22.2.10

Noia: o Bng presentou o seu posicionamento sobre a fusión das Caixas nunha conferencia

(Nota íntegra do Bng) Noia, 22 de febreiro de 2010. O BNG da comarca Muros-Noia organizou o pasado venres, 19, na Casa da Cultura Avilés de Taramancos de Noia, unha charla informativa sobre a Lei de Caixas e fusión galega. Nesta charla participaron ademais do Responsábel Comarcal do Bloque, Manuel González López, a deputada no Parlamento Galego, Ana Pontón Mondelo e o profesor na Facultade de Económicas, Xesús Veiga Buxán.

Comezou o profesor Veiga Buxán, quen explicou que as Caixas de Aforro son entidades de carácter semipúblico que concentran máis da metade do aforro dos galegos e das galegas. Así, mentres os Bancos son entidades privadas, é dicir, son propiedade dunha persoa ou dun grupo moi reducido de persoas, as Caixas de Aforro son propiedade de todos os seus impositores, e os seus xestores incluídos, os presidentes, son simples traballadores das mesmas; non os seus donos, como así acontece cos Bancos. Esta condición fai que as Caixas se preocupen máis polo investimento dos seus beneficios en obras sociais que en repartilo entre os seus accionistas, como fan os Bancos privados. O exemplo máis claro de que as Caixas procuran en maior medida o servizo aos cidadáns que o simple lucro como ocorre no caso dos bancos está na ubicación de moitas destas oficinas en núcleos de escasa poboación e pouco rentábeis desde o ponto de vista económico, mais que prestan un servizo moi importante aos cidadáns que viven nestes lugares.

Pola súa parte, a deputada Ana Pontón afirmou que, grazas á iniciativa do BNG, Galiza xa ten unha nova Lei de Caixas. Esta nova Lei de Caixas pon o aforro dos galegos ao servizo da economia produtiva do País; garante a renovación dos órgaos directivos e o control democrático da xestión das Caixas através da representación pública, e serve para democratizar e facer máis transparentes estas entidades.

Asegurou tamén que o BNG defende unha fusión paritaria e equilibrada das dúas Caixas (Caixa Galicia e Caixanova), sen vencedores nen vencidos. A fusión galega é portanto a única alternativa que garante que o centro de decisión do sistema financeiro do País fique aquí e non vaia a Madrid.

Rematou decindo que, unha vez máis, mentres o Bloque está a defender un sistema financeiro propio e que os aforros dos galegos e das galegas valla para poderen acceder a créditos tanto empresas como particulares, o PSOE está entregado dun xeito descarado aos intereses foráneos de Madrid e outras partes do Estado. Entretanto o PP, móvese na ambigüidade, condicionado polas estratexias estatais do seu partido, claramente inclinado pola desaparición das Caixas galegas como tais.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical