23.2.11

Ribeira: I Festa dos Bolicos con Viño Tinto, este sábado 26 de febreiro

"Quen non veu aos seus avós algunha vez meterse entre peito e espalda unha capacho de viño tinto a rebosar e mollando bolicos??? Pois iso é o que queremos facer, un homenaxe á mellor cea (xunto co caldo) para os días de frío siberiano coma o que está facendo agora. Por todo isto emplazámosvos a asistir o Sábado 26 de Febreiro de 20:00 a 23:30 á I Festa dos Bolicos con Viño Tinto onde por 3 irrisorios euros poñerémosvos un tazón de viño tinto e un platiño de bolicos para que despois poidades saír de noite en mangas de camisa e ao chegar á casa disirlle á vosa nai… “miña naisiña, FERVEME Ó PEEEITO!!!"

Logo desta aclaración de Fran Riaso, quen precisa dicir máis nada!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Amicos presentou a diversas autoridades o seu proxecto de centro residencial en Comoxo

Boiro, 23 de febreiro de 2011. Os deputados provinciais Xoán M. Sande Muíz e Rosana Pérez Fernández realizaron unha visita institucional á Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica AMICOS, para coñecer de primeira mán o proxecto de construcción da Residencia para persoas Gran Dependentes con Discapacidade Intelectual que a entidade ten previsto construir na aldea de Comoxo e que a Deputación Provincial financiará o 33% con 222.000 euros sobre un orzamento de 736.872,95 euros.  

O proxecto de construcción da unidade residencial de asistidos pretende dar cobertura na súa primeira fase a 17 persoas con discapacidade intelectual con necesidades de apoio extenso e xeralizado, nunha área (bisbarras de Barbanza e Noia) onde existe un importante déficit de cobertura en materia asistencial e non existe ningún centro destas características.

A posta en marcha da residencia permitirá mellorar  e consolidar os servizos de atención ás persoas con discapacidade intelectual das comarcas de Barbanza e Noia que presta a asociación AMICOS e que na actualidade abranguen un centro de día, un centro educativo, un centro ocupacional, un centro de formación, unha rede comarcal de transporte adaptado e diversos servizos de rehabilitación. 

Os deputados, que estiveron acompañados do alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, desprazáronse até o lugar de Moimenta, onde está prevista a instalación da futura residencia, e onde mantiveron un encontro con responsábeis de AMICOS e coas familias dos afectados.  

A Deputación da Coruña vén contribuindo ao mantemento das actividades da entidade a través das convocatorias anuais de subvención, en concreto o ano pasado a aportación foi de 20.000 euros destinados a financiar o taller ocupacional de viveirismo. 

No mesmo lugar, os deputados entrevistáronse con responsables de INTEGRADOS, unha asociación que traballa conxuntamente con AMICOS co obxectivo da promoción do ocio e do deporte do colectivo das persoas con discapacidade intelectual, e que conta con dous vehículos adaptados para o transporte de deportistas con discapacidade, financiados pola Deputación da Coruña con case 35.000 euros. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: os socialistas din que a Conselleira vai pasar á historia por "cebarse" coas mariscadoras mentres ésta os acusa de demagogos

Soneira: "a Conselleira do Mar vai pasar a historia por ser a que máis se cebou cos maís débiles do sector pesqueiro"
Rosa Quintana: “Non quero un sector subvencionado que teña que vivir de xeonllos diante de min”

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira interviu hoxe no Pleno da Cámara para interpelar á Conselleira do Mar sobre a anulación do Plan de Pensións dás mariscadoras maiores de 65 anos que non acadaron o período mínimo de cotización para ter dereito a unha pensión contributiva.  A deputada socialista denunciou hoxe  que, á Conselleira do Mar, non se lle coñece nin unha sola acción política de calado para o mundo da pesca e do marisqueo, pero si por eliminar axudas sociais postas en marcha polo goberno anterior. Por iso acusouna de amosar as súas fobias contra a anterior conselleira, Carmen Gallego, a través de políticas revisionistas que fai pagar o aro mais débil da cadea: as mariscadoras.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, insistiu esta mañá no Parlamento que a xestión que está a levar a cabo no seu departamento non se basea nas subvencións senón nunha política de protección do recurso e de xeración de emprego. “Non quero un sector subvencionado que teña que vivir de xeonllos diante de min”, indicou. Proba disto, lembrou que, entre outras medidas, puxo en marcha o plan de recuperación de zonas improdutivas e que, dende que está no Goberno da Xunta, se outorgaron 494 novos permisos de explotación marisqueira a pé fronte aos 843 permex que se perderon no marisqueo a pé durante o anterior goberno. Isto é sinónimo de “promover as cotizacións para poder pagar pensións a aqueles que cumpriron coa lei”, explicou a conselleira.

Quintana laiouse de que dende a oposición e dende distintos colectivos se estea intentando facer demagoxia cando “foi esa mesma xente a que, no ano 2000, animaba ás mariscadoras a manifestarse para que non pagaran a Seguridade Social ou que cotizasen por horas” de xeito que nunca tiveran acadado unha pensión como si lograron aquelas profesionais do mar que comezaron a pagar o seu recibo tal e como lles esixía a Lei de Pesca do ano 93. “É como se aqueles que animaron ás mariscadoras a que non pagasen –insistiu- cando chegaran ao poder, intentaran emendar os erros que cometeron”.

Discriminación por xénero?

Soneira acusou á Conselleira de “ter amistades perigosas”, e de ser incapaz de gastar 53 millóns de euros dos seus orzamentos ordinarios. “Hai cartos para facer un Porto en Xinzo de Limia, pero non pagar o seguro das mariscadoras galegas”, espetou. 

E preguntoulle si sería de capaz de suprimir este Plan de Pensións se os prexudicados foran homes e non mulleres. Dixo que hai unha discriminación por cuestión de xénero xa que ate que foi obrigatorio a cotización, no 2.000, a facenda pública consideraba os ingresos das mariscadoras como un aporte atípico a economía familiar, dunha modestia tal que non computaba. Denuncia que esta medida obriga a mulleres de máis de 65 anos a vivir da dependencia. 

Asegura que vai pasar á Historia por ser a Conselleira que se cebou cos mais  febles do sector pesqueiro, e a que deixou tiradas na rúa a moitas mulleres que non teñen o suficiente cotizado.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra e Boiro: un cura da conferencias este venres na Pobra e o sábado en Boiro sobre ciencia e fe

Boiro: este xoves 24, plantación de autóctonas e o venres 25, inauguración da nova sede de Emerxencias


A plantación será ao pé da área para autocaravanas de praia Xardín

Boiro, 23 de febreiro de 2011. O Concello de Boiro, en colaboración coa asociación Boiroverde, adicarase a repoboar con especies arbóreas autóctonas a zona que está ao pé da área de autocaravanas de praia Xardín (indo hacia Escarabote, antes da ponte). Colaborarán os escolares dos colexios Praia Xardín e Santa Baia.

Por outra banda, o vindeiro venres 25, o alcalde presidirá a inauguración da nova sede do Servizo Municipal de Protección Civil e Emerxencias, tamén ás 12 do mediodía, no polígono industrial da Espiñeira.


A sede de bombeiros de Boiro tamén está na Espiñeira

Este edificio, así como as novas naves de oficios e o pañol de obras, foron financiados con cargo aos fondos FEIL 2009 e FEESL 2010, cun importe conxunto de algo máis de 976.000 euros. O edificio conta cun garaxe de 150 metros cadrados útiles, destinado aos vehículos e lanchas de que dispón este servizo, e unha planta superior con outros 260 metros útiles, divididos en dependencias destinadas a vestiarios, oficina xeral, sala de reunións (que tamén se utilizará para a impartición de cursos) , almacén, cociña – sala de estar e zona de descanso.

Na actualidade, o GRUMIR dispón destes medios para desenvolver o seu labor:
un camión de bombeiros, un vehículo de primeira intervención, catro todoterreos, catro lanchas e un remolque de intervención (dotado de material a utilizar en emerxencias como bombas de achique, motoserras, etc.).
O ámbito de actuación de Protección Civil e Emerxencias de Boiro abarca distintos tipos de intervencións, desde accidentes de tráfico, incendios forestais e urbanos, recollida de animais abandonados e busca de persoas desaparecidas ata a vixiancia e salvamento nas praias. Tamén prestan asistencia na organización de festas, concertos e todo tipo de actividades nas que se producen importantes concentracións de persoas. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Industria: os socialistas denuncian que Agustín Hernández ten paralizado o parque industrial do Barbanza dende hai dous anos

O deputado José Manuel Lage denuncia actos propagandísticos en sede parlamentaria por entrevistarse o conselleiro co alcalde do PP da Pobra e o alcaldable por Ribeira, tamén do PP, Manuel Ruiz Rivas 

Polígonos industriais como o de Rianxo xa están a rematarse

Barbanza, 23 de febreiro de 2011. O portavoz da área institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage, criticou hoxe o encontro do conselleiro de Infraestruturas co alcalde de Pobra do Caramiñal e o candidato do PP á alcaldía de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, en sede parlamentaria. Dixo que utilizan a sede parlamentaria para “montar actos propagandísticos para tapar as súas vergoñas” 

Afirmou hoxe que “a crúa realidade é que nos dous primeiros anos de goberno do PP na Xunta tiveron paralizado o polígono industrial do Barbanza programado polo anterior executivo presidido por Touriño; cualificou o anuncio de hoxe sobre esta infraestrutura de “realidade virtual” logo de ter paralizada a obra dous anos. 

Lage Tuñas advertiu que “a utilización partidaria do Parlamento por parte do goberno galego amosa a necesidade de tapar as vergoñas do Partido Popular que tivo paralizado o parque empresarial do Barbanza durante dous anos”. 

Lembrou que ”fai máis dun ano que lle solicitamos ao goberno galego explicacións sobre a situación do parque empresarial do Barbanza e o silencio foi a resposta ás miñas solicitudes”. 

Engadiu que “coa chegada das eleccións municipais Agustín Hernández pon a consellería de Medio Ambiente e Territorio ao servizo da propaganda do PP na Pobra do Caramiñal e en Ribeira”. 

O deputado socialista di que “o goberno galego e o Partido Popular levan dous anos gobernando e non fixeron absolutamente nada para impulsar o Parque Empresarial do Barbanza, deseñado e programado polo anterior executivo galego presidido por Touriño”.

Antes publicamos:
Piden que se retome a construción do macropolígono de Barbanza
A Xunta bótalle a culpa ao bipartito de que non vaia adiante o macropolígono

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este xoves 24, presentación do novo disco do grupo de Aguiño "AreaVasta"


Ribeira, 23 de febreiro de 2011. O auditorio municipal vai ser escenario mañá, día 24 de febreiro, ás 11.30 horas, da presentación do novo disco e dun concerto da banda ribeirense Areavasta. Neste acto participarán os concelleiros de Cultura e de Xuventude de Riveira, Luciano Fernández e Vicente García, así como integrantes da formación musical.

Quenes compoñen AreaVasta?

Cambiaron cantante xa, pero entrevistámolos en Certo. Podes ler a entrevista aquí

Webs relacionadas:

http://areavastarock.blogspot.com

http://www.myspace.com/areavasta

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o sétimo Cartafol da Memoria, adicado a Cunqueiro, preséntase este sábado 26


Estatua de Cunqueiro na súa vila natal, Mondoñedo

Porto do Son, 23 de febreiro de 2011. O Concello de Porto do Son presenta este sábado, 26 de febreiro, o sétimo Cartafol da Memoria, que leva por título "Un mar maior e heroico" e está adicado á conexión de Álvaro Cunqueiro con Porto do Son. Foi coordinado e escrito por Blanca Ana Roig Rechou, que é unha profesora da USC natural de Portosín, integrante da Asociación de Escritores en Galego (AELG)

O acto comeza na casa de cultura de Portosín este sábado 26 ás oito e media da tarde.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

22.2.11

Lousame: unha sentencia dá a razón aos traballadores de FCC por ir á folga en novembro de 2010

Lousame, 22 de febreiro de 2011. A sentenza desminte as afirmacións do alcalde de Ames que acusou ao persoal de realizar un paro político contra da súa persoa. O Comité de FCC Lousame e as organizacións sindicais CIG e CCOO deron a coñecer este mediodía a primeira sentenza a respecto da folga realizada polos traballadores da planta de reciclaxe durante o pasado mes de novembro, e que o alcalde de Ames e a empresa cualificaron de ilegal. A xustiza vén agora de declarar que o paro indefinido contou con todas as garantías legais e que non se tratou dunha folga rotatoria, novatoria ou política. Así mesmo, o Comité informou que xa ten presentado denuncia penal contra o responsábel municipal por vulnerar o dereito fundamental á folga, xa que contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas de Ames.

O Secretario Nacional da Federación de Servizos, Paulo Rubido, acompañado de membros do Comité e de Eduardo Brión, representante de CCOO,  censurou na rolda de prensa a campaña mediática realizada polo alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, durante a folga, que acusou aos traballadores de estar desenvolvendo unha folga ilegal, na medida en que a consideraba rotatoria, novatoria e “política”. A intoxicación chegou a tal punto, que a propia empresa concesionaria do servizo, FCC, denunciou ao Comité por estes mesmos motivos.

Non obstante, a xustiza veu agora dar a razón aos traballadores/as ao declarar  a legalidade da folga, que non considera rotatoria, novatoria ou política, senón un exercicio perfectamente legal que realizaron os traballadores. “Os tribunais poñen a cada un no seu sitio e neste caso demostraron que o alcalde de Ames minte e que é un manipulador”, criticou Rubido. 

Así mesmo, o Comité de empresa presentou hai xa máis de 20 días unha demanda penal esixindo responsabilidades a Carlos Fernández por vulnerar un dereito fundamental da clase traballadora como o dereito á folga. Hai que lembrar que o rexedor municipal contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas da Vila alegando que a folga era ilegal. 

Unha folga na defensa dos empregos


Do 12 ao 18 de novembro pasado os traballadores da planta de reciclaxe de Lousame convocaron folga con carácter indefinido, aínda que só a efectivizaron nos concellos de Ames e Carnota, durante unha semana. O conflito xerouse a raíz da solicitude de rescisión da contrata por parte FCC, por mor da débeda que os Concellos da Mancomunidade do Barbanza mantiñan coa empresa, que xestiona a planta de reciclaxe de Lousame.

Os traballadores/as secundaron a folga nestes dous concellos porque eran os que tiñan contraído a maior débeda con FCC e ao mesmo tempo porque foron os únicos que se negaron a apoiar unha moción presentada polo Comité en todos os concellos da mancomunidade, pola  que os municipios se comprometían a resolver o problema da débeda para garantir a viabilidade da planta e ao mesmo tempo ratificar este sistema  de recollida de lixo.

A folga rematou unha semana despois, ao conseguírense os obxectivos principais: mentres que ao Concello de Carnota a Xunta lle aplicou un plano de retencións que lle obriga a pagar os recibos a FCC, no caso de Ames, finalmente aprobouse no pleno municipal  a moción e afrontouse un importante pagamento da débeda contraída.

O problema persiste


A día de hoxe, explicaba Rubido, o problema da débeda dos Concellos coa empresa concesionaria continúa persistindo, pero o volume da mesma e a gravidade da situación é moito menor. Neste senso, indicou que existe unha débeda arrastrada por todos os Concellos “que non se vai solucionar nin en un ano nin en dous”.

Nesta liña, durante a comparecencia, quíxose denunciar unha situación que afecta ao futuro  da planta de Lousame e que, neste caso corresponde á Consellaría de Medio ambiente resolver. Rubido referíase ao convenio existente entre a administración galega e ECOEMBES, a empresa que recolle o material que se recicla na planta.

ECOEMBES decidiu unilateralmente non recoller un 70% do film recuperado argumentando que esta é a porcentaxe de film non adherida ao seu sistema. Unha decisión que supón un grave problema para a viabilidade da planta, xa que se financia nun 40% a través dos recuperadores, e deste xeito perde uns 650.000 € anuais, e ao mesmo tempo xera un problema medio ambiental ao acumularse este material na planta sen saída.

“Se se quere que plantas como a do Barbanza, que teñen máis que demostrado a súa efectividade e que responden a un modelo de recollida de residuos sólidos moito máis eficiente, ecolóxico e respectuoso que o de Sogama, saían adiante é preciso contar co apoio da administración e que a Consellaría solucione a recollida do film, porque a actual situación complica a viabilidade futura da planta”, advertiu Paulo Rubido.

Vía

Podería interesarlle:

Reflexión do alcalde de Noia sobre a planta de Servia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: un veciño denuncia a caza indiscriminada de raposos ao pé do Parque Natural

Ribeira, 22 de febreiro de 2011. Co expresivo título "Rematou a tempada de caza: menos mal!" envíanos un veciño esta fotodenuncia, acompañada do seguinte texto:

Estes dous raposos (ou o que queda deles) atópanse nun pequeno descampado xunto o camiño que sube do Vilar (do Parque Natural) hacia Castro. Dase a casualidade que están a escasos 30 metros do límite do Parque no que a caza está prohibida e as especies están protexidas.

Están alí dende a última fin de semana na que se permitiu a caza, e pola pinta dos cadáveres foros víctimas dos disparos "inconscientes?" dos cazadores. Vese que non os mataron para aproveitar a pel, nin tampouco a comida, só para deixar os cadáveres tirados nunha cuneta.

A esto chámaselle deporte, e teñen federación e todo, que recibe subvencións dos cartos de todos nós.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical