31.1.10

Medio Ambiente: as lagoas de Carregal e Vixán, en Ribeira, a debate nunhas xornadas sobre humidais

Download now or preview on posterous
Humidais 2010.pdf (407 KB)


As lagoas de Carregal e Vixán serán escenarios de actividades para sensibilizar aos estudantes galegos

O vindeiro martes 2 de febreiro celébrase o Día Mundial dos Humidais baixo o lema “Coidemos os humidais. Unha resposta ao cambio climático”

Con esta iniciativa quérese por de manifesto a vulnerabilidade destes ecosistemas fronte o cambio climático

Ribeira, 31 de xaneiro de 2010.- O vindeiro martes 2 de febreiro celébranse as xornadas “Coidemos os humidais. Unha resposta ao cambio climático” para conmemorar o Día Mundial dos Humidais. Esta iniciativa está promovida pola Xunta de Galicia e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

Con este mesmo motivo, a Consellería do Medio Rural organizou unha serie de actividades para sensibilizar á sociedade, partindo da comunidade escolar, sobre a gran biodiversidade que se agocha nos humidais e a fraxilidade destes ecosistemas.

Este día pretende recordar o tratado intergobernamental que se creou no ano 1971, a Convención Ramsar (así chamada porque tivo lugar na cidade homónima, en Irán), e que serviu para marcar as pautas a favor da conservación dos humidais e o seu uso racional mediante accións locais, rexionais e nacionais. Desta forma, preténdese contribuír na conservación destes espazos en particular e no propio desenvolvemento sostible do mundo en xeral.


Humidais de importancia internacional de Galicia

A Comunidade Autónoma de Galicia conta con cinco lugares declarados Humidais de Importancia Internacional. Na provincia de Pontevedra atópase o Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira mentres que na provincia da Coruña están as Rías de Ortigueira e Ladrido, o Complexo das praias, lagoas de Carregal e Vixán e duna de Corrubedo, a lagoa e areal de Valdoviño e a Ría de Ribadeo.


Semana dos Humidais

Ao longo desta semana, estudantes de secundaria e bacharelato poderán gozar de diversas charlas divulgativas, promocionadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sobre a importancia dos humidais en Galicia e promover a necesidade de conservar e protexer estes ecosistemas. Tamén se levarán a cabo talleres de observación ornitolóxica onde os estudantes poderán comprobar a gran riqueza biolóxica que teñen estes espazos.

O obxectivo fundamental desta celebración é conseguir que a sociedade sexa consciente dos perigos do cambio climático nestes ecosistemas únicos.


Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical