería, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o concello boirense, asinado en xullo de 2009. Na actualidade, o colector interceptor está executado ao 100% e, con respecto ao tanque de tormentas, está realizado todo o perímetro apantallado. A previsión é que en breve se inicien as operacións de baleirado do tanque de tormentas. Nese sentido, a porcentaxe de execución desta obra é do 70%. A Consellería de Medio Ambiente espera que as obras rematen este mesmo ano. As accións deste proxecto céntranse nun punto ao sur do núcleo urbano, onde se sitúa a praia de Barraña, na cal un colector interceptor recolle todos os secundarios que baixan a través de varias avenidas.

A rede do núcleo de Boiro é unitaria polo que, en canto chove, o interceptor reborda directamente á area da praia. Ademais, a rede non conta con ningún elemento de laminación e, de forma sistemática, cando chove forte os seus bombeos alivian e algúns pozos mesmo se ven desbordados. Con estas obras lograrase o control das augas pluviais e eliminaranse a verteduras á praia de Barraña e, como consecuencia, á ría de Arousa.
O proxecto inclúe a continuación da renovación do interceptor, instalando un colector de poliéster reforzado con fibra de vidro en lugar do actual de fibrocemento, desde o pozo número 9 ata o novo tanque de Chouza. Tamén se construirá un tanque de
tormentas para a retención dos importantes caudais xerados na rede en tempo de choivas na zona do peirao. O investimento previsto ascende a 3 millóns de euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical