24.2.10

Entrevista: Sie sprechen deutsch? Lesen Sie das Interview hier!! Karl Rainer Birk, curriculum vitae

É un pracer que un entrevistado noso se tome estas molestias e traduza ao alemán as cuestións e respostas que nos deu. Unha vez máis temos que subliñar que este home é un fóra de serie (non está feito a molde, como dixo un dos comentaristas da entrevista).
A azarosa vida de Karl Rainer en Certo:
http://certo.es/index.php?page=k_rainer_birk
A tradución ao alemán na súa páxina:
http://www.karlrainerbirk.com/Curriculum_viatae.html

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Deportes: ruta de sendeirismo o domingo 14 de marzo polo Grove que sae de Ribeira

Os departamentos de Xuventude e Deportes do Concello de Ribeira e a sección de sendeirismo da asociación As Miñoteiras organizan unha ruta de sendeirismo para o vindeiro domingo 14 de marzo.

A posibilidade de participar está aberta a todo o mundo, coa única excepción do límite de prazas.

A ruta será no Grove e terá unha distancia de 18 km a facer en 6 ou 7 horas. Está catalogada de dificultade baixa. O prezo por persoa é de 10 euros.

A hora prevista de saída será ás 9.00 da mañá da estación de autobuses de Ribeira.

Para máis información e inscricións:
Auditorio Municipal. Tel. 981 83 56 50
deportes@riveira.com
xuventude@riveira.com

Descrición da ruta:


Flickr de Rob Unreall. Foto cargada el 7 de mayo, 2009 por Rob Unreall


Esta ruta, que bordea boa parte da zona costeira de península do Grove, comeza no porto de Pedras Negras (San Vicente do Mar), onde unha pasarela de madeira nos vai levando practicamente pegados ó mar hasta chegar á praia de Canelas, onde o panorama cambia radicalmente. Os arames de espiños tipo “Buscando al soldado Ryan”, así como as bocas dos canóns, que parecen a punto de disparar a un hipotético inimigo mariño, recrean un tipo de paisaxe un tanto funesto. Atopámonos diante dun dos campos de tiro da Brilat pontevedresa.

O “Con Negro” vai ser o seguinte punto de referencia na ruta. Os “cons”, son eses outeiros característicos, de grandes dimensións, que nestas terras adoitan dar nome a puntos xeográficos: Con Negro, Con da Hedra, Con Ministro, Cons da Patarroxa….

Entre sendeiros costeiros e outros habilitados algo máis no interior, iremos chegando ó “Adro Vello”, unha necrópole tardoromana situada na praia do Carreiro. Durante o tempo en que se realizaron escavacións nela, atopáronse superpostos, unha vila romana, restos dunha capela visigótica do S. II, unha necrópole, e restos dunha fortificación do S. XII. Ademais, nesta escavación atopouse unha moeda coa representación máis antiga da barca cos restos do Apóstolo.
O seguinte fito na ruta será a lagoa de Bodeira. Esta lagoa de auga doce está situada ó lado da praia Meixilloeira e illado do mar por unha duna. Os xuncos limitan a lagoa para dar albergue ás aves migratorias que habitan este lugar. Estamos diante da única lagoa con estas características da provincia de Pontevedra.

Na area de Reboredo, cerca xa do Porto Meloxo, abandonaremos o sendeiro costeiro, e unha estrada iranos levando en continuo ascenso ás faldras do monte Siradella. Antes, descansaremos uns intres no miradoiro do Con da Hedra, desde o que poderemos ver ó lonxe o comezo da nosa ruta. Uns minutos despois chegaremos ó alto da Siradella. Lugar emblemático relacionado coa lenda máis famosa da zona grovense: O Meco. Despois de visitar o castro de Feáns, unha espectacular baixada entre rochedos permitiranos ver entre unhas pedras, unha pequena figueira. Conta a lenda que alí aforcaron os veciños do Grove ó Meco, un señor feudal que os tiña “asfixiados”. Tamén contan que desde aquela, da figueira saen uns figos tinguidos de vermello, por mor da sangue do tirano.

Todas estas historias lendarias e as fermosas panorámicas deste entretido roteiro, fan desta saída unha das máis interesantes que se poden facer polos arredores da ría arousán.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Mar: confrarías de Arousa Norte e Noia asinan convenios por case medio millón de euros para loitar contra furtivos e mellorar os bancos marisqueiros

O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños asinou dous convenios diferentes con 8 confrarías do Barbanza

Confraría de Rianxo


Ribeira, 24 de febreiro de 2010.- O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, asinou 15 convenios coas confrarías de Aguiño, Cabo de Cruz, Noia, Palmeira, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira co obxectivo de acadar unha mellora na xestión, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños. O importe para a materialización destes traballos é de 490.800 euros e a súa vixencia prolongarase ata o vindeiro 31 de decembro de 2010, con posibilidade de prórroga.

Dentro dos 15 convenios hai dous tipos de acordos. Un deles ten por obxecto paliar os efectos negativos que produce, entre outras actividades, a sobreexplotación dos recursos mariños. Para iso, contémplase a realización das actividades de conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños mediante operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies, establecendo as condicións de acceso ás zonas de pesca. Con estas actuacións preténdese mellorar as condicións para a produción (coidado, control e seguimento dos bancos marisqueiros) e loitar contra o a extracción ilegal.


Farán os novos carteis para disuadir aos furtivos en castelán, galego e inglés? Ou só en castelán?

O segundo dos acordos dos convenios asinados entre a Consellería do Mar e as confrarías de Aguiño, Cabo de Cruz, Noia, Palmeira, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira vai encamiñado a mellorar a xestión das zonas de produción. Nel inclúense accións dirixidas á implantación de técnicas de semicultivo, á elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración de zonas de produción e ao seguimento da produción efectiva dos bancos naturais marisqueiros.

O departamento que dirixe Rosa Quintana comprométese a destinar os medios persoais e materiais propios que sexan precisos para acadar o desenvolvemento e coordinación das accións obxecto dos convenios. Ademais, fará un seguimento das accións en colaboración coas Confrarías e tomará as medidas pertinentes para o seu desenvolvemento normalizado.

Rula da ameixa en Rianxo

A defensa do medio mariño e dos recursos marisqueiros é un dos obxectivos da Consellería do Mar, por iso considera necesario adoptar medidas de xestión, mediante a prestación de apoio aos profesionais, que permitan acadar a súa máxima rendibilidade de xeito compatible coa conservación do recurso e do seu medio.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Deportes: abren o prazo para inscribirse na Escola de Vela de Ribeira 2010

Cultura: escritores reclaman hoxe, no aniversario do nacemento da poetisa, a creación do Instituto Rosalía de Castro


Rosalía naceu en 1837, un 24 de febreiro, en Compostela. Esta publicidade de Ceregumil, que recuperou a Fundación Barrié de la Maza na publicación "Cartas a Murguía", está chea de erros coa súa biografía. Pero ten unha imaxe dela que case non se coñece.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Boiro: celebran o segundo aniversario do Centro de Día con portas abertas o 2 e 3 de marzo

O centro de día de Boiro está en Praia Xardín (antigas colonias)

 

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Cultura: mentres non chega a web oficial coa obra de Castelao, particulares homenaxéano na Rede

23.2.10

Cultura: Xosé Neira Vilas recibiu hoxe o Premio Laxeiro 2010 en Vigo


Neira Vilas na Feira do Libro da Habana de 2008


Vigo, 23 de febreiro 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela participou hoxe na reunión do Padroado da Fundación Laxeiro e posteriormente entregou a Xosé Neira Vilas o Premio Laxeiro 2010. Roberto Varela gabou a carreira do galardoado, afirmando que “é un dos grandes nomes da nosa cultura, para min e para todos os que na Xunta de Galicia traballamos en prol da nosa cultura, el será sempre un referente literario, intelectual e, sobre todo, humano”.

O conselleiro de Cultura e Turismo resaltou as afinidades entre o premiado neste 2010, Xosé Neira Vilas e José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, “por compartir o don extraordinario de repropoñer en formas aparentemente simples, inmediatamente comunicativas, toda unha tradición cultural” así como posuír “a cualidade rara e preciosa, de creadores verdadeira e sentidamente populares”.

“As afinidades, non tanto electivas coma biográficas e circunstanciais, entre estas dúas figuras clave do noso século vinte, comezan pola súa relación con Galicia, unha relación a miúdo mediada pola distancia da emigración. Laxeiro e Neira Vilas coñecéronse de feito, moitos saberédelo xa, fai case sesenta anos, na biblioteca do Centro Galego de Bos Aires”, engadiu o representante de Cultura.

Roberto Varela recordou que “moitas das figuras fundacionais do noso presente identitario e cultural, por circunstancias históricas, residiron durante longos anos lonxe de Galicia, pero, esa distancia, dolorosa distancia ás veces, foilles tamén de axuda nalgún momento no seu quefacer creativo. Se cadra permitiulles albiscar a necesidade de reinterpretar continuamente a tradición, fíxolles comprender que a identidade dun pobo coma o noso compre refundala cada día a través da lingua e da arte”.

Fundación Laxeiro

Ao fondo, cadro de Laxeiro dos fondos da Fundación CaixaGalicia

Para Roberto Varela a creación da Fundación Laxeiro a finais dos anos noventa supuxo “un impulso decisivo neste exercicio de memoria histórica” e o traballo que están a levar a cabo os seus responsables en múltiples ámbitos (expositivo, didáctico, de investigación) “contribúe de xeito notable non só á difusión da obra de Laxeiro senón tamén a promoción de toda a cultura contemporánea galega”.

Nesta liña o representante de Cultura recordou fitas coma a recente presentación do catálogo universal da obra do pintor, “constitúen propostas de altísimo nivel, proxectos esenciais dentro do panorama cultural do noso país”. Encanto as iniciativas como a creación do Premio Laxeiro constitúen, segundo Roberto Varela, “unha importante tarefa de divulgación e resultan fermosas e necesarias”. Neste senso, Roberto Varela subliñou que Laxeiro era “xustamente, un creador preocupado pola permanencia do seu extraordinario legado artístico, cultural e humano”.

O conselleiro de Cultura e Turismo considerou que o valor deste Premio, que chega xa á súa sétima edición, “é o de reivindicar non xa a obra senón o espírito mesmo de Laxeiro a través de persoeiros fundamentais da nosa culturas e as nosas artes, persoeiros que de formas diversas séntense próximos a este espírito”.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Boiro: a Casa do Concello que lle gustaba a Karl Rainer Birk e a imaxe da que hai na actualidade

  "Encontré la foto del Concello antiguo ( el que me gustó más). Espero que les sirva para algo", cóntanos Karl Rainer Birk, o trotamundos alemán que vive en Boiro, a quen entrevistamos aquí

Por suposto, partillámola con vostedes, e comparámola coa imaxe actual. Parafraseando a Alfonso Guerra: ao Concello de Boiro non o coñece nin a nai que o pariu!


Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Motor: poñédelle capota para Galicia a este "Coche Humano" meus!

Chuck Greenwood inventou este vehículo que emprega un sistema de transmisión que transforma a enerxía do movemento oscilatorio en rotacional, co que se propulsa o coche. Véndeo por Internet. Humildemente lle aconsellamos unha capota para que alguén o merque por estes lares.


Mais como segundo vehículo e para fardar por aí no verán, vémoslle moitas, pero que moitas opcións. Prezo? Din que entre 4.000 e 12.000 euros. Segundo os extras. Pero non sabemos se o paraugas é un complemento ou vén de serie. Para que o queres se non o podes empregar?

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical