20.9.10

Noia: Galiza Nova continúa coas Galimpiadas, agora cun torneo 3x3 de baloncesto no pavillón Alonso Rodríguez


Noia, 20 de setembro de 2010.Despois do "éxito das Galimpiadas", segundo Galiza Nova, esta organización política organiza outro acto reivindicativo baixo o lema, "A nosa nación, a nosa selección". Neste caso, será o turno para xogar un campionato de baloncesto cun torneo 3X3.
A competición celebrarase o vindeiro sábado 25 de setembro ás 11:30 no polideportvo Alonso Rodríguez. Galiza Nova convida e anima a todos os rapaces maiores de 15 anos a que se sumen a eles e "que se conciencien da existencia dunha nación e polo tanto a oficialidade de todas as súas seleccións".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: organizan peregrinación a Compostela na ponte do Pilar (8 a 12 de outubro)


Noia, 20 de setembro de 2010. A Concellaría de Relacións Veciñais e Participación Cidadá informa de que está a organizar unha peregrinación a Santiago de Compostela co gallo do ano Santo. O punto de partida será Sarria e en total faranse 115 quilómetros en  5 etapas do 8 ao 12 de Outubro (Ponte do Pilar).

1º Etapa Sarria-----------------Portomarín

2º Etapa Portomarín----------- Palas de Rei

3º Etapa Palas de Rei ----------Arzúa

4º Etapa Arzúa------------------- O Pedrouzo

5º Etapa Pedrouzo---------------- Santiago.

A organización pretende levar un grupo mínimo de 20 persoas a esta peregrinación. Irán acompañados dun vehículo de apoio que transportará o botiquín, as mochilas pesadas e o avituallamento para as paradas estipuladas nas rutas diarias.

Estimase un custe total de 125 euros por persoa, que inclúe todos os almorzos, comidas e ceas que se fagan durante as rutas, o prezo dos albergues para durmir, o avituallamento a base de froita, auga e aquarius e a credencial de cada peregrino para ir sellando nas zonas indicadas. O prezo pode variar segundo sexa a  ocupación dos albergues públicos; se non houbese sitio neles, durmiríase en albergue privado o que podería encarecer un pouco o prezo final.

Saen camiñatas de entrenamento dende o Concello dende o martes 21

A partires deste martes día 21 de Setembro faranse camiñatas para practicar antes de realizar as rutas do camino de Santiago.  O punto de encontro será diante do Concello de Noia e o horario  irá de luns a venres ás seis da tarde e o sábado, pola mañá, ás dez.

Os interesados poden solicitar máis información e a ficha de inscrición no Concello de Noia (981842100) ou falando con Rosa Ana Mariño González, concelleira de Relacións Veciñais.

O 1 de Outubro será reunión no Salón de plenos ás doce do mediodía para todos aqueles apuntados para realizar a peregrinación ou ir de acompañantes. Alí  falarase das normas e recomendacións para a realización das rutas.

A esta iniciativa sumanse as tres asociación de empresarios da vila co lema Noia Porto de Compostela. A saída de Noia farase en autobús, ás nove da mañá na Alameda. As persoas que desexen acompañar aos peregrinos ata Sarria poderán facelo no mesmo autobús.

Itinerario dos acompañantes


Día 8 de outubro: Saída ás 9h, chegada a Sarria e comida cos peregrinos, despedida dos camiñantes ao inicio da primeira etapa, visita ao mosteiro de Samos e retorno a Noia en autobús. Custe  desta viaxe: 5 euros.


Día 12 de Outubro: saida en autobús de Noia ás 10 da mañá dende  a Alameda, chegada a praza do Obradoiro para recibir aos peregrinos de Noia que culminan a última etapa, asistencia á misa do Peregrino ás  12h, entrada pola porta Santa e abrazo ao apóstolo Santiago. Regreso a Noia en autobús. Custe: Gratuíto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o cuarto curso intensivo sobre Defensa Persoal, dende o luns 27 en Palmeira, céntrase na autodefensa feminina

Ribeira, 20 de setembro de 2010. Dendo o vindeiro luns, día 27 de setembro, e ata o venres 1 de outubro, terá lugar o IV Curso Intensivo sobre Defensa Persoal en Palmeira, impartido polo mestre de artes marciais Juan Hombre.

O curso terá lugar no local da Sociedade Fillos de Palmeira e vai constar en principio de clases de autodefensa feminina. "Nesta ocasión faremos especial fincapé no traballo para defenderse ante violacións ou agresións sexuais. Tamén impartirei recursos de loita na rúa e outras cousas máis, sempre interesantes", explica Juan Hombre. Como actividades complementarias farán pequenas marchas polo Barbanza, durmindo unha noite ao raso en plan supervivencia e completándoo con xogos populares galegos "para animar un pouco", asegura o karateka ribeirense.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

19.9.10

Noia: Galiza Nova fai campaña para que pobo e mocidade secunden a folga xeral do 29 de setembro

Noia, 19 de setembro de 2010. Galiza Nova en Noia está facendo campaña activa para animar á poboación a sumarse á Folga Xeral do vindeiro 29 de setembro, no seu caso convocada pola CIG-ENSINO baixo o lema: “Mocidade con emprego, pobo con futuro! Galiza contra a reforma laboral”.

A CIG convoca en Noia unha manifestación ás 12:30 da mañá na rotonda de San Lázaro, á que se sumará Galiza Nova. Para apoiar esta folga, os mozos nacionalistas argumentan que "co aumento dos contratos de formación dos 21 aos 24 anos, a remuneración que percibirá a xuventude será moi baixa e, como consecuencia, os abusos laborais serán camuflados". Ademais, non están en absoluto de acordo coa potenciación das ETT´S "xa que cremos que aumenta a precaridade laboral da xente nova, pois mediante as ETT´S os salarios vense reducidos e o grao de formación teórica verase disminuída".
Tampouco concordan na legalización das Axencias Privadas de Colocación con ánimo de lucro que asumirán competencias do INEM, "pois tradúcese nunha desigualdade de condicións á hora de encontrar emprego. Aqueles con maior poder adquisitivo terán a oportunidade de colocarse no mundo laboral e os outros non".

Ao anterior engaden datos alarmantes como que "o 63% dos menores de 24 anos teñen contratos temporais; o 43% entre 25 e 29 anos e cuns salarios que non chegan nin de cerca aos 1.000 euros".
Galiza Nova Muros-Noia sumarase baixo o lema “Mocidade con emprego, pobo con futuro! Galiza contra a reforma laboral” á manifestación citada e ao longo destes días fará campaña informativa por todas as localidades da comarca, para dar a coñecer o seu posicionamento contra a reforma laboral.

Download now or preview on posterous
faixa2 (1).pdf (91 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Natureza: os lagartos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, premiados como xardiñeiros da paisaxe pola revista The Scientist

O vídeo “A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares” do Grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo, gañou o premio do público da revista The Scientist


Ribeira, 19 de setembro de 2010.- O vídeo “A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares”, realizado polo Grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo, en colaboración co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, recibiu o premio do público da revista The Scientist. Entre as illas que forman este parque está o arquipélago de Sálvora, que pertence ao Concello de Ribeira.

Este premio supón o recoñecemento ó labor que o grupo desempeña no campo da divulgación científica, non só por tratarse dunha importante publicación internacional, senón porque foron os seus lectores, os que concederon este galardón.O vídeo tamén foi premiado no VIII Premio de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo e seleccionado para a fase final nos Festivais Internacionais de Cine Científico de Ronda e Bangkok.

Lagarto ocelado
Os lagartos ocelados axudan a modelar a paisaxe vexetal nos ecosistemas insulares. Estes réptiles incorporan á súa dieta froitos carnosos, de forma que van dispersando as sementes coas feces, sendo un excelente mecanismo de transporte debido á acción do seu sistema dixestivo ao romper as cubertas das sementes. Ao consumir os froitos non só contribúen á dispersión das súas sementes, levándoas a lugares afastados da planta nai, e situándoas en micro-ambientes que van favorecer a súa xerminación.

Rubus ulmifolius, más coñecida como silveira das amoras. O lagarto axuda a que se expanda

Entre as plantas participantes desta complexa relación, atópanse algunhas de particular interese, como a camariña (Corema album ), un dos principais valores botánicos do Parque Nacional das Illas Atlánticas que, grazas ao servizo que lle presta o lagarto, ve favorecida a dispersión das súas sementes. Outras plantas que se favorecen dos seus servizos son a silveira das amoras (Rubus ulmifolius ), o abruñeiro (Prunus spinos a), a madreselva (Lonicera peryclimenum) e até catorce especies máis.

Esta interacción positiva para as plantas dáse con maior frecuencia en illas, xa que neses territorios os froitos carnosos constitúen unha maior proporción da dieta dos lagartos. Mentres que os seus conxéneres do continente teñen un acceso fácil a outro tipo de recursos alimenticios como os insectos, nas illas eses recursos son tamén limitados e a dieta a base de froitos adquire unha maior importancia relativa.Sabíase que algúns roedores estaban implicados na acción de dispersión, pero descoñecíase a importante acción dos lagartos, debido a un menor tamaño e unha acción máis efectiva na dispersión.

A información na web de The Scientist, aquí

<p>Lizards as seed dispersers in island ecosystems from divulgare on Vimeo.</p>

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Portos rematará o edificio de servizos portuarios en outubro, cun custo de 800.000 euros

Ribeira, 19 de setembro de 2010.- Portos de Galicia ten previsto rematar, a finais do mes de outubro, as obras de construción dun edificio de servizos portuarios no porto de Ribeira, O obxectivo desta actuación é a de dotar ao porto dunhas oficinas para uso de gardapeiraos e outros usos vencellados ao funcionamento do porto. Contará cunha sala de xuntas e sala polivalente, servizos hixiénicos e vestiarios, un arquivo-almacén, e un almacén-garaxe con acceso independente. Esta actuación conta cun presuposto de 799.240 euros.

As parcelas donde se emprazan, son de forma rectangular, están pegadas ao edificio de almacéns existente, resultado da adaptación do edificio da antiga lonxa, e teñen unha superficie ocupada pola edificación de 209,60 metros cadrados o edificio de servizos portuarios, e de 199,80 metros cadrados a ampliación do edificio de almacéns. Está emprazado no bordo marítimo, na explanada portuaria e disporán de todos os servizos urbanísticos, con acceso rodado na fronte de todas as fachadas.

Esta construción proxéctase cunha altura máxima de 8,90 metros e cuberta plana, organizado en dous niveis, planta baixa cunha superficie útil de 176 metros cadrados, e planta primeira, con 174 metros cadrados, ademais dunha zona de vestíbulo. A ampliación do edificio de departamentos vai tamén pegada ao edificio existente, mantendo altura e perfil, así como materiais e a modulación de ocos en fachadas. Posteriormente unificarase a cor do edificio pintando o exterior de todo el.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: 730.000 euros para saneamento en Mieites, Comoxe e A Cuncheira

O prazo de execución das obras, na segunda fase de saneamento do río Coroño, será de 6 meses 

Muíño da Señora, ao pé do Coroño, en Comoxo

Boiro, 18 de setembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do organismo Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras da segunda fase de saneamento no río Coroño, en Boiro. A empresa adxudicataria foi a UTE Empresas Viviendas y Obras Civiles-Lancer, Proyectos y Obras que executará o proxecto por un importe de 730.500 euros.

A Xunta de Galicia pretende transmitir con esta actuación o respecto medioambiental xestionando as verteduras urbanas e evitar así os vertidos incontrolados ao medio, como neste caso o río Coroño.

O obxectivo primordial das obras é instalar unha rede de colectores de augas residuais nos núcleos de Mieites, Comoxo e A Cuncheira, que actualmente carecen dela, e a súa incorporación no núcleo de Pazos á rede de residuais. Non se contempla a construción da rede de colectores nos restantes núcleos da conca do río Coroño, como Enseño, Pomar do Río, Loxo de Arriba e Loxo de Abaixo, pero teranse en conta á hora do dimensionamento hidráulico dalgúns colectores xerais, así como nun dos bombeos. Ditos núcleos incorporaranse á rede en posteriores fases de construción.

Características do proxecto
As obras consisten en recoller as augas residuais dos núcleos anteriormente mencionados e transportalas mediante colectores por gravidade e impulsións ao depósito de Coroño, situado na localidade de Pazos.

Para levar a cabo os traballos, executaranse 5.592 metros de colectores de residuais por gravidade en tubaxe de PVC, cun diámetro de 315 milímetros. Ademais, instalaranse dúas estacións de bombeo, que realizarán impulsións de 559 mililitros, e executarase un pozo de aneis prefabricados con cámara de chaves in situ, e outro pozo rectangular in situ de formigón.

O prazo de execución das obras será de 6 meses e beneficiarán aos máis de 18.700 habitantes do Concello de Boiro.

Primeira fase
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia tamén financiou a primeira fase da obra de instalación do colector de saneamento do río Coroño, no treito Brazos-Coroño, mediante unha achega económica de preto de 500.000 euros.

Esta primeira fase consistiu na construción dunha nova rede de saneamento, paralela ao río Coroño, que recolle as augas residuais xeradas en varios núcleos de poboación. A rede de saneamento conta agora cun interceptor xeral e ramais secundarios, e ten unha lonxitude total de conducións de 3.400 metros. As augas residuais son conducidas polo interceptor xeral ata unha nova estación de bombeo ubicada na zona de Runes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

18.9.10

Noia: Adega denuncia o troco de cromos coa escolleira e a "chafallada administrativa" do conselleiro Hernández

Noia, 18 de setembro de 2010. A asociación ecoloxista Adega pronunciouse onte sobre o que considera "troco de cromos" entre Costas e Portos de Galicia para levar adiante a limpeza da Ría de Noia e tamén o viaduto sobre a mesma. Como adoitamos facer, replicamos a nota de Adega íntegra, que tamén poden ler en http://adega.info

Troco de cromos na Rede Natura entre a Xunta e Costas: o viaduto de Noia pola escolleira  
    

Adega, 17 de setembro de 2010. A Xunta e o Estado "negocian" autorizarse mutuamente dúas obras de importante repercusión ambiental: por unha banda, a retirada da vella escolleira á entrada da ría de Noia que quere acometer Costas necesita da autorización de Portos de Galiza (Xunta) e por outra a macroponte de 1,4 km da variante de Noia, precisa do visto bo do ministerio. O viaduto  de Hernández tería gravísimas repercusións ambientais e socioeconómicas na ría, espazo protexido da Rede Natura 2000 e foco de produción marisqueira. De efetuarse este vergoñento troco de cromos (oficialmente "complicidade") Costas faríase cómplice da nefasta política territorial de Feijóo, e amosaría outra volta a escasa sensibilidade ambiental da Sra. Espinosa.

A idea do viaduto apenas mudou con respecto ao proxectado en 2004 por Hernández e Feijóo cando tiñan responsabilidades na COTOP. Esta é a excusa do actual conselleiro para non someter novamente a obra á Avaliación de Impacto Ambiental. Mais dende aquela, a regulamentación ambiental avanzou substancialmente e á protección da Rede Natura consagrada por diversas lexislacións hai que engadir as determinacións da Lei da Paisaxe 7/2008, que esixe un estudo de integración paisaxística, do que a obra carece.

Non valen pois excusas de mal xestor nen os "curiosos" procedementos aos que nos ten acostumados o Sr. Hernández. A chafallada administrativa queda máis en evidencia por canto a obra contaba con informes negativos da propia consellaría de Pesca (López Veiga) en base ao estudo de expertos ambientais da Universidade de Cantabria. As súas conclusións indicaban que o viaduto afectaría ao LIC Esteiro do Tambre e á dinámica litoral da ría de Noia, provocando cambios de correntes e mudanzas na composición e profundidade da enseada, poñendo en perigo os bancos marisqueiros do Testal, A Misela e A Barquiña. Este transcendental feito foi sistemáticamente ocultado pola anterior e a actual administración do PP. Hernández rescatou do caixón unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) de hai 4 anos, na que por certo sinalábase que o esteiro do Tambre ten unha “baixa aceptabilidade” para admitir proxectos impactantes debido á súa potencialidade paisaxística e fraxilidade. Alguén entende algo?

A maiores, a obra do viaduto entra en contradición co proxecto Costas para demoler a escolleira de Noia e devolver a configuración natural á ría. A tal escolleira, construida nos anos 70, provocou cambios na profundidade e desprazamentos de areas no contorno que perxudicaron aos bancos marisqueiros. Que non fará agora unha barreira de formigón de 1360 m sobre piares pechando a ría? Resulta lamentábel que nun mesmo espazo protexido o estado (Costas) está a tecer, tentando recuperar a ría, e a Xunta a destecer, facendo o posíbel por degradala, iso sí, todos con cartos públicos. O irónico é que para desenvolver as dúas obras, cada administración precisa de autorización mutua!
ADEGA solicita aos responsábeis do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño que non entren neste xogo perverso de cambadelas coa Xunta. Costas debe paralisar a obra e denegar o permiso até que o viaduto sexa sometido a unha nova avaliación ambiental para determinar os impactos sobre este espazo protexido. Pola súa banda, a Xunta debería elevar a preceitiva consulta a Europa xa que afecta a un LIC da Rede Natura con hábitats prioritarios. A este respeito, ADEGA xa ten efectuada unha denuncia fronte a Comisión Europea por incumprimento da Directiva 92/43CEE de Hábitats e non descarta accións xudiciais por incumprimento da lexislación galega e estatal.

Relacionada:


Escolleira: Portos cede. Costas vaina retirar

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Bng informa sobre o Plan de Ordenación Literal en actos polas parroquias


Ribeira, 18 de setembro de 2010. O BNG
de Ribeira está organizando actos por todo o concello para informar á cidadanía da afección do Plan de Ordenación do Litoral (POL) en Ribeira.

Actos Informativos:

Luns, 20, ás 19,00 horas, Aguiño, Salón de Actos Confraría
Luns, 20, ás 21,00 horas, Castiñeiras, Casa da Cultura

Martes, 21, ás 19,00 horas, Olveira, Bar “O Rueiro”
Martes, 21, ás 21,00 horas, Ribeira, Liceo Marítimo

Mércores, 22, ás 19,00 horas, Corrubedo, Casa do Mar
Mércores, 22, ás 21,00 horas, Palmeira, Casa do Mar

Venres, 24, ás 19,00 horas, Artes, Centro Recreativo
Venres, 24, ás 21,00 horas, Carreira, Casa Cultura

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: charla sobre demencias o 22 de setembro no centro social

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical