29.12.10

Lousame: o colexio "Cernadas de Castro", premiado con 8.000 euros por dous traballos sobre innovación no ensino


O colexio "Cernadas de Castro" está no lugar de A Silva e leva o nome do famoso Cura de Fruíme

Lousame, 29 de decembro de 2010. O profesorado do colexio "Cernadas de Castro" está de noraboa. Os seus esforzos foron recompensados con dous premios de 4.000 euros cada un por sendos traballos presentados aos Premios á Innovación educativa para profesorado de centros educativos de ensino non universitario sostidos con fondos públicos de Galicia.

Na modalidade A, de Fomento do plurilingüismo, o traballo premiado foi "O encerado dixital na aula. CLIL: Imperialism and the World War I. Foi presentado por Clara Cristela Rodríguez, que exerceu de coordinadora.
Na modalidade B, de Introdución das competencias básicas na aula dixital, o título do traballo premiado foi "Os avós e as avoas molan", cuxa coordinadora foi Ana María Fernández Chacón.

Houbo moitos premios desertos, ignoramos se por que non se presentaron traballos para eles ou pola baixa calidade dos que se avaliaron, como se pode comprobar na páxina do Diario Oficial de Galicia adxunta coa totalidade dos galardóns.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

28.12.10

Ribeira: organizan viaxe gratuito á Coruña para patinar sobre xeo o luns 3 de xaneiro

Download now or preview on posterous
Patinaxe.doc (66 KB)

Para nenos a partires dos seis anos, o vindeiro luns 3 de xaneiro

Ribeira, 28 de decembro de 2010.- O Concello informa de que o vindeiro luns, 3 de xaneiro, as Concellerías de Deportes e Xuventude organizan unha viaxe a cidade da Coruña para patinar sobre xeo. 

Tamén se aproveitará para dar unha volta pola Coruña

A actividade consta do seguinte programa: 

  • Saída as 10 de mañá da estación de autobuses.
  • 11.30: chegada á Coruña e recollida de material.
  • 12.00: entrada na pista de xeo para patinar.
  • 14.00 comida.
  • 16.00: paseo pola cidade herculina.
  • 18.00 saída da Coruña cara á Centenaria.
  • 19.30 horas chegada aproximada.
 

Inclúe: Viaxe en autobús ao Coliseo da Coruña, entrada no recinto de patinaxe, aluguer de material e monitores acompañantes. 

Esta actividade, está destinada a rapaces a partir de 6 anos. É obrigatorio levar luvas. 

Os rapaces deberán levar algo para comer. 
 

A actividade é gratuíta 

Máis información e inscricións no Auditorio Municipal (oficinas de deportes e xuventude) en horario de 9 a 14 horas ou no teléfono 981 835 650.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sanidade: o Hospital da Barbanza remata un ano máis sen categoría de celadores


Ribeira, 28 de decembro de 2010. O comité de empresa do Hospital da Barbanza, en Ribeira, segue a pelexar pola chegada dos ansiados celadores ao centro sanitario.
Dende o comité insisten en que "somos o único centro, xunto co Virxe de Xunqueira de Cee, que carecemos da categoría de celador dentro do propio Sergas".

Segundo as últimas informacións, o Servicio Galego de Saúde quería dotar ao centro con algún celador, "pero de momento non se fixo nada ao respecto, as cousas están igual, non hai celadores no complexo", explican. "Temos que ter en conta que a partir de febreiro ou marzo incorporaranse novas auxiliares de enfermería ao centro, persoal que ata o de agora está realizando as tarefas dos celadores", engaden, "así que este é un bo momento para dotar de celadores ó centro".

Esta categoría -a de celadores, que leva aparelladas non poucas funcións-  xa foi prometida varias veces por políticos de todas as castes pero segue sen chegar, nunha máis que evidente discriminación do Hospital de referencia de todos os de Barbanza fronte ao resto de hospitais similares de Galicia. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: a cabalgata dos Reis Magos vén cargada de música tradicional o vindeiro 5 de xaneiro


Se non da lido o cartel neste tamaño, vaia ao grande clickando aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o PekeNadal encandilou aos máis cativos hoxe no auditorio

Ribeira, Día dos Inocentes de 2010. O auditorio ribeirense acolleu hoxe a actividade PekeNadal, inserida na programación do Nadal Cultural 2010/2011 da concellería de Cultura e Festexos que dirixe Luciano Fernández Martínez.

  A actividade está dirixida a nenos/as de 0 a 2 anos acompañados das nais e pais e está composta por xogos, cancións, panxoliñas e monicreques cos que se pretende que interaccionen os  pais/nais con nenos pequenos, todos eles dirixidos por un animador  caracterizado. O horario foi de 11:30 da mañá a unha da tarde. Vaise repetir o vindeiro luns 3 de xaneiro no auditorio no mesmo horario para o cal aínda existen prazas vacantes. O máximo de participantes é de 40 persoas. Hoxe  participaron 22 entre pais/nais e nenos/as, segundo aclarou o técnico de Cultura Unai González.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: pleno extraordinario hoxe, Día dos Santos Inocentes, ás oito da tarde

Boiro, 28 de decembro de 2010. Non é brincadeira, aínda que sexa nesta data. No pleno extraordinario de hoxe decídense os orzamentos deste ano (a boas horas) e os do que vén (en tempo e forma).


Cabo de Cruz

Están a desmontar a grúa instalada en Cabo de Cruz e abandonada por unha empresa promotora, da cal se queixaban os veciños. O alcalde, Xosé Deira, desprazouse ao lugar para comprobar os traballos da desmontaxe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

27.12.10

A Pobra do Caramiñal: Ámbar celebrou a entrega de premios do concurso de debuxo por Nadal

A Pobra do Caramiñal. 27 de decembro de 2010.  Esta mañá tivo lugar a entrega de premios do XIII Concurso de Debuxo de Nadal que organiza a Asociación AMBAR.
 
O acto de entrega de premios, presidido polo director do centro sociocomunitario de Pobra do Caramiñal, Ricardo Simil. e a presidenta de AMBAR, Milagros Rey, tivo lugar hoxe ás 12:30 no centro sociocomunitario, e nel estiveron presentes, á parte dos premiados, usuarios e monitores do centro de recursos da Barbanza.

Os premios entregados foron os seguintes:
 
1º premio. Esperanza Silva, premio de 90 euros e a impresión do debuxo na postal navideña de AMBAR.
2º premio. Sonia Alonso, premio 60 euros.
3º premio. Charo Fernández, premio 60 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o festival de panxoliñas en San Xián de Liaño puxo o remate ás actividades especiais de Nadal


Unha interpretación conxunta do Adeste Fideles foi o colofón do I Festival de Panxoliñas

Dodro, 27 de decembro de 2010. O Festival de Panxoliñas de Dodro tivo lugar onte, día 26 de decembro, na igrexa de San Xián de Laiño organizado pola concellaría de Cultura do concello de Dodro. O colofón púxoo unha interpretación conxunta do tradicional Adeste Fideles.

Coral de Laíño

 
O acto estivo conducido polo irmán Reboiras de La Salle, e supuxo unha homenaxe á musica tradicional galega. Asimesmo, o concello quixo aproveitar para recoñecer o labor deste irmán Reboiras na normalización da lingua galega na igrexa parroquial na que tivo lugar o Festival, pois pola súa iniciativa e co apoio do párroco e a boa acollida da xente da parroquia, fai moitos anos que os actos litúrxicos se celebran na mesma lingua que falan os fregueses: o galego.

Coral de La Salle (Santiago)

Coral de Padrón
 
Esta actividade pecha a programación especial de Nadal prevista pola concellaría de Cultura, na que participaron ao longo destes días centos de persoas.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o obradoiro de emprego "Airoas" comeza para formar a vinte mulleres e quince homes

Desta iniciativa sairán alumnas e alumnos con experiencia en xardiñería, carpintería e pavimentación con lastros

Ribeira, 27 de decembro de 2010.- Un total de 35 persoas (vinte mulleres e quince homes) iniciaron hoxe no Parque Periurbano de San Roque o novo obradoiro de emprego Airoas: un programa público de emprego-formación no que se alterna a formación teórica coa práctica profesional en ocupacións ou actividades de utilidade pública ou interese social, e que ten como finalidade a inserción laboral de persoas desempregadas de vinte e cinco ou máis anos.

Neste obradoiro vanse a impartir tres especialidades: xardinería (no que participarán tres homes e sete  mulleres), carpintería (oito mulleres e dous homes) e pavimentación con lastros (cinco mulleres e dez homes).

Durante a apertura desta escola taller, cofinanciada polo Concello e a Xunta, o alcalde José Luis Torres Colomer foi o encargado de presentar a actuación ante a nova promoción de alumnos-traballadores, cuxa formación se prolongará ata decembro de 2011. Cabe recordar que Ribeira xa foi obxecto doutros obradoiros de emprego, baixo as denominacións de Illa de Sagres, Illote Noro e Illote Noro 2.

O novo equipo formativo estará dirixido por Uxía Argibay , que se encargará da coordinación xeral do obradoiro de emprego, así como das relacións co exterior: consellería, entidade promotora, empresarios. Ademais, o equipo vai estar composto por outras oito persoas: un mestre para pavimentación con lastros, outro para xardinería e outro para carpintería, unha titora, un mestre de educación, un mestre de xestión empresarial, un auxiliar administrativo e unha condutora/ordenanza.

Actuacións previstas

Cenador de madeira realizado polo obradoiro 'Illote Noro II"

En canto ás actuacións que se van a realizar, unha vez máis o Parque Periurbano de San Roque será o principal beneficiado dos traballos: concretamente, a través da pavimentación e axardinamento na zona da entrada a este recinto dende a estrada xeral que pasa por Frións e a realización da segunda fase do empedrado no acceso peonil que parte dende a zona dos Xulgados de Santa Uxía.

Outras actuacións que se ten previsto realizar son o mantemento e mellora de parques e xardíns municipais e a construción de equipamentos de madeira e de casetas-vestiarios para espazos públicos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Liceo Marítimo organiza un baile para fin de ano e convoca asemblea o 16 de xaneiro

Ribeira, 27 de decembro de 2010. A Sociedade do Liceo Marítimo celebra este vennres, día 31 de decembro, un baile de maiores amenizado pola orquestra Odisea. Comeza ás 12 da noite nos locais sociais.
 
     Por outra banda o Liceo convoca a todos os socios para unha asemblea xeral ordinaria que terá lugar o vindeiro día 16 de xaneiro, domingo, xa do 2.011, nos locais da sociedade, ás doce do mediodía para tratar os asuntos seguintes:
 
   1º.- Lectura da acta da asemblea anterior e a súa aprobación, se procede.
   2º.- Memoria de xestión durante o ano e informe económico.
   3º.- Informes do Presidente e da Xunta Directiva.
   4º.- Rogos e preguntas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical